Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre demografía e movementos de poboación

lunes, 03 de enero de 2022
De xeito periódico aparecen novas sobre demografía en Galicia. O normal é que sexan notas pesimistas en relación a datos reais do desenvolvemento poboacional actual e proxección cara ó futuro dos galegos, mais esta mesma semana apareceron novas sobre o movemento poboacional relacionado coa pandemia, en base a que o INE publicou o censo de xaneiro de 2021. A idea baixo os titulares era que a COVID impulsou un movemento de poboación fóra das cidades.

A nivel xeral, Galicia acadou un pico poboacional nos anos 80, e logo outro (máis baixo) no 2010. Este último, netamente por entrada de xente de fóra, inmigrantes (e emigrantes retornados). Pero dende esta última data os rexistros indican que leva perdido 100 000 habitantes, camiño dun 4% da poboación, unha cantidade considerable. E, só no 2020, máis de 6000 veciños.

Nese contexto, o dicir que o conxunto das sete cidades galegas perdeu uns 5000 habitantes coido que, sen deixar de ser relevante de por si, pasa a ser algo relativo. E máis aínda cando esas persoas desprazáronse, na práctica, a zonas limítrofes ás cidades, a zonas que poderiamos chamar suburbanas máis ca rurais. E é que as rurais 'auténticas' máis ben seguen a perder peso demográfico dentro de Galicia. Algo que se pode ver comparando números dalgúns lugares, como a provincia de Lugo ou a Mariña (o conxunto das tres definidas 'comarcas' que forman parte dela).

No caso da provincia, Lugo perdeu dende o 2010 ó 2021, 27 000 habitantes, cousa dun 7% da poboación, e, no 2020, máis de 2000, é dicir, un terzo da perda total de Galicia dese ano, tendo menos dun sexto da poboación.

Dentro da provincia, se quitamos o entorno da capital, a zona relativamente máis poboada é a da Mariña, aínda que sen ningún núcleo urbano que pase dos 10 000 habitantes (a excepción de que consideremos Viveiro e Covas como un núcleo único). A Mariña perdeu dende o 2010 case 6000 habitantes, máis do 7%, e no 2020, máis de 300, case un 0,5%. É dicir, no conxunto da década pasada, perdeu habitantes na práctica na mesma porcentaxe que o resto da provincia (e ben maior que Galicia), e no último ano, que marcaría a diferencia da COVID, a dobre ritmo que Galicia aínda que dito ritmo sexa menor que o da provincia.

Baixando aínda de nivel, dentro da Mariña, os catro concellos que concentran a maioría da poboación (de oeste a leste, Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo), case os dous terzos dela cos datos de na man 2021, levan subindo porcentaxe de habitantes dentro da comarca (ano 1981, 42%, 2010, 61%, 2021, 63%), aínda que dende 2010 perderan en conxunto case 1000 habitantes, e no 2020, 250, unha porcentaxe neste último caso semellante ó total da Mariña.

Resumindo, os movementos de poboación pola COVID existen, pero en relación á evolución xeral da poboación en Galicia só son unha superposición á tendencia observada con anterioridade. Superposición que aínda está por ver se é ou non pasaxeira fronte a unha tendencia que pode agravarse con problemas como os que ten a Mariña con industrias como Vestas ou Alcoa.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES