Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O gusto por manter unha cultura (8)

jueves, 06 de enero de 2022
Poesía para construír a fala

A poesía foi a gran valedora da lingua, aínda cando se escribía en prosa... esta volvíase poética cando miraba para dentro. Vexamos algunha mostra.

"Miña patria:
Eu son o teu soldado máis forte.
A túa lingua é a miña espada
e cando debullo unha canción
cando florece unha palabra
canta en min o labrego cavador
O emigrante e o poeta,
o mariñeiro
o home que amasa o pan e moxe o leito.
Non son un home: Son un pobo
e ninguén me pode domear!"

Escribía Avilés de Taramancos, nos anos 80 do século pasado. Cada falante é unha boca, un soldado sen armas que a defende coa palabra, nesa palabra na que están presentes todos os que a falaron e a continúan a falar, o pobo que a construíu e a sostén; a boca da terra pola que se expresa.

Os poetas non teñen outra ferramenta. Teñen que falar dela, da lingua, nun exercicio de consciencia. Han de defendela.

Coma el, moitos máis falaron dela, cos seus versos.

Ás veces o poema é un berro. Celso Emilio Ferreiro fai denuncia e autoafírmase, defínea proletaria e voz dos devanceiros, di que cando a falas te sitúas ao lado dos humildes, dos que sufriron e foron contados noutra lingua, por iso a defensa venlle dunha tristura fonda... de onde igual chega tamén o saudade polo perdido aínda sen coñecelo:

"Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa."

Antonio Tovar, escribe:
"Idioma escuro,
patria pequena
(...)
Patria pequena, sen maúscula,
verdadeira patria.
(...)
Lingua pequena e fermosa e derrubada
lingua miña, verdadeira lingua."


Porque dicía Camus que a súa patria era a lingua na que escribía, para Tovar o galego é a patria pequena, a verdadeira, a derrubada; a do himno que pregunta en lugar de pisar con zapatón militar, a que escoita a natureza e agarda outros tempos.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES