Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Quenlla: moito máis ca un grupo musical

lunes, 18 de agosto de 2008
Comparto unha fermosa historia. Vivida desde dentro. Con milleiros de feitos compartidos na compaña e amizade dos poeta/músico/profetas Mero/Mini, co/fundadores dos dous grupos, quizás, máis comprometidos coa Terra, que tivo a música popular galega cantada nos últimos anos do século XX e os primeiros do XXI. Tiven a oportunidade de vivir e compartir as súas orixes e desenvolvemento. Mesmo as súas medras. O feito/acontecemento de Fuxan os Ventos (1972/82) e o posterior de A Quenlla (1984/2008). ¡Unha regalía!

Á hora de elixir tema para o libro/homenaxe aos meus amigos/as de A Quenlla (1984/2008) sentín a obriga de subliñar algunhas das facianas máis profundas (algunhas descoñecidas) da súa ben aproveitada vida e obra. Este grupo musical lucense foi quen de manter sempre acesa a chama dunha loita constante por recuperar e devolverlle ao pobo galego a riqueza da súa abondosa cultura popular, moito tempo acubillada. A lingua galega e a tradición oral, tanto nos ditos, feitos e costumes, como na fermosura da súa música, están en débeda con este e outros grupos semellantes. Por iso, aplaudo estas e outras homenaxes. O recoñecer e honrar este impagable labor é unha maneira axeitada de loitar tamén pola cultura. Pola miña banda, xunto ao recoñecemento quero aportar uns sinxelos detalles coa vontade de aclarar algunhas dúbidas e mesmo desfacer certas enguedelladas interesadas que lles foron engadindo ao correr dos anos acerca das orixes, causas e razóns do nacemento de A Quenlla. ¡Hai distancia dabondo, suficiente, para que, os que queiran ver, saiban a verdadeira e auténtica historia!

Os froitos dunha difícil rachadura

A Quenlla, como grupo musical, nace no ano 1984. Dous anos despois da derradeira escisión de Fuxan os Ventos (febreiro,1982) Xorde, precisamente, cando o veterano grupo estaba xa a piques de perder a súa identidade e filosofía orixinarias que nunca debera ter abandonado. De principio, a rachadura semellaba unha desgraza. Por fortuna, non foi así, xa que resultou ser un feito altamente positivo. ¡Necesario e oportuno naquel intre! Houbo que se definir e optar, con valentía e claridade, para saír da inercia/apatía e desbotar moi lonxe as loitas absurdas e estériles que alentaban devezos e falsas ilusións económico/profesionais da maioría dos seus membros daquela etapa. A rachadura fai renacer unha nova, renovada e apaixonante vida. ¡A volta ás orixes!.

Mero e Mini sabían moi ben o que facía falla, o que querían e era preciso retomar. Tiñan oficio e viñan cargados da experiencia vivida perante moitos anos. Chegaban de vivir o contacto persoal coa xente da aldea, cos poetas da Terra e da Diáspora, despois de estaren mergullados na historia e na vida do pobo nas escolas rurais e de comprobar que este sufrido e calado pobo fora (¡e seguía a ser!) desprezado, sobre todo, na súa vida cultural e musical. Decatáronse de que había forzas para recuperar a memoria e a súa escasa e baixa auto/estima. Había que cubrir o desconcerto e o gran baleiro que se vía vir (¡xa comezara!) co feito da fuxida masiva a modelos de música, alleos á cultura galega e mesmo con descarado desprezo da nosa. ¡Abonda con lembrar os grupos (¡ao redor de medio cento!) e o tipo de música que se estaba a producir desde o ano 1980 ao 2.000. ¡Novo deserto na música popular!

Falan os feitos: “Obras son amores........”

Dínolo o refrán: “sobran palabras cando falan os feitos”. Ese é o noso caso. Pasada a etapa máis brillante da musica popular galega, coas fortes pegadas dos grupos Milladoiro (na música instrumental) e Fuxan os Ventos ( na cantada) converteuse en moi oportuna, e mesmo necesaria, a presenza de “A Quenlla” que volve ao traballo habitual (¡nunca interrompido!) de recolla, estudo e parella divulgación do rico e abondoso folclore musical da Terra. Comeza a fermosa e produtiva etapa da edicións de discos, vídeos e publicacións de parte do seu tamén rico e abondoso arquivo. Saen á luz os vídeos: “A Historia da Lingua Galega” (romance) con letra de Manuel María; “70 anos de nacionalismo”; “Os señores da Palabra” e “Luís Pimentel” (Ophiusa); “Manuel María da Terra Chᔠe “Fiz Vergara Vilariño” (Citania). No ano do nacemento, 1º LP: “Os tempos aínda non, non son chegados” (1984); “Európolis” (1988); “Máis aló da néboa” (poetas Pimentel, Luís Seoane e Lorenzo Varela); “Terra” (1992); “Nadal en galego: Galicia canta ao Neno” (1994); “A Casa que nunca tivemos” (1996) (musical, Marica Campo); “As nosas cancións” (1997/98), (Recompilacións) “Namórate da vida” (temas droga, Proxecto Home);”Silencios na memoria” (2004) (recuperación histórica) e “Chill Out Celta en Galicia” (Mero/Mini e artistas de Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña e A Quenlla). En preparación, unha xigantesca montaxe dunha obra de calibre histórico en Galiza.

Publicacións de libros: “A carón da escola” (2 volumes de cantos de nenos); “Cantos de Reis e Nadal”; ”Contos de vellos para nenos”; “Novos contos para nenos”; Somos lenda viva” (Citania) e dous grandes volumes de “Cantos, coplas e Romances de Cego” (I-II), con 5 CDs, coas voces orixinais dos informantes. A este labor cómpre engadir a morea de conferencias, debates, charlas, mesas redondas, artigos e comentarios nos medios de Comunicación, Universidades, Institutos, Colexios, Asociacións culturais e apoio incondicional ás asociacións socio/culturais e a todo grupo que precisara da súa colaboración. ¡Sempre gratuíta e altruísta! Algo que soa a escaso e raro neste noso individualista, materializado, consumista e globalizado mundo.

¡Autenticidade, fidelidade, traballo e.... resistencia!

Con eles mesmos. Viñeron de “abaixo/arriba”. Souberon ser “observadores, aprendices e artesáns” e sempre se consideraron “debedores agradecidos da xente da aldea”. Foron fieis aos seus principios, a Galiza e á súa xente; con coherencia, seriedade e autenticidade no traballo, feito a conciencia e con paciencia. Mantiveron unha resistencia activa en tempos de crise e mesmo de acoso á nosa cultura, incluída a lingua. O seu inmenso e inconmensurable traballo está á vista. Entregáronse sen medida. Coa mente e co corazón. ¡A fondo perdido! Moito máis do que aquí aparece. Mini e Mero levan desde o ano 68 (o do maio francés) data na que eu os coñecín e por iso o podo acreditar. Moitos anos vividos con intensidade e alegría, sempre dispostos a traballar e co senso da gratuidade por bandeira. Cómpre compartir gratis o gratis recibido Hai toneladas de amor, de entrega, de tempo, de constancia, de sacrificio, de moitas noites sen durmir. Abondan testemuñas da súa loita a prol dos valores da xustiza, da verdade, da esperanza, da liberdade, do amor...Do amor aos vellos, aos nenos, aos xoves, aos labregos e mariñeiros, aos obreiros do mar e da terra, aos marxinados, á muller galega, aínda sometida, marxinada e maltratada. Aos emigrantes de todos os tempos. Moreas de amor á Terra, Nai e Señora. Tampouco se lles pegou a lingua ó padal á hora de denunciar inxustizas, opresións, caciquismos, lixos, abuso dos pequenos e dos pobres, xogos sucios da política, enganos e traizóns. ¡Outro xeito de amar! A súa música e poesía están a reverter mensaxes positivas de vida e de esperanza.

Aí quedan algunhas das probas destes valentes e coherentes personaxes, rapazas e rapaces que pasaron polo Grupo. Algunhas das mozas (irmás Fernández) están desde o principio. Poucas persoas e grupos poden presentar semellante balanzo de obras e mesmo de resistencia ante tantas reviravoltas que está a dar o mundo e que aguantou de xeito descarado a nosa sempre sufrida Galiza. E tamén as malleiras que lle zorregaron á nosa música popular nestes corenta anos que os membros de A Quenlla foron/son testemuñas de excepción e pioneiros na súa defensa. As galegas e galegos (“bos e xenerosos”) que abondan no País, agradecen a vosa loita, o voso traballo, a vosa entrega, a vosa fidelidade e a vosa coherencia! Seguide a ser sempre “Sementadores de esperanza e futuro”. Que nunca máis sexa preciso volver a dicir e/ou cantar: “¡os tempos aínda non... non son chegados!”¡Noraboa e Felicidades, queridos amigos e amigas, de A Quenlla! Apertas para todas e todos. Voso amigo, Xesús Mato.

(Publicado no Libro/Homenaxe á Quenlla: “O traque da Quenlla” .
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES