Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Grazas, Señor, por Víctor Corral

lunes, 20 de diciembre de 2021
Lembramos hoxe aquí a un home feliz, Victor Corral Castro, dos Corral de Baamonde, xente de ben, traballadora, que na labranza, na hostelería, nas artes e na vida fan amigos por onde pasan. Home feliz, desde moi neno, dedicouse a esculpir os materiais máis diversos, e tan ledo ensinaba na súa casa-museo as máis perfectas obras de arte como aquel primeiro traballo de neno, recuperado moito tempo despois, no que recreaba nunha lousa a igrexa que nos acolle.

Puido triunfar no extranxeiro, en Barcelona ou en Compostela, pero elixiu Baamonde para establecer a súa familia e construir casa-museo aí, no alto, para mellor ollar a súa paisaxe, para crear unha instalación cultural xa imprescindible.
Grazas, Señor, por Víctor Corral
A este home feliz brillábanlle os ollos cada vez que recibía alguén na súa casa (veñen milleiros de visitantes cada ano) e ensinaba a súa vida feita arte. Era feliz esculpindo pombas, tallando mans, perfilando figuras humanas, facendo miniaturas ou tallas xigantescas, aplicando os talentos que o Ser Supremo lle deu para amosar perfección... que se as pombas son por tradición o símbolo da paz e do Santo Espíritu, como nunha visión da eternidade, el era quen de facelas perfectas. Como foi quen de salvar o castaño milenario de Baamonde, esculpindo no seu corazón a imaxe da Virxe do Rosario, logrando a máis orixinal capela do país. Victor, hai que dicilo, era un home de fe, crente consciente, e a fe abrollaba en todas as súas obras.

Por todo o que Victor facía e fixo, polo que significaba e significará sempre para todos nós, o concello de Begonte declarouno Fillo Predilecto, e este sábado, por iniciativa de Alfonso Blanco, Xermolos e a Irmandade Manuel María, erguemos no Paseo dos Soños de Vilalba un monolito na súa honra, tallado polos irmáns Quijada, colocando no alto unha pomba das de Victor, proclamándoo "Valedor de todas as criaturas".

Ese día, falando, escoitando, saúdando, sorrindo, Victor foi ostensiblemente feliz. E podería pensarse que esa felicidade estaba provocada pola súa obra excepcional, polo recoñecemento xeral, polos milleiros de amigos, que si, tamén. Pero que a felicidade viña de dentro", por ser "o mellor modelo de avó, de pai, esposo, creador e home".

Foi daquela cando soubemos que Victor quería destacar como factor esencial da súa vida a existencia das "súas cinco mulleres": Telvi, Eva, Belén, Miriam e Noemí. A Telvi mandoulle bicos de lonxe, e bicouna amoroso á beira do seu Hectómetro... De Belén, tenme dito moitas veces que era a xoia máis preciada que tiña a súa casa. Victor era feliz por ter unha familia harmoniosa, por unha casa chea de arte, por unha vida compartida con todos nós, por unha fe inmensa en Deus e pola irmandade sentida con todas as súas criaturas.

Lembrarémolo ao percorrer o "Paseo dos Soños" e estará sempre vivo na nosa memoria e no noso corazón, como "o neno que sabía crear pombas", mago dos sorrisos, amigo feliz que fixo unha casa vexetal para a Virxe do Rosario; posuidor do talento de dar vida aos materiais inertes, a imaxe do Creador. Grazas, Señor, polo amigo feliz que sempre estará preto de nós.

(Palabras de Xulio Xiz na igrexa de Baamonde, o 17.12.2021, no funeral por Víctor Corral).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES