Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sentimentos bipolares

lunes, 27 de diciembre de 2021
Sentimentos bipolares Sei que hai bastante xente que renega do Nadal; ou ben polo que consumo que supón ou ben polo sentimentalismo e melancolía con que atravesamos estas festas. A min, sinceramente, hoxe por hoxe, xa nin me vai nin me vén. Non obstante, recoñezo e case empezo a pedir que durante todo o ano celebrásemos estas datas. Porque nos volvemos moi moderados, moi mesurados; mellor aínda: moi boíños. Nestas datas temos unha alma que rezumamos cariño e amor e paixón e afecto e agarimo, que nin nós mesmos pensabamos que tiñamos tanto ardor sentimental. Entres nas redes sociais que entres, fales con quen fales, escribas con quen escribas, todo son bos desexos de paz, amor e fraternidade. Unha marabilla de seres humanos!

E sendo tan boíños, non entendo como ós poucos días ou incluso antes de que rematen estas datas "marabillosas”" abramos as comportas do peito, dos pensamentos, dos sentimentos e deixemos escapar os demos que levamos dentro. Porque, máis adiante, demóstrase que os levamos. E moitos. Asoman os maltratos. Asoman as guerras. Asoman os abusos. Asoman as xenreiras. Asoman os malos modos. Nun alustro, nun chiscar de ollo somos bipolares.

Xa que falo do Nadal, direi o que significaba para min tal 25 de decembro. E resúmoo nunha simple palabra: turrón. Se desexaba que chegase canto antes esta festa, debíase a que ese día comería turrón. E comeríao grazas a unha tía que tiña no País Vasco e que todos os anos nos mandaba un pequeno paquete coas dúas barras de turrón regulamentarias, ou sexa, duro e brando (eu pasaba do brando, por suposto) e os típicos figos, uvas pasas e améndoas confeitadas. Creo que esa tía, e que eu recorde, non fallou ningún ano; pero tamén sei que se chegara a fallar, nós, na Noiteboa e no Nadal, non comiamos nin turrón nin farrapo de gaita. Porque esas exquisiteces había que compralas, e non había moito con que comprar.

E o asunto do turrón xa se puña patas arriba no momento en que iamos á misa do Nadal, cando aqueles que máis podían ían fachendosos co seu turrón nas mans e facendo que a nós se nos fose a vida mirando para aquel produto polo que suspirabamos todos os anos. Despois, co tempo, cando puiden cos meus propios medios, sempre mercaba o primeiro turrón que asomase nos supermercados, aínda que fose no setembro, por exemplo. E agora, nin dunha maneira nin doutra porque xa me aburre bastante. Pero canto devecía eu polo turrón!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES