Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Parlamento

miércoles, 22 de diciembre de 2021
Van 40 anos dende a constitución do Parlamento de Galicia. A frase, normal estes días, encerra varios mundos nela. Pasaron 40 anos. Pasou o Parlamento por eles, así de sinxelo? Ou pasaron os anos mentres o Parlamento estaba a traballar? O Parlamento constituíuse o 19 de decembro do 1981, pero é evidente que non era o parlamento actual, o que implica que habería que separar a figura do Parlamento como institución que comeza a ser ese día da súa constitución cunha composición determinada e a súa evolución nos diferentes períodos parlamentares, coas súas constitucións respectivas. Parlamento... a palabra illada ten un sabor propio e dá unha imaxe de parolar, de tranquilidade. É esa a realidade? De Galicia. Máis aló da polémica Galicia/Galiza queda a identificación de Galicia coa Xunta ou coas institucións fronte a Galicia da xente, da lingua, da natureza, algo ó que non é alleo o Parlamento. Ou a Galicia dos límites administrativos e a Galicia do corazón, ó modo das antigas dioceses como a de Britonia sen asento territorial fixo, senón con presencia a través do pobo que abranguían.

Moitas cousas para tratar ás présas ou pontificar nun momento, máis aínda despois de 40 anos como último período precedido por toda unha historia anterior. Pero non tantas como para facer unha lembranza e mover as mentes a unha mirada ampla de confraternización en comunidade tendo o Parlamento como escusa e compañía.

É innegable que o Parlamento traballou. Aí está todo o produto legal que corresponde a ese traballo. Nese sentido, non se limitou a deixar pasar o tempo, guste ou non o resultado. E tamén se pode observar unha evolución no seu produto, aínda que se pode retrucar que non teña sido sempre en positivo.

Aínda coas apreciacións anteriores e tendo moi presente as eleccións como encadre de cada conxunto de sesións por cada catro anos, o falar sempre de 'Parlamento', tanto para institución como para un dos períodos en concreto ou mesmo só para referir o edificio, leva a cousas como denostar a institución por un período concreto, ou ó revés, a desculpar a actuación nun período polo recoñecemento xeral.

En canto ó significado de parlamento, o dicionario da RAG deixa clara a súa primeira acepción cun exemplo: "Acción de parlamentar. Iniciaron un parlamento para levar a paz ás illas." Trasladando o exemplo, 'trouxo a paz' a Galicia o Parlamento? Pode que quede a imaxe dun parlamentario facendo resoar o seu zapato preto do micrófono como exemplo de soliviantamento desa paz, pero coido que hai exemplos abondo máis relacionados coa perda da paz institucional e a perda social que significa, mesmo sen parecer violencia, senón aínda con aparencia de votacións maioritarias.

En canto a Galicia... retrucando, o Parlamento poidera ser un ‘canto a Galicia’, pero coido preferible que coas súas funcións, faga posible que Galicia poda cantar. Non ten por que ser un símbolo, mais si debe ser digno dunha terra, dunha xente, dunha sociedade que tamén ten que contribuír a dignificar.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES