Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Apocalipse de fume e lume

viernes, 03 de diciembre de 2021
'Apocalipse'. Primeiras entradas no buscador: 'Apocalipse now', 'Apocalipto', 'Apocalipsis zombie', 'X-men: Apocalipsis'. E despois, 'El reloj del juicio final': o planeta xa está nos últimos cen segundos dunha historia de miles de millóns de anos. Na pantalla tamén aparece o presidente do goberno sobre un titular excesivo: 'Apocalipsis vs. Armagedón'. Pero só andabas á procura dun dos libros da Biblia: Apocalipse, épica e destrucións inenarrables, antesala do fin do mundo, Vintedous capítulos dunha literatura onírica e críptica.

"O primeiro anxo tocou a trompeta, e houbo saraiba e lume mesturados con sangue, lanzados sobre a terra. E queimouse a terceira parte das árbores. E toda a herba verde ardeu" (Apoc. 8:7).

Australia. A illa continente case deserto. Nos telexornais, imaxes de estética apocalíptica, a traxedia do lume. Siberia, Brasil, aquí Málaga. Centos de incendios xigantescos fóra de control. E iso que o verán austral vén de empezar. Devastación e desesperación na guerra insensata contra o planeta.

A única especie humana sobrevivinte conta os seus mortos polo lume. O complexo de embigo impídelle ver aos animais asasinados polo lume humano. E miles de millóns de insectos, bacterias e fungos da terra, anfibios. Contamos hectáreas de bosque queimadas. Apena a caída das árbores, xigantes xenerosos. Quen contará os arbustos, as herbiñas, as frores ventureiras, a bicharada miúda?

Os donos do mundo son burros con orelleiras. Non queren ver a realidade. Desprezan as palabras daquela nena, Greta Thunberg ou a rapazada de Fridays for Future cando denuncian que van espidos de sentidiño, de capacidade política.

O clima, cada ano máis extremo, avisa con secas e temperaturas de marca. O amable Mediterráneo descarga a súa furia contra praias de cemento e urbanizacións insensatas chantadas nas beiras onde dormen, cantan ou rebentan as ondas.

En California contamos as casas, os coches calcinados, os nosos mortos. Valemos máis ca unha bolboreta? Ela enche de cores as pradarías, o sapiens camiña atolado cunha antorcha apocalíptica na man.

Nin todos os dólares americanos frearán a dor da terra que se queima. Apocalipse é palabra grega que significa "revelación". Velaí os fermosos e arrepiantes ceos vermellos. O volcán de fume cuspindo columnas de faíscas. A selva ardendo no Amazonas xa non é noticia. A ferocidade das tormentas contra a costa máis poboada de España son capítulos de lectura obrigada. Retratan a esta especie única, humana, sabia. Con tanto poder sobre os ecosistemas que vén de inaugurar a era do Antropoceno. Capaz do peor. Capaz do mellor se abre os ollos a esta terrible revelación, a apocalipse de fume e lume que incendia a costa oeste de EEUU. Que apaga o planeta.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES