Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O glorioso san Ramón

martes, 19 de agosto de 2008
O grupo A Quenlla canta unha canción que fala do “glorioso san Ramón”, ó que se leva en “precesión” Non saben de onde procede o tema, nin a letra é moi coherente, pero é boa proba da devoción popular a este santo Ramón, que nos veu de terras catalanas e entrou en nós con tal forza que se quedou en Vilalba para patronearnos, para ser santo padroeiro dos vilalbeses de dentro e da diáspora, de todos.
       
De cómo chegar o santo a Vilalba, de cómo enraizar na devoción vilalbesa un santo que viña de lonxe co aval de santidade prenatal xa que fixérono nacer cando súa nai xa estaba morta, alguén me falou hai xa ben tempo de que algunha orde relixiosa extendeu por España enteira o coñecemento dos méritos de Ramón, e o seu labor multisecular fixo que en determinados lugares quedase firmemente plantada a semente da fe nun home que chegou a santo estando xa predestinado para tan altos destinos.
       
As festas na honra do patrón, ó remate do verán oficial -que agora o verán anda un pouco revolto- son para Vilalba unha ocasión única. Supoño que para todos os pobos significa o mesmo, pero en min quedaron fixadas as lembranzas da miña nenez daqueles “san ramóns” onde se confeccionaba un programa a unha soa tinta que tiña na portada un debuxo do castelo medio tumbado, e no que non podía faltar un artigo de Xosé Luis García Mato.
       
Para que empezaran as festas, tiñan que comezar a disparar foguetes coma tolos, atronando o aire de xeito que parecía que ían caer as casas da miña rúa, facendo fuxir as choias que se acollían á protección da torre dos Andrade…

Para que empezaran as festas tiñan que desfilar pola miña rúa, pola praza e polo resto da vila, os membros das “Brisas do Rañego”, que supoño interpretaron as primeiras músicas que eu escoite pouco despois da miña chegada ó mundo.
       
Desfilaba marcial o conxunto pola Porta de Cima. A fin de contas alí tocaba o Edelmiro do Marceliano, que vivía non lonxe da miña casa, e que eu identificaba como veciño de porta detentador marabilloso dunha arte incrible para a música.

Para que empezaran as festas, facía falla que a Banda Municipal de Lugo, baixo a batuta do Maestro Méndez, desfilase pola Porta de Cima… Procedía da Carretera e desde o Campo de Puente camiñaba tocando hacia a Praza cunha marcialidade imposible de volver contemplar porque agora os músicos son funcionarios e para que sallan a actuar  teñen que darse moitas circunstancias favorables e, desde longo, non fan desfiles. Detrás da música, os rapaces e algúns maiores que non tiñan maior ocupación que deixarse levar pola paixón da música e da festa.

Supoño que foi daquela, cando ainda non andaba pero me tiña de pé no balcón agarrado ós ferros e presenciando aquel inigualable espectáculo, cando me afeccionei á música… Aínda que o impacto que daquela me producía o anual desfile da Banda lucense coido nunca máis volveu producirse, nin poderá producirse xamais.

Escoitaba a Banda desde que chegaba á panadería do Benigno, por diante da casa do Galán, e comezaba a vela cando rebasaba a taberna do Julio… Logo disfrutaba plenamente do espectáculo, especialmente cando pasaban baixo do meu balcón… e así ata perderse na última curva antes da praza, xunto ó taller de carpintería dos Guntíns, da casa do carteiro e da ferretería.
Nunca para mín os “san ramóns” serán coma aqueles. Pero non por culpa das festas senón por culpa miña que non teño a inocencia, a receptividade, a ledicia, a apertura de corazón que tiven sendo neno. Inesquecibles “san ramóns” da nenez que nunca volverán.

Desde hai corenta e catro anos, os que levo en Lugo, outro padroeiro ten en min admirador devoto, tanto que publiquei un libro pretendendo pescudar na súa persoa e nos seus misterios. E as festas que na súa honra se celebran, con ser das mellores de Galicia, non teñen nada que ver – xa digo que pola miña predisposición- con aqueles “san ramóns” da miña nenez.

        Pero a influencia nótase, e nunha ocasión en que coma sempre intervin na presentación do acto do Certame Literario e Pregón das festas, tiven un lapsus, e no canto de mencionar San Ramón saíume San Froilán, co que a gargallada dos presentes resoa aínda nos meus oídos.

        De seguido confesei que o erro viña da miña “doble nacionalidade” vilalbesa e lucense, que me fixera caer nun renuncio imperdoable. Os aplausos indicáronme que o lapsus se toleraba. Pero desde entón, cada vez que subo ó escenario do Auditorio Carmen Estévez, poño no nome do Santo Ramón atención especial, para evitar que un erro así volva producirse

        Encomendémonos todos ó glorioso Ramón, e disfrutemos das festas na confianza de que, se sabemos volvernos coma nenos, disfrutaremos dunha dimensións descoñecida imposible de describir, imposible de transmitir,  ¿Imposible de repetir?.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES