Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Devoción popular no Santuario da Virxe da Saúde de Frameán, Monterroso (6)

miércoles, 29 de diciembre de 2021
3. RITUAL DE CONTACTO COA ADVOCACIÓN MARIANA.
Ademais, os romeiros tocan a venerada imaxe mariana coas súas mans, ou ben lle Devoción popular no Santuario da Virxe da Saúde de Frameán, Monterroso (6)achegan panos, estampas e outros obxectos e, logo, pásanos pola cara e outras partes do corpo cunha finalidade precautoria e curativa.

4. RITUAL PROCESIONAL.
Antano, logo da misa solemne (1), saía a procesión que transcorría polo lado descuberto da chousa en dirección ao recinto sagrado, onde daba unha volta ao seu perímetro para introducirse despois no seu interior.

A disposición dos seus elementos era o seguinte:
Ao comezo ía un estandarte pertencente a "Casa dos Regueira", que era portado case sempre por un membro desta familia. Seguíalle a cruz parroquial levada por un fregués da parroquia. Logo, o patrón da comunidade parroquial de Frameán, San Pedro, portado nas súas andas por catro fregueses da freguesía susodita. A continuación, a advocación mariana da Saúde, levada tamén nas súas andas por devotos de diferentes parroquias. Como remate da procesión, viñan os cregos concelebrantes e os devotos, colocados sen distinción de idade e sexo (2). Co paso dos anos a procesión trocou de itinerario, e así ao saír do adro da igrexa ía ó carón das "Casas de Plácido, Xaquín, e Cruceiro", para rematar na igrexa parroquial.

A mediados da década dos noventa do século pasado, o traxecto da procesión fíxose máis longo debido á cantidade de relevos existentes. E así a procesión, logo de saír do adral, decorría polos espazos colindantes ás "Casas de Lagar e de Regueira", ao "Cruceiro", retornando á igrexa parroquial.

Sen embargo este itinerario non funcionou, volvendo os ramistas da festa ao anterior, que xa estaba bastante consolidado no ámbito parroquial.

4.1. OS RELEVOS.
Trátase das remudas ou sustitucións, que os devotos da advocación mariana van facendo das andas ao longo da procesión (3). Os relevos comezaban no momento en que os distintos elementos da procesión cruzaban o adral da igrexa, separado do exterior por un muro. A partir dese espazo vai un ramista (4) diante da advocación mariana e outro detrás, organizando os diferentes relevos que se van producindo no decurso da procesión (5).

Os devotos, que van facendo as remudas, botan un euro de esmola (6) nuns gorros ou puchos, que levan os ramistas axeitados para a ocasión. As sustitucións son só das andas da Devoción popular no Santuario da Virxe da Saúde de Frameán, Monterroso (6)imaxe e levanse a cabo dun xeito rápido, sendo o seu momento máis álxido ao carón e preto dun cruceiro existente na parroquia (7). Polo tanto, os ramistas, encargados das remudas, van facendo as paradas oportunas para que os relevos se vaian realizando dunha maneira adecuada. Case sempre hai algúns devotos, que van por baixo da advocación mariana descalzos ou de xeonllos (8).

Cando a procesión retorna ao santuario, no intre de chegar ao adral, o guía, que vai diante da advocación mariana, manda deter a procesión e pide aos encargados de levar as andas da Virxe que a introduzcan desde o comezo do adro ata a porta da igrexa (9). Alí sosteñenna certo tempo, permitindo deste xeito que os devotos poidan pasar por baixo das andas da advocación mariana, pasarlle panos polo manto e por outras partes, que consideren axeitadas.

Ata hai uns vinte e cinco anos a procesión, ao retornar á igrexa, daba unha volta ao seu perímetro (10).

No ano 2008 as andas da imaxe da Virxe da Saúde foron sacadas dende o interior da igrexa parroquial ata a porta metálica, que separa o adro do exterior, polos seguintes devotos (11): Xosé Antonio Vázquez, Xosé Manuel García Seoane, Xosé Antonio Regueira e Fiz Gómez.

Estes, cando retornou a procesión, foron os encargados de introducir de novo a imaxe da Virxe no adro da igrexa, onde se celebrou a "poxa" (12) das súas andas e cintas para o ano seguinte, e logo no interior da igrexa.

Pola contra, as cintas foron levadas durante todo o percorrido procesional por Xosé Martín, Luís Souto, Luís Gómez e Carlos Gómez. Estas non teñen remudas no traiecto procesional. Polo tanto, son portadas dende o comezo ata o seu remate polos mesmos fieis. Ademais, na "poxa", teñen un valor inferior ao das andas.

En consecuencia non resulta inadecuado reflectir que dende sempre -segundo a tradición oral da comunidade parroquial- "os que poxan as cintas están ofrecidos por doenzas máis leves que os das andas" (13).

NOTAS:
1. Cando se celebraba na chousa da "Cudixeira".
2. No intre actual xa non sae a imaxe do San Pedro. Polo demais, a disposición é a mesma que sempre.
3. Taboleiro con dous varais para levar algo, especialmente unha imaxe en procesión.
4. Encargado da organización da festa.
5. Ademais de Pablo e Félix de Anxo, que foron os fregueses que máis interviron como guías nas remudas e na subasta das andas e cintas, houbo ademais outros fregueses como Pepe da Remedios, Pepe da Hortensia e Jorge da Salud.
6. A finais da década dos setenta do século pasado os devotos votaban vintecinco pesetas; logo cincuenta, cen ata chegaren ao intre actual no que adoita darse un euro.
7. Este ritual segue aínda realizándose nos santuarios da Virxe da Saúde en Líncora (Chantada), da Virxe de Cadeiras (Sober), na Virxe das Augas Santas (Pantón)...
8. Trátase normalmente dalgúns devotos, que teñen doentes nas súas familias.
9. Facemos referencia aos devotos que gañaron "a poxa" das andas o ano anterior.
10. A supresión desta volta débeuse a que os rituais ligados á festividades da Virxe da Saúde remataban moi tarde.
RITUAIS: Misa solemne, relevos, poxa das andas e cintas para o ano vindeiro, rituais de contacto
11. Trátase dos devotos que ganaron "a poxa" das andas o ano anterior.
12. Poxa = Subasta.
13. Informante: Blanca María Pacín Somoza. Frameán (Monterroso) (Lugo).
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES