Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A primordialidade de sermos e comportármonos libremente

lunes, 03 de enero de 2022
Lebe mit deinem Jahrhundert, aber sei
nicht sein Geschöpf, leiste deinen Zeitgenossen,
aber, was sie bedürfen, nicht was sie loben
(F. Schiller)

Liberdade, liberación, amor, autorrealización, autoridade, obediencia e semellantes son palabras ou conceptos cos que nos atopamos teórica ou vivencialmente non poucas veces ó longo das nosas vidas. Afectándome a min ou os demais, en tensa fricción case sempre, cuestionando internamente actitudes e comportamentos, tanto os meus persoais coma os dos que viven no meu entorno. As historias do pensamento e das actitudes humanas non deixaron de lles prestar en case tódalas épocas cumprida atención a estes temas. Con maior ou menor éxito.

En calquera caso, a nosa globalizada conciencia moderna non deixa de continuar a formular este tipo de cuestións de xeitos novos e urxentes que afectan non só a individuos concretos senón tamén a grupos, culturas, pobos e ata a enteiros continentes.

Nestas curtas liñas só tento formular un par de reflexións verbo desta non tan doada problemática, que se nos presenta porén como ávida de solucións ou dilucidacións a moi diversos niveis.

Naturalmente, resoan case sempre aquí, nesta case inaprensíbel cuestión, aquelas coñecidas reflexións de Hegel sobre o ascendente proceso dunha historia universal que conduciría inexorabelmente á liberdade. Pois para el "a historia universal" sería xa ela mesma "o progreso na conciencia da liberdade". Mais tal teoría non semella ir efectivamente máis alá de ser, pese a todo, un fermoso e lexítimo desexo do gran filósofo alemán, que dá nela fe da súa estima da liberdade, distando moito, polo que parece, de calquera posibilidade de estrita verificación, á vista das inimaxinábeis violencias de todo tipo ocorridas desde a formulación da teoría hegeliana ata os tempos presentes a moi diversos niveis: político, social, cultural, individual etc.

O exercicio efectivo da liberdade continúa a ser, pois, un ben escaso, un precioso don, delicado e ameazado dende moi diversas frontes. Por máis que a súa ausencia remataría igualándonos en última instancia ás realidades físicas ou naturais, que carecen de calquera posibilidade de transcenderse a si mesmas cara a aquelas accións que propiamente podemos denominar humanas: pensar, decidir, progresar, amar, perdoar, esperar, finar en paz etc.

Por iso a busca e maila defensa da liberdade, das liberdades individuais, comunais etc. deberían converterse no primeiro e máis fundamental imperativo categórico humano. Sabendo, obviamente, que tal liberdade, pra ser verdadeiramente tal, non pode ser só a miña, senón a de todos, é dicir, a daqueles cos que, dun xeito inmediato ou mediato, estou de feito relacionado. Isto leva necesariamente consigo unha serie de actitudes ou comportamentos que van dende o mutuo respecto ata o amor incondicional.

Nesta inacabábel laboura de construción das liberdades individuais e colectivas fica moito ou case todo por facer, porque ela abrangue eidos teóricos ou prácticos aparentemente moi diferentes ou entre si inconexos. Trataríase, xa que logo, en definitiva da defensa dun "egoísmo" comunal ou universal, que é plenamente consciente de que non hai salvación sen os demais, sen os outros "ego" (sen os outros "eu") e sen tódalas outras realidades que aparentemente están só aí "fóra", mais que son parte integrante (por secreta e agachada que sexa) de toda existencia particular.

A liberdade ou as liberdades conscientes da grandeza dun tal don, terán, pois, que denunciar e fustrigar decididamente e sen demora comportamentos sociais, políticos, económicos, tamén relixiosos ou de calquera outro signo, que as opriman ou restrinxan. A liberdade é un fino galano, que desde que por primeira vez comezou a florecer na terra está destinado a se afincar para sempre nela pra o seu comunal e solidario desfrute. Unha actitude muda ou pasiva das liberdades conscientes de si mesmas levaríanos inexorabelmente á común destrución.

