Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A pandemia como escola de 'Tramposos'

viernes, 31 de diciembre de 2021
Non pretendo dispoñer do tempo dos lectores comentando as artimañas dos tramposos que andan polas feiras enganando aos paisanos, nin tampouco aos que cazan animais salvaxes con artificios ad hoc. Refírome aquí a todas aquelas persoas que, dotados de poder económico, político ou de outra clase, nas cuestións que afectan a Humanidade en xeral, adoptan unha actitude egoísta, individualista e insolidaria, como nos exemplificou Trump, no papel de Presidente de EE.UU., nunha reunión en París, con motivo de acadar consensos para reducir os danos ecolóxicos. (Utilizo a fonética inglesa para designar aos seguidores de Trump (´trAmp)).

A necesidade de acadar solucións as DIFERENZAS, que non as DIVERSIDADES, comporta consensos posibles de buscar situacións nas que, cando menos, sexa posible compartir as regulacións mundiais das actividades encamiñadas a neutralizar os efectos perniciosos de tantas discrepancias como hai no mundo dos homes e das mulleres, que impiden obter resultados con éxito.

Explícome, complementando. Nin tan sequera existen obstáculos biolóxicos de tal magnitude que o impidan, senón todo o contrario. Porque os seres humanos poden ter diferenzas, adventiciamente creadas entre eles; pero o que non teñen é unha diversidade que os separe no modo natural de referirse á mesma cuestión, posto que posúen igual VERSIÓN FILÉTICA. Polo tanto, as diferenzas sempre poden ser superadas. O que parece que teñen en común con todos os seres vivos é, segundo os estudosos desta temática, o mantemento da súa ESPECIE.

Pero este imperativo vital de manter a "supervivencia" da ESPECIE non o cumpre con corrección ética o ser humano: As guerras, os asasinatos, as condenas a morte, a falta de coidados familiares, os mesmos abortos, a insolidariedade, etc., estiveron e están presentes no seo da humanidade. É que nin sequera ese vínculo común no parece que esperte no home a necesidade de fundamentar un consenso xeral, soterrado historicamente, para dar solución eficaz aos problemas que emerxen nos nosos tempos, aínda que isto comprometa a subsistencia da especie.

Ademais, o home/a muller ten capacidade non só de establecer horizontes que delimitan o espazo da súa comprensión da realidade, senón a de ir ensanchándoos, para dar satisfacción as preguntas PENÚLTIMAS, de carácter científico; pero, máis aló dos límites acadados, no inmenso e indefinido "espazo" (comprendan a metáfora) séntese invitado polas súas limitacións, enigmaticamente, a albiscar a contestación ás ÚLTIMAS preguntas. (Consulten QUÉ ES EL HOMBRE, de Pedro Laín Entralgo).

Por conseguinte, desde o seu rol no universo, parece que pode contar coa perspectiva adecuada para definir o verdadeiro sentido da súa vida, e incluso sentirse vinculado ao que designan algúns estudosos como SUPRARREALIDADE, facendo alusión ao BALEIRO CUÁNTICO, anterior ao Big Bang. Calquera outro suposto achado fora desa posición estaría matizado pola condición de medio funcional na dinámica evolutiva universal.

Será complicado, mais desentenderse de todo isto non parece propio dos individuos da especie humana; así que aqueles que pensan, mandan, estudan, posúen poder económico e político, e sobre todo contan co privilexio de ter unha mente preclara, sen dúbida, comprenderán que a humanidade está necesitada de importantes correccións, e que, sen caer nun antropocentrismo irracional, contan con elementos suficientes de xuízo para contribuír a unificar criterios que nos leven a unha globalización cada vez máis comprensiva, camiño dunha maior harmonía no mundo.

E sobre todo os que non consideran aceptable o que non lles reporta beneficios e non prima a atención dos propios intereses, ou dos do seu grupo, poden, atendendo as leccións que nos imparte a escola práctica da actual pandemia, descubrir a ineficacia dun egoísmo e dun individualismo extremos, que é mester cambiar por unha colaboración a nivel mundial, rexeitando toda clase de insolidariedades. E, por suposto, os "tramposos" non deberían perder esta ocasión de aprender a corrixir as actitudes xeradoras de condutas impertinentes, teórica e practicamente.

O próximo ano 2.022, segundo algunhas informacións que parecen fiables, non vai carecer de dificultades económicas, de dificultades de convivencia, de inxustizas evidentes, de discrepancias inventadas, etc... Polo tanto, neste amplo espazo de tempo, os seres humanos deberíamos pola nosa condición de elementos non só integrantes, senón tamén constitutivos, da única especie á que todos estamos vertidos, evitar caer nunha vergonzosa práctica de DIVERSIDADE "filética".

Permítanme explicar aquí o meu uso do sintagma "diversidade filética". Quero resaltar que neste caso estou incidindo nunha especie de diferenciación esencialmente específica, unha regresión a condutas propias dos animais que viven nun mundo de meras respostas estimulares, omitindo, incluso, ás veces por cómodo egoísmo, a aplicación da razón. Así, pois, non se trata dunhas diferenzas dentro da especie, privilexiada coa razón, é dicir, superables, senón das insuperables diversidades.

Xeralmente, soe falarse, neste caso, de "diversidades ontolóxicas"; pero estamos confundindo a REALIDADE co SER, que é ACTUALIZACIÓN da aquela no mundo; é, en expresión zubiriana, REALITAS IN ESSENDO: A realidade é anterior ao ser, e, por conseguinte, o "filético", en canto realidade biolóxica, fundamenta o ontolóxico.

Xustamente, cando o home/a muller se precipita nesta situación, dificilmente se pode corrixir, porque xa non está a nivel de meras diferenzas específicas susceptibles de consensos, senón que se sitúa nun obstinado primitivismo, tratando o diferencial como diverso.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES