Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pedro Rubal en Compostela

viernes, 17 de diciembre de 2021
O pasado xoves presentamos na Facultade de Filosofía da USC o libro Fuxindo da saudade, de Pedro Rubal Pardeiro (Alfoz, 1931), un volume de máis de oitocentas páxinas onde o autor recolle artigos de reflexión filosófica, publicados en Galicia Dixital. Un acto promovido polo Colectivo Exeria, que dirixe Xulio Xiz, e no que participou o alcalde de Alfoz, o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o decano da Facultade de Filosofía, servidor de vostedes.

Coñecín a Pedro Rubal o pasado mes de setembro en Alfoz, con motivo da presentación desta obra, e axiña me identifiquei con el porque compartinos, entre outras cousas, o triplo oficio de ensinar, escribir e dar a coñecer a través da prensa as nosas matinacións e angueiras.

Pedro Rubal deixou obsoleta a teoría das xeracións de Ortega y Gasset, unha teoría que falaba da existencia de cinco xeracións, separadas cada unha por quince anos. A Nenez, que ocupa os primeiros 15 anos de vida; a Mocidade, que vai dos 15 aos 30 anos; a Iniciación, dos 30 aos 45 anos; a xeración do Predominio, dos 45 aos 60, onde actuamos para transformar o mundo; e, por último, a Vellez: dos 60 aos 75 anos, época na que xa non actuamos no mundo senón que se trata simplemente de sobrevivir, despois de ter desempeñado unha actividade profesional.

Tendo en conta a creatividade filosófica de Pedro Rubal, e doutros filósofos que seguen activos alén dos noventa anos, deberiamos falar dunha nova xeración que ten como alicerce o aumento da esperanza de vida nos últimos cen anos.

O lector poderá atopar nas páxinas deste libro a opinión dun filósofo sobre temas de actualidade, sen ceder á presión do politicamente correcto. Páxinas escritas cunha linguaxe precisa e rigorosa, ás veces técnica e cun alto nivel de especialización, pero sempre interesantes. Coido que foi a mellor maneira de amosar aos nosos estudantes universitarios que o compromiso coa filosofía non acaba nunca cando un ten verdadeira vocación.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES