Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Libro-homenaxe a Dino Pacio Lindín

jueves, 30 de diciembre de 2021
Como se non fosen posible as alegrías completas, a gloria da homenaxe ao ilustre fillo da Pastoriza chairega, Dino Pacio Lindín, vese ensombrecida polo pasamento do escritor e amigo, chairego senlleiro, académico e tradutor, Darío Xohán Cabana que rende contas ao creador do uso dos incomparables talentos cos que foi dotado. Talentos dos Libro-homenaxe a Dino Pacio Lindínque todos nos temos beneficiados, e que xogan ao favor deste fabulador, excepcional poeta, xigantesco galego inmorrente.

Se a tribulación nos entristece por outro tributo humano, irreparable perda, esixido por este tempo difícil, temos a necesidade de ollar lonxe e aledarnos da existencia, a milleiros de kilómetros de distancia física, nos arredores do noso corazón e na raiz da nosa terra, de Dino Pacio Lindín, que leva A Pastoriza e Galicia por bandeira polo intricado mundo social do corazón neoiorquino, como revolucionario pacífico e silencioso que sabe que a redención do ser humano pode e debe facerse con intelixencia, con traballo, con cultura e con amor.

Pero primeiro teño que confesar que teño a sensación de ser un intruso neste mundo reflectido da esencia de Dino Pacio Lindín, porque nin fun o seu alumno, nin son puntual seguidor da súa obra, nin disfrutei da súa convivencia, nin siquiera poido afirmar a súa amizade, aínda que sexa, si, vello admirador da súa obra.

Só en tres ocasións estiven en contacto con este singular home, primeiro de Deus, e sempre das xentes. A primeira, hai vintecinco anos, cando andaba eu na procura de datos para o libro AUTORES LUCENSES ACTUAIS, que promovía a Delegación Provincial de Cultura da Xunta e publicou en 1994 esta institución que hoxe nos acolle.

Naquel libro, xa cun cuarto de século de existencia, recollíamos cinco obras esenciais deste autor, en galego, castelán e inglés, que falaban de "Juventud radical", "Terra húmida", de educación laboral, de inmigración e de "Hispanos e Españolusa".

Xa neste século, cando poñíamos en marcha Galicia Digital contactamos de novo para reflectir a traxectoria de Dino de Ximil, como el se presenta, podendo esplaiarnos sobre as súas actividades nos sete idiomas que domina, a súa defensa a ultranza do galego e a loita polos dereitos dos emigrantes… e as súas creacións que levan os nomes de "Escola nos apartamentos", "Solidariedade humana", "Universidade do Barrio" e "Casa do Pobo".

Do que superficialmente sabemos de Pacio Lindín, extraemos a convicción de que é un soñador, un visionario, cos pés na terra, que traballa a prol da xente, conseguindo o que para a maioría de nós sería unha utopía, tendo como bo exemplo a convivencia por el lograda nunha das súas iniciativas entre estudantes acomodados e mozos marxinais, para conseguir incribles resultados.

Pero o meu contacto máis recente, polo de agora definitivo, foi hai agora seis anos cando preparaba un libro homenaxe a Xosé Manuel Carballo, iniciativa na que Dino Pacio participou con entusiasmo, lembrando que naceu e medrou na terra menos chá da Terra Chá, tendo podido ir centos de veces a un outeiro ollando a Chaira enteira ata o Picato, destacando que se via moi ben Castro de Rei desde as Penas da Revolta no seu Ximil comunal, proclamando que está ben seguro de que "iste ollar nos primeiros anos contribuíu ao seu ver o mundo sempre ó lonxe, e tamén para vivilo mellor ao perto".

Había entre Dino e Xosé Manuel unha conexión por riba do tempo e da distancia, e se Dino Pacio falaba con entusiasmo daquil estudante de filosofía moderna, de socioloxía e de francés, do curso 1961-62, Carballo lembraba que grazas sobre todo a Pacio Lindín e ao bispo Argaia, algúns seminaristas puideron traballar nos veráns no estranxeiro e así saber que podían vivir de outra cousa antes de "facerse curas" e, ao mesmo tempo, "coñecendo novos mundos: o do traballo, o da emigración, o de liberdades que aínda non chegaran a España e o da chauvinista arrogancia de moitos franceses."

Ben sei que esto que digo non ten máis importancia ca o de insinuar os innumerables contactos de Dino Pacio coa súa terra e coas xentes. Porque certamente o único importante aquí e hoxe é este libro colectivo que proclama a Dino Pacio como O GUÍA DUNHA VANGARDA CULTURAL.

Os quince autores do libro, coordinados polo profesor Manuel Rivas García, fan un excelente retrato multidimensional de Dino Pacio Lindín, do seu ser e actuar, dos mundos nos que se move, con retratos en distancias curtas e en ben longas distancias; algúns, de novos, cando el "xa viña de volta da vida", outros -de máis novos aínda- cando el era o seu formador; un formador especial e diferente.

María Dolores Estévez califícao de "galego empedernido, que levaba a Galicia na súa alma, e fala con ese acento galego que chega ata o máia fondo". Primitivo Iglesias, alcalde da súa Pastoriza fala de como, cando chegou a poñer catecismo en Lagoa, "foi para todos, pícaros e grandes, unha raiola de esperanza naquel mundo de atraso e miseria". Xosé Malleiro Gutiérrez lembra que os seus lemas pedagóxicos eran "a letra con música entra" e "todos aprenden, todos enseñan"; e os seus instrumentos de traballo unha guitarra e poemas cantados por Victor Jara ou Serrat, con especial énfase no facer "camiño ao andar". Para Carlos Reigosa, en fin, é "o camiñante guia" da tribu. E para o coordinador, Manuel Rivas García, Ximil é a Itaca vivida e á vez ensoñada por Libro-homenaxe a Dino Pacio Lindíneste viaxeiro loitador que sempre volve á terra porque nunca, nunca, se chegou a ir dela.

Impagables imaxes acompañan e destacan os contidos que nos falan de Pacio Lindín, comezando por ese hórreo de Ximil da contraportada, aportación artística do pontenovés Antonio Rivas Pol, e rematando polas visións do xigante da comunicación Siro López Lourenzo que retrata exteriores e interior como se fose (lembrade a vella película de ciencia ficción) "O home con raios X nos ollos".

Remato: As homenaxes hainas que facer en vida, en momento no que o homenaxeado poida disfrutalo... por iso está moi ben -xusto e necesario- que este libro se publique agora. Como o é que, xa que se trata de unha homenaxe para quen foi formador de cregos, o libro poida ser chamado "devocionario", non porque sexa un conxunto de oracións, triduos ou novenas para facilitar o rezo, senón porque é un conxunto de devocións indivuais que representan centos de sentires de devotos cara a un home que co seu ensino e o seu exemplo os marcou para sempre.

E falando xa deste día, e non creo que sexa casualidade (bendita casualidade, si a é) este libro é unha excelente felicitación de cumpreanos xa que tendo en conta que Dino Pacio Lindín naceu o 18 de novembro de 1934, resulta que precisamente hoxe cumpre 87 anos.

(Palabras de Xulio Xiz o 18.11.2021, no salón da Deputación Provincial de Lugo, na presentación do libro DINO PACIO LINDÌN, O GUÍA DUNHA VANGARDA CULTURAL, coordinado polo profesor Manuel Rivas García).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES