Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Oda a Xesús Cristo', de Xosé Antón Miguélez

viernes, 31 de diciembre de 2021
Rézoche a ti, Xesús crucificado,
e ao teu Pai e teu Deus que non simula
que a empresa de acollerte e de querernos
é costenta e ás veces nos engruña.

Velaquí un crego que reza en verso, utilizando esa especial canle que sóa ou en 'Oda a Xesús Cristo', de Xosé Antón Miguélezcompañía da música, se considera perfecto xeito de achegarnos ao Ser Supremo.

Porque hai magníficos poetas que escriben poesía relixiosa desde fóra do mundo eclesiástico, con fermosos -emocionantes- resultados, pero neste caso concítase o exercizo do sacerdocio coa escrita dunha poesía diáfana, unha poesía para pensar, unha poesía para rezar que xorde da fe e do estro poético de Xosé Antón Miguelez, na actualidade párroco de Vilanova de Lourenzá.

Preséntasenos este libro co subtítulo de "Credo e camiño", e "en hendecasílabos levemente rimados, malia a dificultade da rima sostida de cabo a rabo", é unha permanente declaración de amor que comeza:

Adórote Xesús, iso quixera,
niso quero crecer sen impostura,
seguirte máis de preto aínda que manque
amarte é o meu soño e aventura.

A editorial suscribe que esta Oda "é un tesouro de espiritualidade, moi madurada e personalizada, resultando un aporte valioso e novidoso na literatura teolóxica galega, pero aínda, incluso, na literatura galega en xeral que se enriquece con esta creación sen precedentes".

A ti me arrimo porque quero amigos
que non me fallen nin tampouco suplan,
que non me adulen e que si me adestren
para poder chegar ao non plus ultra.

O libro está composto por trescentos grupos de catro versos con outras tantas referencias bíblicas nas que os versos se basean, respirando todos eles fe, paz, ledicia de vivir, esperanza e coñecemento. Quizais a ledicia é o elemento primordial que asoma en todos os versos:

Adórote e moi ledo te celebro,
Xesús de Nazareth que con bravura,
mansísimo dobregas a soberbia
e ofrécesnos de Deus paz e dozura.

Explica Xesús Portas Ferro no seu prólogo que o hendecasílabo "é, dos versos, o máis digno e difícil da poesía culta dende o século XVI para acá", sinalando que "se as estrofas fosen cuartetos ou serventesios -estrofas de catro hendecasílabos con dúas rimas consonantes en cada unha delas- a escolla podería resusltar máis arriscada. Ou non; nada ou ninguen lle impediría usar rimas diferentes en cada estrofa" pero o autor, "buscando se cadra un pouco alarde e moita unidade e coherencia textual, opta desde o comezo por manter unha única rima en "úa" coma en "largura", "fartura", "dúbida", "ningunha", concluíndo que "600 palabras en "úa" sen incorrer en ripio supón un grande alarde, e o autor, aínda por riba, evitou case sen excepción repetir a mesma palabra en rima. Non me cabe dúbida ningunha: desde o punto de vista formal achámonos ante un poema lìrico maior".
Adórote por verte Deus concreto
carne humana e divina toda unha,
o teu paso de ben deixou raíces
que a toda historia humana da fondura.

O prologuista danos pistas de a quen, de nós, está destinado o libro: "ás persoas crentes de certa formación que len con interese poesía de tema relixioso ou literatura teolóxica", pero o autor "non fala co destinatario, non o invoca ou apostrofa, non o exhorta nin lle pide nada. Na oda a Deus vaise expresando o que Deus significa para o suxeito, referíndose a el -ou a Ela-, isto é, a unha terceira persoa da que se fala."

Bendígote Xesús pan substancial,
maná que esvae cando se acumula,
pan da santa suor polo alimento,
panciño e don do ceo en desmesura.

'Oda a Xesús Cristo', de Xosé Antón MiguélezXosé Antón Miguélez Díaz, nado en Lugo da colleita de 1946, é un crego afable, todo sorriso, servicial, ilustrado, ao que coñecín en actos culturais e sociais nos seus tempos de crego en terras de Abadín. Servíu logo parroquias en As Somozas e Ferrol... reencontrándonos físicamente de novo en Vilanova de Lourenzá onde me abríu as portas da monumental igrexa que foi abacial e agora parroquial, volvendo dunha rápida viaxe para chegar e abrirme as portas daquela gran casa de obrigada visita para quen queira repasar a nosa historia relixiosa e pararse a meditar diante da tumba do Bispo Santo ou no monumental Relicario que as catedrais envexan.

Graciñas, Xesucristo, que transformas
vidas moi mouras coa túa brancura
coa túa humanidade, clara luz,
a escuridade para sempre anulas.

Non esquece, membro activo da Igrexa, o papel desta entidade imperfecta e imprescindible, á hora de rezar a Xesús Cristo:
Bendigo a Igrexa santa e pecadora,
bendigo o pobo de María pulcra,
pido perdón por ser cativo fillo,
desa nai que se entrega e tamén murcha.

No libro proclámase que esta obra é un "pregón admirado, agradecido, orixinal, suxestivo, ás veces moi intenso, que ao autor enche de gozo e quere compartir con quen busque o agarimo de Deus, o seu descanso e a súa forza curadora". Os catro últimos versos do libro son un perfecto punto final.

A Deus grandiosa toda a gloria sexa,
humilde Don que en ti tanto relumbra,
benditos para sempre Pai e Fillo
co Alento santo que en amor nos xunta.

Este poemario do Pai Miguélez é confortante, saudable, fermoso, útil, alegre, garimoso, fundamental. Pode usarse como devocionario, como curiosidade poética, como libro de cabeceira, como lectura recomendada nos colexios. Debe utilizarse, cada quen segundo o seu sentir e coñocer. Para disfrutar. E para pensar. Noraboa, crego poeta e amigo por alumearnos o camiño.

Oda a Xesús Cristo, de Xosé Antón Miguélez, está editado pola Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (Sept), e distribuido por Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal)
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES