Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O gusto por manter unha cultura (7)

jueves, 16 de diciembre de 2021
A lingua é un tesouro

A lingua entrégasenos como legado por nacer nun determinados lugar. Xa o dicía Xela Arias "Falo galego porque son de aquí", porque estou aquí. É un herdo que recibimos dos antepasados e pasamos aos descendentes, coma as terras e os agros, as brañas e os anovados. Debería ir no testamento igual que a tradición oral, os contos que nos contaron, as cantigas, as marcas de familia e os xestos repetidos.

Cando preguntamos polo idioma propio de Galicia, resulta ser como a pregunta que se lle facía aos nenos para descubrir o seu despiste "de que cor é o cabalo branco de Santiago Apóstolo?" pois branco!, pois a lingua propia de Galicia... o galego! De Galicia galego, non castelán nin español, galego, por sentido común, por nome, por derivación. Era ben fácil a resposta, non? Pero hai quen se empeña en negar a cor do cabalo.

Neira Vilas estaba tan orgulloso da lingua, que dicía que escribía e publicaba, que lle gustaba que traduciran os seus libros a outros idiomas, porque alá a onde chegaran sempre se diría que fora escrito orixinariamente en galego, a lingua de Galicia, un pequeno país no extremo noroeste da península Ibérica, na Fisterra atlántica. Afirmaba que escribía porque o facía en galego e declarábase xornaleiro da palabra. Un labrego que traballaba na leira da palabra.

El explicáballes á rapazada algo así: aínda que somos un país pequeno temos unha lingua tal coma os máis grandes, e aínda moitos dos máis grandes da Terra non a teñen en propiedade. Fixádevos en Brasil, en Arxentina, Angola ou Mozambique, Estados Unidos, Canadá... ningún deles ten lingua de seu e nós si. Somos ricos.

Si, temos un tesouro, porque ninguén por rico que sexa posúe algo tan potente coma unha lingua. Os Guggenheim ou os Thyssen teñen museos, pero, unha lingua? Os Ford e os Ortega teñen fábricas, Hollywood ten cine, pero, unha lingua? As cidades teñen catedrais, parques e orquestras sinfónicas, pero, unha lingua?

Ter unha lingua é unha riqueza, sempre. Porque as linguas suman non restan, cantas máis fales mellor! Se por riba a lingua que tes é o galego, a fortuna e maior. Vexamos, están os vascos contentos co seu, é o deles, o que mellor os representa, é unha lingua da que se descoñece a orixe e que se fala no territorio vasco que pertence a España e a Francia. Co catalán pasa o mesmo, é a súa lingua e polo tanto a expresión da súa maneira de estar no mundo, fálase nos países cataláns: en Cataluña, país valenciano e as Baleares con pequenas variantes. O galego fálase en Galicia, algo en Extremadura, no oeste de Asturias e e noroeste de Castela e León, pero o máis importante é que os galegofalantes enténdense cos portugueses, e todos os habitantes das que foron as súas colonias: Angola e Mozambique, Guinea Bissau, Timor Oriental, Cabo Verde, Santo Tomé e Príncipe, algo en Macao e en Goa. Hai quen dea máis? Pois aínda así... hai quen non quere falala en Galicia.

A lingua é un tesouro cheo de alfaias.

Temos que entregala igual que faríamos cun cofre que atopamos, despois de moito seguir e descifrar o mapa. Así a dámos, como quen entrega o que ten, o que o define, o que expresa mellor a súa maneira de ser; unha lingua que os pon en contacto coa Historia e múltiples xeografías ás que chegou chamándose xa doutra maneira; cunha literatura pioneira en Europa na que se cantaron os sentimentos, a crítica e a veneración, escrita por xentes que trobaban e reis, recollidas nos Cancioneiros e cantadas; unha literatura intermitente, que aparecía e desaparecía dependendo da situación política e aportou grandes voces á escrita universal, como a daquel que pediu mil primaveras máis para o galego antes de irse.

A lingua é unha dádiva, nunca un castigo.

A lingua é un agasallo, un galano que che ofrezo. Es libre de non aceptalo, pero como sempre que non o fas perdes algo e quen cho ofrece pode sentirse ofendido. Cando che regalan unha bicicleta non é para que te convertas no rei da montaña senón para que a uses, da maneira que queiras, é túa xa. A lingua, tamén.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES