Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O cantar das fontes de Aguarda

domingo, 24 de agosto de 2008
Na parroquia de Aguarda (desto hai centos de anos) oironse por oito noites e outros tantos días os cantares de oito fontes, con palabras moi sonoras, ben ditas e entendidas, acompasadas, berceadas e docísimas.

Como queira que no pasar dos tempos moitas das estrofas foronse esvaecendo nas memorias, quedou o que quedou: parte da lenda-historia e partes das cantigas das oito fontes, unha en cada aldea, cada unha delas co seu nome propio: Aguarda, Cadavosa, Cainzos, Igrexa, Miñotelo, Poles, Beira do Río e Regocavado.

Díxose que cantaron pola bendición dunha albarrana, dunha forasteira loira, de ollos gazos e de extraordinaria beleza. Contouse que foi pola áurea que desprendía a muller moza e descoñecida. Narrouse, que o cantar das oito fontes foi o agradecemento da garrida muller polo agarimo que na parroquia de Aguarda recibira. Fora polo que fose, o que interesa é saber dunha vez, sen máis voltas, qué cantaron as fontes.

Cantou a de Miñotelo, contestou a de Regocavado, a de Cainzos, Aguarda, Cadabosa, Igrexa, Beira do Río e a de Poles. E cantaron isto:

A DE MIÑOTELO:
Fresquio da miña auga,
fina da máis fina e boa.
Moito sabe a miña auga
nas sellas saudadoras.

A DE REGOCAVADO:
Eu son fonte de dous canos,
que brotan por un igual,
auga gozosa sen raña,
do máis firme manancial.

AS OITO A CORO:
Así somos, así estamos,
oito fontes que cantamos.
Oito fontes, oito ramos:
celtas, bretóns e romanos.

A DE CAINZOS:
Na miña beben mouriñas,
cabaleiros e soldados.
Beben polas mañanciñas
mozas de manteos bordados.

A DE AGUARDA:
Son o manancial do castro
con auga de lúas grandes.
Broto do croio espellado
e dou vigores xigantes.

AS OITO A CORO:
Por oito noites cantamos,
por oito días, ¡por oito!.
Pingamos cantigas doces,
polo mollado e enxoito.

A DE CADABOSA:
A miña auga que groma,
billa con moita paciencia.
Sae en cunquiñas redondas
debaixo das antas celtas.

A DA IGREXA:
Entre brezos nazo eu,
coma sangue revertida.
Do caiado de Maeloc,
bondade e sabedoría.

AS OITO A CORO:
Tan antigas como a terra,
tan novas coma de novo.
Cantamos oito fontiñas,
temos a Aguarda no colo.

A DA BEIRA DO RÍO:
Son ribeirana, do río,
fonte de recordos son.
Ás veces abro nun fío,
noutras saio en procesión.

A DE POLES:
Tres canos tiven, tres canos,
coma un tridente da terra.
A miña auga é saudosa
degoxaban por bebela.

O CORO DAS OITO:
Así somos, así estamos,
oito fontes que cantamos.
Oito fontes, oito ramos:
celtas, bretóns e romanos.

Oito nomes bautizados,
oito fontes de auga clara.
Oito cantares distintos,
todos nunha mesma fala.

Por oito noites cantamos,
por oito días, ¡por oito!.
Pingamos cantigas doces,
polo mollado e enxoito.

Tan antigas como a terra,
tan novas coma de novo.
Cantamos oito fontiñas,
temos a Aguarda no colo.

En cada pinga, unha fada,
nos redondeis agochadas.
En cada gota redonda
amor para toda a Aguarda.

Non poido asegurar que a traducción sexa ao pé da palabra das fontes.
Pero seica foi certo que cantaron por oito días, coas súas correspondentes noites, sen descanso. Xa dixen, non se pode saber (eu, alomenos, non o sei) se as cantigas foron ben recollidas. Traducir o cantar da auga é asunto de moito respecto. E se a auga é das fontes de Aguarda é moito máis difícil, polo que teñen de extradordinario, as fontes e tódalas aldeas desta parroquia de Aguarda do Concello da Pastoriza.
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES