Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Piñeiro de beiramar

jueves, 09 de diciembre de 2021
Estraño día e neboento. Berros ó lonxe aguilloan o silencio. Opacos. Ignoro onde camiñan, cara onde eles van. Os meus pensamentos, carrizos rebuldeiros, bulen a tecer con mestría o seu agachado, redondo e mol fogar... Mais despois? Foxen lixeiros ó eu en soños os querer atrapar.

Deles sempre quixen ser cazador e tamén, fóra de min, dos miúdos vagalumes, mansas e aloumiñantes criaturas que secretamente guían e acompañan o meu pelengrín andar nas noites estreladas. Por se neles e con eles aclarar puidera aquilo máis fondo de min mesmo, dese propio e estraño eu, agachado en min e sempre pudoroso.

Namoreime así tamén dos altos resplandores daquela muda bóveda celeste, poboada agora doutros moitos, infindos, vagalumes que me ollan dende inhóspitas distancias. Tentaría agora convertelos en esplendorosos fachos aquí abaixo, onde os meus trementes pasos paseniñamente camiño van facendo cara a un sempre inaprensíbel alén.

Así, sen ben sabelo, estou a andar, a ser levado, tremente o paso, cara ó ignoto que me acena, mais non me fala. Ou é se cadra tal silencio o secreto modo de me el falar?

E entrementres, ti, piñeiro férreo e vivo, aquí estás á miña beira, liberándome de treboadas e galernas procedentes dese inmenso dragón mariño que enguliu só hai pouco o sol poñente e mailo enteiro día nun milagre engaiolante de roibéns.

Veciño amábel es ti, pois, e apazugador firme de nocturnos medos e seguro tornaventos ante súbitas ofensivas, rexo garda doméstico que me gorece de ondas embravecidas e de ventos coma serpes asubiantes.

Neno agarimoso porén tamén, pois ben que sabes estar feliz á miña beira, xunto a este avó que eu tamén che son, por máis que ti te ergas brazadas moitas cabo de min en robusta altura e redondez.

En ti aniñan rulas turcas e pombos pelengríns, pousan merlos e inquedo rebole o picafollas sen el me ollar a min que a el o estou a ollar. Onte ouvín tamén o xirín e o verderolo tanxer na arpa dos teus arumes musicais.

Es ti así árbore de paz e de encontros interiores, sabes gardar segredos e deixas sempre vivir e estar, aínda que ás veces alá moi dentro che proia quizais a dor. Pois ti es sentinela firme, de rexa contextura, si, mais ó tempo es neno inxel e aberto a canto ocorre.

Moitos anos e ata séculos che auguro de vida ou de simplemente aí estares, piñeiro amigo, se é que os da miña especie che gardan -como espero- o respecto e agarimo que eu en vida che teño e che terei.

Ogallá, pois, meu caro compañeiro, sexan moitos os invernos e solpores a pasarmos xuntos, latricando sen ton nin son ou cantándomos os dous a unha "moi baixiño" ó xeito soñador dos vellos arrieiros.

E se algunha vez a ti ou ós que te queremos o machado cruel nos quixer arredar de estarmos xuntos non deixes de espavorecer a quen o porte con aqueles teus podentes asubíos de vella serpe que fan liscar os xactanciosos.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES