Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Palabra de Deus amiga

domingo, 02 de enero de 2022
Dentro de só catro días, o próximo xoves, é tamén día santo, un día fermoso e cheo de ilusións como o é tódolos anos a entrañábel festa dos Reis Magos a pouco de comezar o novo ano. Onte celebramos ademais a festividade de "Santa María Nai de Deus" co que comezou tamén unha vez máis o novo ano, que agora se chama 2022. Por todo isto procurarei hoxe ser algo máis breve.

Temos que abrirlle a Deus Pai as portas do noso interior para que nos fale a todos por medio do seu Fillo, que é –tal como nos di Xoán no evanxeo de hoxe- a Palabra, a Palabra de Deus ó mundo, á humanidade toda.

Por medio desa palabra convertémonos en fillos de Deus, asemellándonos ó fillo benquerido de Deus, Xesús. Temos que ir aprendendo a concentrarnos naquilo que é o esencial, o máis fundamental, da mensaxe cristiá. Unha aprendizaxe que non pode ser só teórica, senón que ha ser sobre todo viva e práctica. Nestas festas do tempo de Nadal hai moita fondura e misterio. É nelas onde aparece a nosa irmandade con Xesús e, en consecuencia, a nosa relación filial con Deus Pai. Esta é a estrutura básica da nosa fe. Ese foi e é desde sempre o misterioso proxecto de Deus Pai con todos nós.

Paulo dínolo na súa carta ós Efesios da segunda Lectura de hoxe. En Xesús, comenta el, estamos todos "benditos". Pois foi nel e "por medio" del como Deus Pai nos "escolleu" e "predestinou" a todos nós, "antes da creación do mundo", para "sermos fillos adoptivos seus". Isto é algo que ningún pensamento humano podería sospeitar desde si mesmo, se non nos fose revelado por medio dun Xesús que coñece o seu Pai Deus como fillo "benquerido", que se relaciona polo tanto con el de maneira intimamente familiar, única.

Como este Deus Pai é para nós absolutamente infinito e resúltanos, en consecuencia, totalmente imposíbel entendelo e comprendelo directamente, por iso se nos comunica a través do seu Fillo humanizado, feito home. A un neno, a un coma nós, si que os podemos en certa medida entender, porque participan da nosa común humanidade. É así como Xesús se converte na Palabra de Deus, sendo ó mesmo tempo esta mesma Palabra tan divina coma o Pai que a pronuncia, que a dirixe a nós. Por iso é tan fondo, tan sublime e -por estraño que poida parecer- tan doado tamén de entender o que se nos di neste, tan famoso, comezo do evanxeo de Xoán, que acabamos de proclamar e escoitar.

Xesús é a "palabra" de Deus Pai ó mundo. É Deus mesmo quen nos dirixe a nós esta súa palabra. Con iso quedamos automaticamente dignificados. Cando un grande -e non pode haber ninguén meirande ca Deus- lle dirixe a un a palabra, queda un ipso facto transformado. Entra un nunha relación insospeitada. Pasamos de ser un ninguén, unha nada, algo totalmente insignificante, á dignidade e grandeza de vérmonos convertidos en "fillos de Deus". Podemos dicir que nacemos de novo. Xoán dinos que "nacemos" así da "vontade de Deus". Ó nacermos deste xeito divino, recibimos –continúa a proclamar Xoán- "o poder de sermos fillos de Deus". Tal e como soa. Non desvaloricemos esta gran mensaxe cristiá: "fillos de Deus", adoptivos, mais verdadeiros, auténticos.

Por iso, esa gran mensaxe de Xesús como "Palabra" de Deus a nós e que nos converte en fillos de Deus ten unha inconcibíbel capacidade vivificadora e iluminadora. Nesa palabra, dísenos no evanxeo de hoxe, está a "luz" e maila "vida", pois é Xesús quen nos di sobre si mesmo: "Eu son o camiño, a verdade e A VIDA". "Eu son a LUZ do mundo". Unha vida que é, xa que logo e ó mesmo tempo, "luz dos homes", luz contra a que nada poden facer as tebras. "A Palabra –dinos Xoán- era a verdadeira luz que aluma a todo home que vén a este mundo". Xesús, palabra de Deus Pai ó mundo, é para Xoán en definitiva ese novo sol que espalla vida, calor e luminosidade fronte a calquera clase de morte ou escuridade.

Por todo isto, Xesús como"“palabra" non é unha palabra oca, baleira, abstracta. É, polo contrario, unha palabra con peso, con contido, con carne. "A Palabra fíxose carne", dinos Xoán. Da mesma maneira que Deus Pai é en si mesmo plenitude, riqueza e realidade infinitas, así o é tamén a súa Palabra. Non podía ser ela doutra forma. Así, por Xesús podemos saber como é Deus. Este é o resumo e a conclusión da reflexión de Xoán: "A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou".

Deámoslle grazas a Deus por ter querido manifestársenos no seu fillo Xesús, aparecendo entre nós, como nos di tamén Xoán, "cheo de graza e de verdade".
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES