Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Memoria e identidade

viernes, 03 de diciembre de 2021
"Estou a perder a memoria, pero por sorte esquéceseme que a estou perdendo", confesoulle un día Gabriel García Márquez ao seu fillo Ricardo. Nos últimos anos da vida de Gabo (Colombia, 1927- México, 2014) rumoreouse que o Premio Nobel de literatura padecía unha recaída do cancro linfático que lle fora diagnosticado en 1999. Só en 2012, soubemos a través do seu irmán Jaime que o escritor colombiano sufría demencia senil. Os padecementos dos seus últimos tempos de vida e o diagnóstico da súa enfermidade foron gardados celosamente. Grazas ao libro Gabo e Mercedes: unha despedida, publicado recentemente polo seu fillo Ricardo, podemos coñecer os detalles dos últimos días da súa vida.

A Gabo non lle doía tanto esta cruel enfermidade que esvaece a propia identidade ata facela desaparecer, atacando de forma progresiva a memoria, por razóns sociais ou familiares. Sospeito que nunca foi consciente do pacto de silencio que arrodeou o seu mal e, en canto ao trato familiar, consentiu os coidados da súa esposa Mercedes Barcha e da súa contorna con resignación: "Todos me tratan coma se fose un neno. Menos mal que me gusta", cóntanos Ricardo García na biografía dos últimos tempos de seu pai.

No ano 2004 escribín na Revista Galega do Ensino un artigo titulado "Ética da memoria", no que tratei a cuestión da memoria e o esquecemento en Cien años de soledad. Alí descríbenos García Márquez o drama dos habitantes de Macondo cando perden progresivamente a memoria por mor da "enfermidade do sono", unha terrible doenza que devoraba a memoria e causaba non só o esquecemento do corazón senón o outro, cruel e irrevogable, da morte. Os Buendía loitan non só contra os efectos da enfermidade senón tamén contra os prexuízos sociais da desmemoria ata que chega ao pobo Melquíades, co remedio milagroso.

Ninguén podería supoñer que moitos anos despois o propio Gabo, autor dunha obra literaria monumental, morrería coa mirada ausente dos desmemoriados. Non houbo para el esa apócema de cor apracible que devolveu a memoria aos Buendía e arrebatóunolo a morte, a única que non esquece.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES