Nadal
Regal, Manuel - martes, 21 de diciembre de 2021
NADAL. 1: FERIDAS ANTE O AMOR
Abunden de Nadal as nosas casas,
veciños e veciñas benqueridas,
poñamos as canseiras e feridas
á luz do Amor que vén e nos abrasa.
Fagámonos irmáns, irmás, sen taxa,
abrindo corazóns a quen nos pida
anacos de perdón, de pan, de vida,
e medre a paz e o gozo de quen pasa.
Abunde de Nadal a Terra enteira,
ninguén malviva orfo ou excluído,
fagamos entre todos sementeira
de nova convivencia, sen bruídos,
que a cor da pel, o sexo ou procedencia
nos faga, en diferenza, máis cumpridos.
NADAL. 2: NUN POBO TRISTE E DERREADO
Naceu o neno coma un de tantos,
tan pobre coma os pobres da súa aldea,
naceu entre mil gozos e algún pranto,
á luz do amor que todo o pode e crea.
E soubo o picariño de quebrantos,
nos seus e máis no pobo que o arrodea,
curouse de amarguras e de espantos,
os que á xente entristecen e derrean.
E pouco a pouco foi medrando o neno,
fíxose un co pobo onde nacera,
doeuse do máis fráxil e pequeno.
Amou, serviu, morreu soñando á espera
da man de Deus nas mans dos nazarenos
para facer do inverno primavera.
NADAL. 3: COS NENOS E NENAS
Belén e Nazaré son un fogar
onde campan Xosé e máis María
coidando de Xesús con teimosía:
por humano e sinxelo, santo lar.
Que ben que, con esforzo, tan ao par
os nenos todos brinquen de alegría,
sen teren que sufrir desidia impía
que por fogar lles dá o fondo do mar.
Non aos nenos e nenas abusadas,
non aos nenos e nenas para a guerra
non aos nenos e nenas explotadas.
Belén e Nazaré sen pausa berran,
con voz ben inocente e desangrada:
Nadal, fogar de amor que a paz encerra,
NADAL. 4: A MAIOR REVOLUCIÓN
Feliz Nadal, veciños e veciñas,
poñámonos, vistámonos de festa,
non hai data tan grande coma esta,
pois nela o mesmo Deus nos aloumiña.
Anda entre nós con formas miudiñas,
para facer con nós vida se apresta,
e sempre trae consigo na súa cesta
fanegas de esperanzas irmandiñas.
Feliz Nadal, gocémolo en unión,
na casa, na parroquia, no concello:
respecto, vida, alentos, compresión,
á luz da Luz do novo e máis do vello,
o mestre na maior revolución,
o neno Deus, nacido nun cortello.
NADAL. 5: COA XENTE ENCADEADA IRMÁN.
(respondendo á petición de Xaquín Campo Freire)
A ti, irmá, irmán, que entre cadeas
remoes no presente o que foi onte
e ansías con paixón erguer a fronte
ante canto te amarga e de derrea.
A ti que, desenleando as túas leas,
do onte ao mañá precisas ponte,
forzas para subir tamaño monte,
e así deixar atrás canto te afea.
A ti, irmá, irmán, a miña man,
o meu respecto, alento, o meu querer:
e para as túas fames, gozo e pan.
No nome do Deus bo que quixo ser
de ti, de min, de todos gran irmán,
(e) como tal en Belén se fixo ver.

Regal, Manuel