Os tempos e as atentas sensibilidades semellan camiñar, paseniñamente alomenos, nesa dirección pese ás fortes e conxuntadas presións en sentido contrario por parte de poderosas instancias políticas e económicas (tamén outras, dependentes destas) que se senten ameazadas por cantos, dende as súas carencias dos máis elementais recursos humanos, case non dispoñen das posibilidades de exercer practicamente as súas propias e innatas liberdades. Neste sentido teño que dicir que fiquei curiosa e gratamente sorprendido hai só un par de días cando nunha novela que estaba a ler da escritora Inma López Silva que leva como título 'Aqueles días en que eramos malas' me atopei co seguinte e lúcido parágrafo:

"Pensa agora sor Mercedes que ás virtudes cardinais lles falta a liberdade, e que, así, deberían ser cinco, que é un número máis redondo e que, sumado ás virtudes teologais, daría oito, que é o número máis redondo de todos. A liberdade como virtude, si, porque posuíla te fai mellor" (p. 239 da sexta impresión de 2021 do mencionado escrito).

E pra entender no seu preciso senso o que aquí se nos di cómpre lembrar que os nomes tradicionais das catro chamadas "virtudes cardinais" son os seguintes: prudencia, xustiza, fortaleza e temperanza. A estas habería, pois, que lles engadir, segundo a proposta da escritora -formulada no seu escrito por Sor Mercedes-, a nova "virtude" da "liberdade". E ben sabemos que "virtude" implica xa etimoloxicamente un certo grao de ousadía, de coraxe civil humana.

Os entendidos en temas morais ou éticos falan pola súa parte da primacía dun ou doutro principio básico sobre o que se fundamentarían as diversas opcións éticas. Pola miña parte, aínda non considerándome destro nestas sutís lides teóricas, tendo a pensar que os alicerces máis seguros e certos dos comportamentos éticos deberían basearse no máis característico do que a realidade humana en canto tal é. En liña, xa que logo, co achegamento realizado por exemplo por Ortega y Gasset ó seguinte imperativo de Píndaro: "Sé o que es". Agora ben, coido que o que máis fundamentalmente caracteriza o noso "ser" humano é xustamente esa nosa capacidade ou querenza de liberdade pra dispormos sobre nós mesmos. Liberdade interna e externa, persoal e comunal, individual e colectiva. Sermos éticos significaría en tal sentido sermos absolutamente respectuosos e impulsores da liberdade propia e da dos demais. Calquera outro suposto imperativo categórico superior ou anterior a este estaría en perigo de desvirtuar aquilo que máis fondamente nos caracteriza e dignifica: sermos libres. Sobre esta grandeza da liberdade escribíalle así o frade bieito Martín Sarmiento (séc. XVIII) a un seu irmán de hábito: "a liberdade da persoa é unha cousa tan delicada que incluso Deus a trata e manexa (séxame lícito dicir isto) con pinzas".

Se a teor do aquí formulado por Sarmiento Deus trata xa cada quen, xustamente pola súa liberdade, con fina delicadeza ("con pinzas"), en que supostos dereitos poderán os seres humanos (calquera que sexa o mando de que eles estean revestidos) basear o seu irrespectuoso ou rudo comportamento cos que son a eles iguais na común humanidade recibida? Por iso -e manténdonos na escoita da sabedoría secular do monaquismo occidental- o eminente cisterciense medieval Bernardo de Claraval formulaba xa bastantes séculos antes có bieito galego Sarmiento o seguinte comentario en relación cos comportamentos das autoridades eclesiásticas respecto dos seus dependentes:

"Debedes aprender a ser nais, non donos, dos vosos súbditos; procurade máis que vos queiran ca que vos teman: e se algunha vez se precisase severidade, que esta sexa paternal, non tiránica. Amosádevos como nais no agarimo e como pais na corrección" (traduzo directamente dos "Sermones in Cantica Canticorum" de San Bernardo o correspondente texto latino do seu Sermo XXIII, 2).

Esta esixencia de Bernardo dun comportamento "maternal", é dicir, do amor, na relación autoridade-súbdito está obviamente fundamentada en que en realidade en tal relación hai unha igualdade básica ou fundamental: a de todos termos accedido á liberdade humana que nos dignifica desde un amor libre e gratuitamente recibido nos albores mesmos do noso existir (remito sobre esta temática ó meu La vigencia del amor, Madrid, 1994).

Agora ben, o amor tampouco se pode impor. É sempre humano don, gratuíto e libre, por máis que sen el tampouco floreza estritamente a súa máis fermosa filla, a liberdade. Velaquí a febleza e a grandeza da liberdade.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES