Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O gusto por manter unha cultura (5)

jueves, 02 de diciembre de 2021
Alienación e demagoxia

Non vou negar que algunhas das afirmacións que fago (e levo facendo nos artigos anteriores) podan soar a demagoxia... Non o fago aposta pero pode pasar. Non me gustaría discutir como nos faladoiros das diferentes cadeas de televisión, onde o fan uns sobre as outras sen que ninguén escoite, pero si poder ver paso a paso o que hai de verdade ou falsidade nas crenzas que uns e outras temos.

Comecei varias frases con "non". Iso é algo indebido: unha oposición gratuíta, un enfrontamento que se inicia antes de dar razóns. Debería transformalas, pero síntome sen forzas...

É precisa unha aclaración, como cando mantés unha discusión e che dan ganas de parala para confesar que noutras circunstancias poderías pensar distinto e, é moi probable, que a outra persoa puidera defender a túa postura.

Facemos camiño ao andar, pero tamén nos facemos a nós mesmas nese percorrido. O que temos vivido e sentido, as nosas experiencias e lecturas van construíndo un ser social que pensa de determinada maneira e se asenta sobre certos principios base, aos que se volve ao longo da vida, e dan explicación do que levamos feito así como dos fins que nos moven.

Falamos o que falamos porque vimos de onde vimos. Pensamos como pensamos porque a nosa traxectoria nos foi conducindo a ese discurso construído no día a día.

Eu debo defender a miña maneira de facelo, se o fixera doutro xeito consideraría que estou alienada, que me engano a min mesma, que me reprimo a min mesma sen necesidade de que o faga quen move os fíos. A alienación é un veleno que nos cambia o ADN, convértenos en criados mentres nos sentimos amos. Ela, a alienación, dálle azos á nosa vocación de suicidas, alimenta a nosa autodestrución como pobo, fai que traballemos contra nós e a favor dos que nos asoballan e se rin, mentres miran coma nos arrastramos igual que vermiños. É triste vivir entre alienados que se consideran superiores porque non falan a lingua do país, nin len os libros escritos aquí, nin escoitan a nosa música... porque consideran que todo o que veña de fóra é preferible e os representa máis e mellor. É triste saber que a terra está nas mans de xente que pode afirmar que o cambio climático non é certo, a pesar das barbaridades que cada día nos asaltan, dende os virus ata as inundacións ou os incendios. Da mesma maneira nega calquera evidencia, pero o que aínda é peor, se no fondo de si mesmo nun momento determinado se dá conta da realidade, se de pronto lle cae a venda dos ollos... non decide actuar porque a palabra activista está mal vista, porque resulta elegante ver pasar a manifestación sen sumarse ou non dar nunca un paso adiante para transformar a situación.

Vivir entre alienados é sentir que o seu voto che explota, que quen goberna o fai grazas a eles... e, polo tanto, son eles os que destrúen a sanidade e a educación pública, os que manteñen no poder a xente que nos pon en perigo a nós e ao planeta, a aqueles que permiten que a xustiza non sexa igual para todos e todas, os que dan mal exemplo á rapazada demostrando que a corrupción non ten castigo, que a meritocracia é unha utopía, que a inxustiza é o pan de cada día, que cada ano sexan menos os que máis teñen e a maioría da humanidade vaia caendo na pobreza como formigas cegas por un barranco. Porque son eles mesmos os que nas urnas aplauden esas políticas, son os que permiten que os bancos nos enganen unha e outra vez sen devolver os préstamos que lles fixemos e nos obriguen a pagar por depositar neles uns cartos cos que fan o que queren, son os que acabaron co estado de benestar e decidiron que a sociedade era unha selva onde o mercado é a lei, os que van baleirando o estado que coidaba dos máis débiles e nos entregan nas mans dos fondos voitres, os que regalan o de todos e engordan o seu patrimonio co que nos quitan, os que rematan nos consellos de administración das grandes empresas... Por iso, escoller os gobernantes nas urnas, non é garante de democracia, pola maldita alienación.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES