Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O gusto por manter unha cultura (6)

martes, 14 de diciembre de 2021
A cultura e a súa xenerosidade

Cando nos confinaron. Daquela, cando tivemos que quedar na casa sen poder saír a buscar o alimento cultural fóra, a cultura foi xenerosa.

Os museos abriron as portas virtuais e fixeron percorridos polas exposición, mostraron os seus catálogos ou realizaron conferencias para que non perderamos o fío e seguiramos prendidos a un ocio cultural que fora máis alá das programacións televisivas. As galerías de arte fixeron os que estaba nas súas mans poñendo ao noso alcance o seu fondo de colección.

As asociacións organizaron conferencias e mesas redondas en modo virtual para manter unha programación que era imposible doutra maneira.

Os músicos puxeron ao noso alcance concertos para que a escoita nos acompañara as horas mortas dun tempo de medo.

Óperas e películas en aberto, páxinas web onde atopar todo o que puideramos buscar e nunca tivemos tantas posibilidades de asistencia.

Máis que as organización gobernamentais e non gobernamentais, a min o que me sorprendeu foron as empresas privadas, por exemplo as editoriais que decidiron abrir parte dos seus fondos para que ninguén tivera desculpa para non ler, para non facelo en galego. Destacou Xerais con libros para diferentes idades, igual que Baía, Laiovento... O que me preocupa é que dubido que tanta xenerosidade tivera resposta... que posiblemente á hora de volver ás librarías se nos esquecera ese detalle e nos deixaramos levar como sempre por outras razóns, esquecendo o desprendemento de quen pensou en nós antes de preocuparse polos beneficios. É posible que tampouco a Administración o tivera en conta e iso tamén é preocupante.

Igual que aqueles amigos que, cando saben que non estamos no mellor momento, se impoñen chamar xornada tras xornada para acompañar a nosa dor. Igual que a eles que, por veces, esquecemos cando chegan os días de viños e rosas, tamén ás empresas altruístas as deixamos na cuneta.

As editoriais galegas (aínda que non todas fixeron o mesmo pois algunha priorizou o marketing á largueza) necesitan de nós. Son elas as que velan pola nosa lingua, manténdoa viva sobre o papel, o que nos fai lembrar o que ao respecto dicía Castelao do editor Ánxel Casal: “El fixo máis por Galiza que todos nós”. Manteñen a lingua viva, dannos de ler na nosa fala e sosteñen postos de traballo. Por iso, cando decidimos mercar libros noutras linguas, adquirir libros de editoriais foráneas estamos apoiando a emigración ou o paro da nosa xente. Cando con tanta facilidade decidimos mercar directamente á editorial ou á libraría de internet sen pasar pola libraría física de proximidade, estamos tirando coa nosa economía e condenando aos nosos veciños e veciñas.
Se observaramos as aldeas en tempos de pandemia, veriamos que están percorridas por panadeiros e camionetas de reparto, paquetes enviados dende as grandes compañías onde podemos mercar de todo, igual que pasaba antes coas tendas de aldea. Agora xa non queda nin unha por parroquia, a misa é o único acto público, unha cerimonia que é ritual e non permite comunicación, o cura vén de lonxe, é alleo, e todos din que veu facer cartos (pero non deixan de darllos) e as relacións entre veciños están desaparecidas.

Consumimos sen saber o que facemos, sen responsabilidade nin compromiso. Sen pensar nas consecuencias dos nosos actos.

Estamos nas mans do desleixo.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES