Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 31 de diciembre de 2021
Dereito ós xornais

Silvino Portelas Portelo, O Silvas, ergueu da cama ás nove e pico da mañá. Porque era domingo. A realidade é que se levanta sobre esa hora todos os días. Mexou, porque sempre é o primeiro que fai. Lavou a cara. Lavou os dentes. Ciscou algo de colonia para que ninguén diga que cheira mal. E espallou algo de desodorizante para sentir un pouco de frescor polos sobacos. Vestiuse. Almorzou un plátano con pan. Pingas de Orballo Outras veces almorza unha mazá tamén con pan. Máis ou menos vai intercalando. Ata non hai moito, almorzou durante toda a súa vida sempre o mesmo: unha cunca de leite con pingas de café e migas de pan. Pero dun tempo para acá o leite xa non lle senta nada ben. E dálle algo de carraxe, pois aínda lembra cando bebía o leite das vacas segundo o seu pai as estaba muxindo.
O Silvas cambiou as zapatillas de casa por unhas botas, mirou pola ventá e, ó ver que chovía, colleu o paraugas. Un paraugas novo que, maldita sexa, por algún lugar filtra a auga e esta baixa polo bastón para aterrar na man que colle o puño do aparello. Os paraugas de agora non son coma os de antes. Aqueles familiares... Que tempos!
Silvino Portelas saíu á rúa e realizou, máis ou menos, o percorrido de todas as mañás cando vai dereitiño a ler os xornais e tomar o café. Chovía. Co paraugas non se mollaba, a excepción desa man dereita á que, pouco a pouco, chegaba esa auga perdida polo bastón abaixo. Cando chegou ó bar, sentou, pediu o café, colleu o periódico e, desde ese momento, importáballe un carallo que rebentase o mundo. Co seu periódico xa era feliz.

Finca Fierro. Domingo, 26 de decembro de 2021

Suspiros

Rachei o silencio cun simple suspiro. Pero que suspiro! Longo, profundo, inmenso, intenso. Sábese que hai suspiros para colgar nas orellas, desde aqueles que mancan no peito ata os que se producen nun pequeno e silencioso lapso de tempo. Hai suspiros que son coma latexos. Suspiros que van e veñen por entre as corredoiras dos soños e pola nostalxia das vías do ferrocarril. Suspiros que aboian nun mar de silencio e calmo, moi calmo. Suspiros que furgan na carraxe das conciencias. Porque si, porque temos a conciencia chea de xenreira.
Pingas de Orballo Suspiros que se lanzan ante uns beizos vermellos que se abren nun sorriso inmenso e infinito. Suspiros ante un amor que pasa ou está ou foi ou será. Suspiros que flotan para alcanzar aquelas ventás abertas que poden invitar a algo. Suspiros que son coma berros a causa do estrondo dunha bomba nuclear, ou dun disparo fatal. Ou suspiros que son coma ouleos porque a esperanza mingua, devece á velocidade dun alustro invernal.
Volvín rachar o silencio con outro simple suspiro. E aquí sigo, atento ós anhelos do que pode ser, aínda que non sexa nunca. Porque, a vida, por veces, é complicada. Ás veces é coma ese suspiro que lanzamos sen saber por que ou por quen. En moitas menos ocasións saen aqueles dos que non nos damos conta, pero que si os hai, porque sabemos que ten que habelos. Como o que lancei neste Pingas, pensando que era un simple relato forzado. Ou obrigado.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES