Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (13)

martes, 28 de diciembre de 2021
Díxenlle ao Revisor:

- ¿Ti, que tanto sabes, sabías que en Lugo atan os cans con longaínzas?

- ¿Segues matinando niso dos xamóns da calaza?

- Non ten remedio, pero tampouco o ten a circunstancia de que cadora viaxa máis xente cara a Lugo… ¿Que terá Lugo para que tanto tire da xente?

Quedouse matinando un pouco, pois, como bo galego, poucas veces contesta de inmediato:

- Se baixas á estación do tren verás que boa parte dos que traemos para Lugo despois quitan billete na RENFE, así que..., o das longaínzas debe abundar en todas partes, que poucos volven!

- ¿Non será que se quedan por aló pola vergoña de volver pobres? ¡Non todos son cubanos, nin cubanos nin puteiros!

Non falamos máis do tema, aínda que barrenei todo o día, e coido que atopei a causa, pero non din co remedio: ¡Somos unha raza inzoa, que nos vén maiormente dos norteños, dos bretóns e dos suevos! Os fillos bravos nacen coas flores de maio, quere dicirse, nove meses despois das festas do verán. E os de matrimonio veñen ao mundo despois das mallas, o que nos leva a calcular que, polo menos a maior parte deles, non veñen de París senón das xeadas invernais. Algún día volverán a venderse aquelas mantas de Palencia...

A emigración, despois de educados, despois de mantidos nos seus anos de improdutividade, ocupábase dos excedentes; agora, sen apenas emigración externa, ben deitamos da interna; o único que non cambia é o mercado dos panos das bágoas, que se me fai que seguen usándose, calquera que sexa a distancia dos ausentes. Os que están incómodos son os morgados, pois aqueles irmáns que se ían para América, polo menos unha boa parte deles, en vez de levar, traían. Os que se quedan agora na Península, Madrid, Barcelona, Bilbao..., piden anticipos, acotío, pois incluso teñen que pagar traspaso por unha simple vivenda en aluguer. Ou moito me engano, ou tan pronto se xeneralice o método Ogino-Knaus, amén dos preservativos, estas aldeíñas, tal e como se presentan as cousas, deixarán de ter problemas de lexítimas. Máis é, que estudarán para avogados os fillos únicos, sexan varóns ou femias, así que iso de preitear vaise poñer a prezo de saldo. Como di Amaro nas feiras: "¡Amaro no vende; Amaro regala!". Pois, igual: "¡Avogados en prácticas: déanos o seu preito, e será gratificado, tanto se gaña coma se perde!". Ora ben, se a poboación vai a menos, e os turismos a máis, ¿que será dos meus fillos, a que se dedicarán se non quedan viaxeiros de autobús…? Teño que dicirlle á muller que, segundo nazan, en vez de Silabario que lles ensine o Código Civil. Así: Capítulo I.- Fuentes del derecho.- Artículo 1º. 1. Las fuentes del ordenamiento jurídico español son la ley, la costumbre y los principios generales del derecho... ¡E desde que morra Franco, pois ese Hermegildo non vai ser eterno, tódolos avogados á política, que niso haberá prazas, vacantes!
-.-

Iso que ao principio me facía auto definirme como un ser desprezable, un paria, "o mudo do volante", mentres estes dous asentos da dianteira corresponden e son gozados pola nobreza do país, fala que te falarás entre si, e poucas veces comigo, agora, á forza de oír, ver e calar, decateime de que son un privilexiado, pois sei o deles, mentres eses señoritos ignoran a opinión que me vou formando. Pero aínda chego máis lonxe, que me estou especializando en matinar que será o que realmente pensan cando din o que din.

Un día escoiteille a un Mestre de escola, que tamén estudan na Normal, pero pola tarde, na dos varóns, séxase, menos normal cá das súas colegas, pois as rapazas son moitas, e eles os rara avis, que, "os periódicos de hoxe en día hai que lelos entre liñas". Desa observación tirei a conclusión de que aos persoeiros tamén hai que "oílos" entre liñas, descubrirlles o carácter e mailas intencións. Non é a cara o espello da alma; non ao completo: a voz, a modulación da voz, iso si que retrata á xente. Os cegos son uns psicólogos fabulosos, case adiviños. ¿Por que? ¡Simplemente porque, ao faltarlles a vista, aguzan o seu oído, e así captan tanto ou máis cós curas no confesionario!
-.-

Houbo poucos viaxeiros nestas primeiras semanas de Coresma, ¡que igual están de penitencia!, e os que viaxaron fixérono con recollemento; quere dicirse, con poucas falas, cousa que atribuín, máis que ao xaxún, a que nas casas hai pouco humor, pouco pan, e touciño, menos. O que si me chamou a atención foi aquel manco que quitou o diñeiro para o billete coa man esquerda; na dereita levaba un guante, ou luva, de coiro.

-¿E logo, señor, vén á berlina por ilustre, ou por manco?

O tipo era fachendoso:

-Son mutilado de guerra, pola miña deshonra!

-Entón, e perdoe a confianza, igual foi por mete-la man onde non debía..., tal que a unha asturiana!

-¡Metralla, amigo, neste brazo, e precisamente por te-la man dereita no peto, para deshonra miña, igual que agora, pois, se eu lanzase antes có rojo, como era o meu deber, arestora o manco sería outro!

-Desculpe, non quixen ofender; ¡falei por falar! Como non fumo, non dou queimado a saliva!

-As desculpas tiña que pedirmas o Goberno da República..., por deixarse vencer! ¡Outros que estaban coas mans no peto! Se no primeiro daqueles momentos decisivos non se agachase ese coruñés, o tal Casares Quiroga, ¡señorito da Coruña tiña que ser!, Franco seguiría en Tenerife, ou no Hotel Madrid, de Las Palmas, ou na avioneta que lle pagaron os Luca de Tena...; e aos outros, sen ese ferrolán, toda a pólvora se lles iría en salvas. Os do Goberno acolloáronse, e a min puxéronme de Cabo, cabo dos asturianos; aí mesmo, aí adiante, pola estrada de Tineo...

-Daquela, foron os asturianos...? ¡Xa mo parecía!

Crónica dun itinerario e dunha época (13)
Niño de metralladoras en Asturias

-¡Diso, nada! Foron galegos, aqueles da dinamita; ¡traidores, que nos chamaban "mariscos" desde as trincheiras, esquecéndose de que eles, todos ou case todos, fóranse deste país, da costa, pero tamén do interior, para traballar nas minas, que daquela estaban no máximo apoxeo, co tirón industrial que se palpaba... Como eran máis arrevesados cós asturianos, e máis sacrificados, encomendáronlles a dinamita, os cartuchos das galerías... ¿Entende?

-¡Pouco, que é a primeira noticia que teño diso!

-Pois non será a última, que as verdades acaban saíndo, incluso das trincheiras! Esta guerra foi de galegos contra galegos, mandados, os nosos, por un galego descastado, que por algo lle chaman Franco, e por engado, casado cunha asturiana...; ía dicir, de Lugo, pero non, que era de Lugones, que agora me lembro. Dígollo a vostede porque me parece discreto, que disto non convén falar só perigo de que me deixen sen a outra, os nosos, os desta parte! Por aí adiante, de Grandas para aló, os asturianos dábanlle á sidrina, ¡canto máis medo tiñan, máis bebían!, así que, quen aguantaba de nós, do avance dos outros galegos, eran eses especialistas da trilita, séxase, os nosos irmáns, os propios, os galegos das minas, daquela agochados nos niños de formigón, ¡outras minas! ¡Acórdese que llo dixo este mutilado da Parada Nova!

Nisto a néboa fíxose cadora máis espesa, ¡que nin que estivésemos baixando á mina!, así que calamos co conto dos mineiros pois unha distracción miña podía levarnos ao fondo dun barranco, se cadra máis fondo cá galería daquelas minas de carbón que tanto influíran nas desigualdades da guerra.
-.-

Vencendo un certo pudor, pois aínda quedamos homes reservados, e mulleres non digamos, confeseime coa miña dona, ¡seguimos en coresma!, e mostreille o cartapacio das miñas..., ¡chamareilles crónicas, por máis que iso resulte pedante! Leunas e releunas engorde, como lles ensinan a facer na Normal para que corrixan en conciencia os exames dos rapaces, chegando a esta conclusión:

-Menos mal que non tes lido as Crónicas dos Reis de Asturias, que así non aprendiches a mentir por comenencia, pero tes unha carencia, se non te molesta que o diga: Os feitos non din nada, ou pouco, se non van explicados coas cores de causalidade e da coetaneidade; co sentir xeral, e coa estimulación ou exemplaridade!

Botei as mans á cabeza, desesperado polas dificultades imprevistas, para min imprevisibles, e ata non sei se insuperables, que aquel reto supoñía. ¡Tivera pouca escola, e logo que non fun á Guerra, á da fronte, á de maiúsculas, que din que é onde máis picardías se aprenden! O da guerra podo explicalo: De entrada, librei por fillo de viúva; pero, en vista de que nesta España chamada Nacional..., ¿nacional, de que, posto que case todos os que por aquí andamos e bramamos, nados somos, ca non traídos do estranxeiro!, moitos perdémo-lo pai en idade temperá, con algún que nin del sabe, afeitos que estamos aos namoros inmaturos, fixeron outra purga, outra criba, deixando como causa eximente a da saúde. ¡Os podres non serven para carne de canón! Aleguei, e teño, os pés planos, así que entenderon que non lles valía para correr nas avanzadas da Lexión; con todo, mandáronme volver aos tres meses, para mellor revisión. Nesta oportunidade, por consello dun primo de miña nai, un médico moi pícaro e moi sabido, metín debaixo dos brazos unhas follas que me deu, e non sei se polo que cheiraban ou polo que pinchaban, o caso foi que cantas veces me poñían o termómetro, outras tantas lles daba febres altísimas; isto unido a que estaba delgado, e ía algo acatarrado, déronme por tuberculoso perdido. ¡Que te enterre túa nai xunto de teu pai, pois nos campos de batalla non queda terra folgada! Non mo dixeron pero pensárono!

O caso foi que me librei da vangarda pero pasei á retagarda, pois, conducindo un deses "Ferias y Mercados", da Empresa Montaña, entrei en Barcelona mesmo detrás da Intendencia..., levándolles intendencia! Aquela pobre xente, co papel moeda da República invalidado, anulado, só tiña algunha que outra xoia para merca-los produtos galegos, así que volvemos para Galicia con un saco delas; en todo caso, bastantes menos das que se lle entregaran ás sobriñas dos curas na súa colecta..., ¿patriótica? ¡Non, patrioteira!

Ao de hoxe, fareille caso á miña dona, que para algo é a miña mestra.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES