Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Factores catalizadores da inquietude social

viernes, 03 de diciembre de 2021
As grandes etapas da historia da humanidade están caracterizadas pola introdución de cambios moi significativos que se producen como consecuencia dos que experimentan os factores básicos das etapas anteriores. E baixo unha certa imprecisión inicial desta dinámica social, a humanidade adoita experimentar un desacougo que, por indefinido, non deixa de ser incisivo e tortuoso para os seus integrantes. Non é fácil afrontar estas situacións.

Comprendámolo. Porque, por un lado, vivimos nas inxustizas e erros enraizados nas estruturas da sociedade, e, polo outro, soportamos o emerxente espertar dalgúns homes e mulleres esixindo cambios, que nos resultan moi estraños e desconcertantes, inquietándonos as prácticas de ataque a todo o desta etapa e a incerteza dos dubidosos obxectivos, incluso,. ás veces, teimando repetir erros indiscutibles dun pasado relativamente próximo.

Despois desta introdución, creo que podo ilustrar un pouco a referencia, aínda que brevísima, dalgún deses "factores básicos". E non deberíamos desvalorizar os trastornos que proporcionan as prácticas políticas, necesarias socialmente; pero cando non son consecuentes coa realidade, xeran un escepticismo tal que levan ao cidadán a xeneralizalo ás mesmas certezas do que está ben feito, ou, cando menos, é discutible. Se engadimos a isto a posibilidade de que esteamos incoando un cambio de etapa, o balbordo non se queda corto, porque nin os mesmos gobernantes conciencian o grado de descontextualización que están introducindo nas súas decisións, e non reparan na ridiculez das mesmas.

Reflexionemos sobre as comentadas preocupacións que nos trouxo a España algunha modificación nos plans do ensino, un factor arraigado na sociedade con matices herdados de etapas anteriores. Os pedagogos fálannos do modelo ou paradigma condutista, no que prima o teórico e memorístico, a constante repetición de contidos que se lle ofrecen aos alumnos, para memorizar máis que para entender, sen o exercicio dunha mínima crítica. A desproporción racionalista enerva o necesario entusiasmo do alumno, algo que pode suavizar o profesor que posúe capacidade de estimulación se conta cunha ratio adecuada; pero isto ten un custe que os gobernos non presupostan. Ademais os pedagogos que defenden cambios din que os alumnos deben subir os niveis de lectura e argumentación, indicativos dunha mellora cualitativa...

Por outra parte, tampouco se debe dubidar que ese sistema de memoria e de clases maxistrais fai achegas de contidos que se esquecen con rapidez, e que pouco máis serven que para salvar con aparente brillantez os exames teóricos. A creatividade sae prexudicada, e cáese nunha certa robotización. con escaso traballo en equipo e insuficiente experimentación. Isto, por suposto, confronta as opinións, e nos medios, cando están impulsados por intereses ideolóxicos, encárganse de acentuar os proles e os contras dos cambios paradigmáticos, sen as necesarias matizacións, xerando inquietudes cidadáns e singularmente profesionais. Alarman os novos sistemas de cualificación, menos rigorosos e máis abertos. E cando todo isto está en mans da incerteza e a imprudencia, constatadas polos cidadáns nas decisións tomadas noutros sectores da sociedade, adoitan proliferar as posturas discrepantes, con escasa ou nula critica, ata o extremo de embarullar todo, dificultando percibir se estamos ante cambios que amosan unha nova etapa ou se se trata dunha bouba política.

Outro factor básico nos cambios de etapa é o económico, en toda a súa extensión e perspectivas. Reparemos que cada unha delas, nos diversos factores, necesitaría dunha exposición amplísima e documentada, que non está ao meu alcance. Aquí só pretendo apuntarlles algunhas razóns das disimuladas inquietudes que afectan aos pobos de Europa, e hoxe en día acentuadas no noso país, especialmente sensibilizado polo impacto histórico dos avatares políticos das últimas décadas do século XX e a présa por cubrir a desproporción democrática cos países do entorno, cunha evidente falta de madurez que propiciou unha asimilación máis ilusoria que real. E todo isto determina que os cambios no factor económico haxa que aceptalos cunha elevada dose de desconcertos, sobre todo pola vinculación de feitos e terías a un pasado sen máis crítica que unha bendición ideolóxica, indicativa da incapacidade para introducir verdadeiras innovacións.

Escuso dicirlles que, se queremos coñecer teoricamente os primeiros apoios do capitalismo, debemos acudir a Adam Smith, Stuart Mill, e outros pioneiros. E aí xa nos encontramos cunha constante desta realidade económica, co cuantitativo predominando sobre o cualitativo. Tamén cun racionalismo materialista derivado do industrialismo mediante o abuso tecnolóxico. Todo isto foi deixando a súas pegadas, cuxos malos recordos se encargaron de reavivar as mesmas condicións laborais das fábricas, que desencadearon duras críticas o sistema económico, incluso de causar as dúas guerras mundiais. O que non pode negarse é que a súa estrutura xerou as crises económicas con todas as consecuencias, que soen ser diversas na tipificación dos seus perniciosos efectos. Isto e a pouca intelixencia dos mesmos capitalistas aplicada ás previsións da dinámica social, coa obcecación polo lucro, fai vítima ao capitalismo dun constante acoso teórico e fustrigación material.

Aquí procede situar, sobre todo, o marxismo, que, con paradoxo cos seus principios, nas versións comunistas que se coñecen na historia, cae nun racionalismo reducionista, que o leva á ditadura e ao militarismo, e aínda que pretende crear riqueza non para concentrala, a hora de repartila conculca os principios da xustiza distributiva en beneficio das elites, e acentúa a marxinación de importantes sectores da sociedade dunha maneira inhumana. A poboación non é boba, e intúe que os dous sistemas, o capitalismo e o marxismo, teñen fallos bastante análogos que, no fondo, se reproducen nos respectivos paradigmas, en mans egoístas e manipuladoras.

Así, pois, a cidadanía, material e moralmente, está frustrada, porque os ensaios ideolóxicos suavizados dun e doutro sistema ofrecen proxectos desconcertantes, por incompetencia, ou, inconscientemente, pola presión dunha tendencia soterrada que parece estar levando a Humanidade a un cambio de etapa, nun espazo temporal incoativo e en constantes ensaios. Non se conciben, por exemplo, as razóns que poda ter o capitalismo para potenciar, nestas circunstancias, un neocapitalismo que hipertrofia, en multinacionais e solapando outras formas, os erros pasados, e, con este modo operandi, estimulando a preparación subrepticia dunha caída estrepitosa para el e lacerante para as poboacións en xeral; pero tampouco os dispersos ensaios de matiz esquerdista poden aboiarse nunha atmosfera de eloxiosos éxitos, descontextualizados, levando os pobos a pobreza, nun ambiente de ditaduras democráticas, todo un "oxímeron", onde o cualitativo se desvanece en aras das necesidades insatisfeitas: Ter que vivir sen coche, sen Tv, sen casa en propiedade, non é o mesmo que DECIDIR vivir sen todo iso; introducir o "banco do tempo" (intercambiar as horas de traballo do carpinteiro polas do fontaneiro) non é o mesmo que humanizar os servizos bancarios, senón volver a un pasado superado; okupar unha casa allea, tampouco é o mesmo que elixir un alugamento legal.

O problema está, na miña modesta opinión, no inevitable de todas estas inquietudes, se realmente estamos abocados a un cambio de etapa, que arrastra a outros modelos ou paradigmas certamente estraños para nosoutros, e sobre os que só parece quedar clara a necesidade de cambiar os chips como nos comportamentos ecolóxicos. Non obstante, parece que observadores de evidente formación e perspicacia opinan que estamos soportando unha carencia de políticos de suficiente capacidade e madurez para asumir as responsabilidades potenciadas nun contexto de tantas incertezas, e se isto fose así, o sosego, a prudencia, a cautela e a solidariedade serían pertinentes nestes nosos tempos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES