Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No camiño da alegría

domingo, 12 de diciembre de 2021
Cando os días se está a facer máis curtos, porque o sol levanta pouco a testa e o inverno dá sinais de estar xa preto, contra vento –pois- e marea, a liturxia declárase hoxe en folga respecto de sentimentos que se poderían asociar con estes acontecementos meteorolóxicos. Para ela, e polo tanto en principio tamén para nós, nada de tristuras, desazos e sentimentos semellantes.

O motivo é que sempre, ó longo das nosas vidas, mais especialmente e de maneira formal neste tempo de Advento, estamos a esperar o Señor que vén. Que vén como liberador dos medos, angustias e dúbidas en relación co que vai ser de nós, da humanidade e do mundo. El é quen nos posibilita a esperanza, porque nos abre un futuro firme e seguro. Por iso temos dereito, grazas á Boa Nova do Evanxeo, a vivirmos con alegría.

Así o declaran polo menos, de maneira ben alta e clara, os textos e lecturas da celebración eucarística. Xa na mesma Antífona de entrada fomos convidados á ledicia comunitaria ó nela se utilizaren as seguintes palabras de Paulo na súa carta ós Filipenses: "Alegrádevos sempre no Señor, vivide sempre na súa ledicia, o Señor anda preto de nós" Paulo insistirá aínda na mesma carta en que non deberiamos desacougarnos "por cousa ningunha".

A encarnación, pois, de Deus na nosa carne mortal, é dicir, o seu emparentamento coa humanidade toda e, en consecuencia, con tódalas culturas, linguas ou relixións debería ser motivo abondo para que a humanidade enteira se alegrara coa vinda de Xesús. Porque el veu xa, está vindo e seguira á vir sempre para todos e cada un dos seres humanos. Non só para algúns.

Non deixa de ser mágoa que ás veces os cristiáns teñamos dado a impresión de non sermos ou térmonos presentado aberta e decididamente felices ante os demais. Polo menos un importante filósofo alemán do século XIX, moi lido, que se chamaba Nietzsche, criticaba os cristiáns e os crentes en xeral por esta razón. Dicía textualmente que el "só crería nun Deus que soubese bailar". E criticaba "sacerdotes" e crentes por non proclamaren a alegría senón a dor e a tristura: "Deberían cantarme mellores cancións, para eu aprender a crer no seu Liberador. Deberían parecerme máis liberados os seus discípulos".

Coido que deberiamos aceptar o consello de Nietzsche. Non porque o diga el, senón porque resulta ser unha proclamación central, como vedes, da nosa fe: a de vivirmos alegres no Señor, porque el nos salvou, nos liberou, ó se facer un de nós, irmán noso e de todos. Por algo o papa Francisco escribiu hai só algúns anos a súa fermosa exhortación apostólica que leva como título "A alegría do evanxeo".

O sentírmonos irmáns de todos provoca, efectivamente, alegría en nós e en cantos poden experimentar e comprobar que somos de verdade irmáns deles.

A pesar de que Xesús centrou a súa mensaxe xustamente nisto, chama moito a atención o feito de que o texto de hoxe do evanxeo de Lucas nos presente xa a Xoán Bautista, o precursor do Mesías, nesta mesma liña de Xesús. Uns e outros pregúntanlle efectivamente ó Precursor que é o que teñen que facer. O Bautista, que á fin e ó cabo era aínda un home do Antigo Testamento e polo tanto sabía moito de ritos, sacrificios, penitencias e preceptos que había que cumprir, deixa de lado todo iso e respóndelles así: O que tendes que facer é ser bos cos demais. Nada máis e nada menos: ser xustos, bondadosos con todos. É dicir, exercer de irmáns dos que están arredor dun. Ou, como adoitamos dicir tantas veces, compartir.

Curiosamente, de entre os tres consellos ou mandados que o Bautista lles formula ós seus oíntes e discípulos non hai sequera un que se refira directamente a Deus. Os tres, para dicilo dunha maneira algo provocadora, son humanos, non "divinos". Velaquí as propostas que lles fai Xoán: "O que teña dúas túnicas, que as reparta con quen non teña ningunha; e que faga o mesmo quen teña que comer". Polo tanto, de novo: compartir e máis compartir... Ós que teñen o oficio de cobrar os impostos: "Non esixades nada máis do que vos está mandado". E ós soldados, é dicir, ós militares e policía dun país daquela sometido a un poder estranxeiro (o de Roma): "Non asoballedes nin saqueedes a ninguén...".

Se isto o podía dicir o Bautista, ¿que non poderá dicir Xesús, aquel do que Xoán dicía que era "máis forte" ca el e do que el non se consideraba digno de lle desatar os amallós do seu calzado? Porque Xesús bautizaranos non con "auga", é dicir, de maneira puramente ritual, natural e humana, senón, tal como o anuncia o Bautista, co "Espírito Santo", é dicir, coa liberdade, o amor e a grandeza do mesmo Deus, que Xesús fará descender sobre nós como Espírito.

En certo modo, poderiamos dicir que Xesús se converte así en precursor ou presentador do Espírito Santo. Xesús, ó final da súa existencia histórica entre nós, mandaranos efectivamente o seu Espírito, que encherá cos seus dons as vidas dos crentes.

A espera de Xesús deste tempo de Advento é, polo tanto, unha espera que non pode ser senón alegre e agradecida, porque con el nos chega o Deus "enteiro", pra dicilo dalgunha maneira: o Deus que é Pai, Fillo e Espírito Santo.

Na oración, chamada "Colecta" na linguaxe litúrxica, do comezo da nosa eucaristía de hoxe, pediámoslle a Deus Pai deste xeito:

"Señor, encamiña o noso corazón cara á ledicia do gran misterio do nacemento do teu Fillo".
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES