O Neno-Deus naceu na Cima da Guiza
martes, 14 de diciembre de 2021
"Noso Señor Xesucristo naceu na Cima da Guiza" - di, convencido, o señor Xosé María á súa netiña María Xosé nunha mañá estival do ano 2972.
"¿Avoíño, dis que naceu na pequena cima que está preto do río Ladra?"
"Así é. Ouvinllo dicir ó meu pai moitas veces. El escoitouno dos beizos do seu pai. Dese xeito transmitiuse a Mensaxe ó longo de séculos. Temos que anunciar a boa nova do nacemento do Redentor ós nosos seres queridos para que non caia no esquecemento."
"¿Logo Xesús foi un dos nosos, meu avó?"
"Certamente. Naceu na Guiza rodeado de persoas humildes e traballadoras coma nós. Desde aquí, a súa mensaxe espallouse polo mundo enteiro."
María Xosé da Guiza era o seu nome. Ela foi quen descubriu os feitos que confirmaban os comentarios dos seus devanceiros.
O pasadizo soterrado da Cima da Guiza
Desde que se mantiña en pé e podía camiñar, María Xosé gustaba de xogar no pasadizo soterrado da Cima da Guiza. Ó final do estreito corredor existía un pequeno rótulo no que se podía ler "GUIZA". Ela sabía que ese letreiro lle daba o nome á cima e ó seu pobo, pero nunca lle prestara moita atención.
Mais chega unha tarde do día 21 de decembro do ano 2972, na que unha forte treboada colle á moza por sorpresa dentro do pasadizo. Mentres permanece abrigada nel, agardando que cesase a choiva, fíxase detidamente no letreiro. Decátase que despois da letra "A" hai unha fina liña vertical. Cando a toca, a falsa roca que a cubre desfáise doadamente, amosando o que realmente é: terra mainamente incrustada no letreiro ó longo dos séculos. A medida que os seus suaves dedos limpan esa parte do rótulo, a forma antes inadvertida vai gañando amplitude. Así acontece ata un punto no que a liña, agora máis grosa, tan só segue ampliándose pola parte superior. María Xosé fica abraiada cando descubre que a carón do "A" vai aparecendo unha letra "N". O novo símbolo, que permanecera agochado longos séculos, redefine o nome da cima e do pobo. Chámase GUIZAN, non GUIZA.
Desexosa de comprobar se habería algunha outra letra oculta, a rapaciña vai retirando a restante terra da parede. Cando o fai, descubre novas letras e observa, perplexa, que dan sentido a unha mensaxe inesperada: "CENTRO SOCIOCULTURAL XOSÉ DOMÍNGUEZ GUIZÁN". Tamén atopa unha peza metálica semellante a un manubrio de porta. Cando consegue retirar toda a terra, decátase que a parede do final do pasadizo soterrado da Cima da Guiza é, en realidade, unha entrada de acceso. ¿Cara onde? Sen reflexionar sobre os perigos que podería comportar, María Xosé abre a porta e entra.
No interior da Cima da Guiza
Nada máis atravesar a entrada, unha ampla sala ilumínase automaticamente, ó tempo que comeza a soar unha leda melodía cantada. A moza, imbuída por unha agarimosa atmosfera de paz, vaise adentrando no interior da Cima da Guiza. Os cantos, inesperados e, ó mesmo tempo, familiares, atraen a María Xosé cara outra porta. Cando a abre, non da creto do que ve. Con só unha ollada, non pode abranguer a totalidade da extensa paisaxe que ten diante dela. É unha paisaxe como de conto. Trátase dunha representación en miniatura da vizosa veiga guicense, con paroleiros regatos, pequenos outeiros e lombas que acubillan alpendres, un muíño, pontes, casas... Na ampla escena multicolor, na que predominan variados tons verdosos, existe unha multitude de pequenas figuriñas en movemento, que encarnan a humildes traballadores desenvolvendo as súas tarefas. Agarimosas melodías con Mensaxe completan a escena.
"O Meniño está nas pallas
súa Mai está con El,
San Xosé está mirando
pasmadiño para El".
"¿E non será Xesús ese neno que está deitado nas pallas a carón dos seus pais?" pensa María Xosé.
A automatizada animación represéntase en exclusiva para a moza. Co paso dos minutos, vai descubrindo novas claves do que está a ver e ouvir:
Xesús, qué Meniño, qué roxiño é
Neno tan bonito, de Dios é filliño.
Cando escoita este verso cantado, María Xosé non pode evitar ceibar un fondo suspiro de satisfacción que resoa en toda a sala.
"¡O Neno que está nas pallas é Xesús, o fillo de Deus! ¡É certo o que me contou o meu avó! ¡Xesucristo naceu na cima da Guiza, rodeado de traballadores humildes coma nós! Voulle contar que ten razón e que os nosos devanceiros tamén estaban no certo."
Cando sae da sala, decidida a compartir o seu descubrimento co avó, tópase cunha nova porta na que se pode ler "Museo do Belén". A súa curiosidade condúcea ó interior da sala, que está ateigada de vitrinas e libros ordenados e clasificados cun coidado e detalle especial. Certamente debían ser importantes e queridos para os que alí os gardaron. No centro da sala hai tres grandes paneis nos que se pode ler: "Historia do Belén de Begonte". En cada un deles destaca un subtítulo distinto.
Panel 1. Etapa fundacional do Belén de Begonte (1972-2022)
Lendo a información, a rebuldeira rapariga descubre que Begonte era o antigo nome co que se coñecía a Guiza mil anos atrás. Decátase de que a representación que viña de ver fixérase para conmemorar o Nacemento de Xesús. E toma consciencia de que o Neno-Deus non nacera na Cima da Guiza, senón nunha afastada cidade de Xudea chamada Belén. Por medio do panel, coñece os esforzos e os nomes de moitas das persoas que, ó longo dos cincuenta anos da etapa fundacional, puxeron os piares que fixeron posible a creación do Belén de Begonte. No panel menciónase a José Domínguez Guizán, Xulio Xiz, Jesús Dominguez Guizán, José Rodríguez Varela, José Luis Hernangómez Sastre, Pilar Gómez García, María José Cruz Veiga (Teté), Antonio Giz, así como a outras persoas e institucións que apoiaron material e espiritualmente as accións do Belén durante esa etapa.
Noutra sección do amplo panel, observa información das actividades arredor do Belén de Begonte ó longo do seu primeiro medio século de vida, todas recollidas en abondosos textos impresos en papel, gardados no Museo. María Xosé interésase particularmente nun dos libros referidos no panel, ó que lle chaman Biblia. Fala da vida de Xesús, da Boa Nova e da Historia de Salvación. Lendo o libro sagrado, a rapaza non é consciente de que as súas mans terman da única copia da Biblia que sobreviviu á Gran Destrución da Historia da Humanidade acaecida oito séculos atrás, no ano 2171. Ela, ó igual que tódalas xeracións que habitaron o noso planeta a partir de 2171, tan só contaban coa comunicación oral como forma de transmisión de información.
Panel 2. Etapa expansiva do Belén de Begonte (2022-2112).
A rapaciña le, no segundo panel, detalles sobre as campañas realizadas para difundir universalmente o Belén de Begonte, e con el, a Boa Nova do Nacemento de Xesús. Unha nova lista de nomes distinguidos e as súas contribucións, falan do emprego de avanzadas técnicas no complexo relixioso-cultural de Begonte. Destaca a creación dun autoxerador atómico para asegurar a independencia total de subministros externos de enerxía. Trátase do mesmo autoxerador que, 800 anos despois, estaba facendo funcionar automaticamente o Belén, a música e a iluminación das salas visitadas pola moza. Hologramas, transmisión telepática, teletransportación son outros dos adiantos utilizados no Belén de Begonte para dar a coñecer ó mundo enteiro a Mensaxe de paz e amor do Neno-Deus.
O panel di que os responsables do Belén, respectuosos pola súa historia, mantiveran intacto o nacemento orixinal creado por José Rodríguez Varela no século XX. Para eles era un tesouro que debía ser protexido e transmitido inalterado como legado para as novas xeracións. Tal foi a perfección técnica acadada polo creador do Belén electrónico, e o coidado que lle dedicaron os continuadores do seu legado que, mil anos despois, seguía a representar o Nacemento de Xesús coa mesma precisión e beleza.
Panel 3. Etapa protectora do Belén de Begonte (2112-2171).
Este panel refírese ó chamado "Proxecto de Salvación":
"A principios do século XXII, era tal a perfección e a seguridade dos sistemas electrónicos de almacenamento, transferencia e visualización da información, que se propuxo que todo soporte físico que contivera información xa dixitalizada, era redundante. Un comité mundial de científicos estimou que a enerxía xerada polo reciclado dos soportes físicos redundantes, principalmente papel escrito e impreso, permitiría erradicar a fame do mundo, reverter os efectos do cambio climático e evitar a desaparición das especies en perigo de extinción".
Continúa dicindo que, cando no ano 2112, un visionario chairego alcumado "o Suso da Terra Chá" soubo da finalidade do Proxecto, traballou sen acougo para evitar a destrución do legado físico do Belén. Inspirado nas ancestrais mámoas dos devanceiros, construíu unha cúpula para cubrir tódolos edificios do complexo do Belén de Begonte. Cando os automatizados robots executores do Proxecto de Salvación comezaron o implacable reciclado de todos o soportes físicos redundantes, os edificios do Belén de Begonte xa estaban protexidos baixo unha enorme cúpula cuberta de vexetación, camuflada xunto as outras verdes lombas da vizosa paisaxe da Terra Chá.
Etapa Escura: unha nova Prehistoria da Humanidade
O que non sabía María Xosé é que, nun segundo dun aciago día do ano 2171, un novo tipo de radiación solar neutralizaría para sempre tódalas ondas electromagnéticas existentes no planeta. Sen elas, deixaron de funcionar a totalidade dos sistemas informáticos, perdéndose sen remedio a información dixitalizada que contiñan. Sen querelo, o Proxecto de Salvación provocara a destrución de todo o legado xerado desde o inicio da Historia da Humanidade.
Un novo rexurdir da Historia da man do Belén de Begonte
¿Como podía imaxinar María Xosé da Guiza a fonda repercusión que ía ter o seu achado do Belén de Begonte, tan ben protexido polo seu antepasado, o visionario Suso da Terra Chá?
O señor Xosé María foi a segunda persoa que puido admirar os tesouros relixiosos e culturais preservados baixo a Cima da Guiza. Neta e avó iniciaron unha nova etapa, aínda sen nome, na que traballaron humildemente, sen acougo, con esforzo e rebordando esperanza e fe. Xunto ós seus veciños, sementaron xermolos para que a fe e a esperanza trunfaran de novo ante a superstición e a desconfianza, os atributos da maior parte das persoas ás que lles tocou vivir a segunda Prehistoria da Humanidade.
A nova etapa iniciada ben puidera chamarse milagrosa, xa que se decataron de que a mensaxe transmitida oralmente ó longo de xeracións era unha terxiversación, e recuperaron e estudaron a Mensaxe orixinal transmitida por Xesús, encarnada na Biblia e noutros libros impresos. Ademais de libros relixiosos, outras obras que contiñan poesías, artigos xornalísticos, escritos literarios, imaxes de obras de arte... Todos salvados por unha inspiración humana, e tal vez mediada por intervención divina. Esta nova fase tamén podería ser definida como a etapa de reparación da destrución que os seres humanos desencadearon co seu Proxecto de Salvación. A reconstrución da fe e do amor da man da Historia de Salvación encarnadas no Fillo de María e Xosé, iniciou un novo rexurdimento para a civilización humana.
Sen dúbida, a fase iniciada por María Xosé proporcionaba unha nova oportunidade para espallar universalmente a Mensaxe de paz e amor do Neno-Deus. Unha sementeira espiritual posibilitada e propiciada polo Belén de Begonte, pola súa historia e polo seu legado, milagrosamente protexidos ó longo dos séculos no interior da Cima da Guiza.
Rodríguez López, Santiago