Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 05 de enero de 2022
Todo un dilema

Non sei que facer. Teño tantas cousas pendentes, que non sei por onde empezar. Sei que a mellor solución é non facer nada. Pero tampouco quero que me tachen de nugallán. A min, que sempre me ferve o sangue. Sempre fun un espírito libre, aínda que estivese preso. Son un espírito libre. Agora mesmo non estou preso. Teño liberdade Pingas de Orballo para escoller o asunto ou o tema polo que empezar a facer algo, pero... Deus bendito, corróeme a dúbida. Que difícil é escoller ás veces.
É tan difícil que non sei se cantar unha canción ou asubiala, con todo o que me gusta asubiar. Tampouco sei se ver un partido de fútbol ou atender a unha etapa ciclista. Se collo polo camiño da esquerda, que pasa có da dereita? É certo que son asuntos ós que non lles daredes importancia. Que serían moito máis importantes esas materias máis físicas, máis útiles. Que tamén as teño, pero estase tan ben sen facer nada...
Se escribo, non leo. Se leo, non pinto. Se corro, non ando. E se ando, non troto. Todo un dilema. Se penso nun coche vermello, como vou deixar de lado un amarelo que quizais chame máis a atención. Non sei que facer, non sei como actuar. É moi fácil escribir nun ordenador, pero tamén é tan bonito facelo a bolígrafo. Menos mal que eu uso as dúas maneiras: agora mesmo estou dálle que dálle co bolígrafo; e agora mesmo estou pasa que pasa no ordenador. Neste caso, non houbo dilema. Pero, polo demais, non sei que facer. Todo un dilema.

Sei moitas cousas

Sei que algún día caerán as estrelas sobre a Tapada dos Ferreiros e que John Williams compoñerá unha banda sonora no parque das Mestras. Sei que nunca chove a gusto de todos e que o universo é infinito. Nel, no universo, xogarei ó fútbol coas lúas ou satélites de Saturno. Terei de espectadores ós meteoritos. Sei que as pingas de Pingas de Orballo orballo caen sobre sentimentos e pensamentos que están aí pero que hai que xuntar e mesturar aínda que sexa sen ritmo nin concerto.
Din que o saber non ocupa lugar. Ou si. Porque a ver onde metes, onde acumulas, onde pechas, onde encerras, onde gardas todo o que vas aprendendo. Tamén sei que todo o aprendido sae á palestra ou pérdese no tempo como bágoas na chuvia. É hora de morrer, dicía aquel de Blade Runner. Menos mal que non son Rutger Hauer, porque non estou disposto a morrer en ningunha película, nin tan sequera na realidade da vida.
Sei que aterrarán helicópteros no alto dos Castros e que algúns soldados se tirarán en paracaídas desde varios campanarios para caer, moi mansamente, sobre as guerras duns cantos. Sei que un suspiro é o latexo exterior dun sentimento e que os latexos rebentan os versos dos anhelos. Sei cousas que ninguén sabe e que non penso dicir para que non sexades coma min ou máis ca min. Sei que a ilusión, ás veces, vólvese decepción e que os soños se converten en pesadelos. Porque sempre hai un dereito e un revés. Isto tamén o sei moi ben.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES