Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No Nadal, dos ditos aos feitos

miércoles, 01 de diciembre de 2021
Estamos nas portas do nadal. A partir de agora as grandes campañas publicitarias farán máis visibles as ofertas comerciais que se lles ofrecen aos consumidores que por estas datas son máis receptivos a elas. As canles de televisión emitirán anuncios en atractivos formatos pregoando augas de colonia e perfumes franceses, idioma que os máis dos telespectadores non entenden. Pero tanto lles ten. Velaí a maxia da publicidade ben feita: facer crible o imcomprensible.

Con menos limitacións de aforo que os anos pasados, os restaurantes volverán encherse para xantares e ceas de empresas con comensais de plurais ideas. Pero iso si, son moitos os que neses escenarios póñense afoutos e pronuncian hiperbólicos e líricos discursos de acendido patriotismo. Pero todo queda niso, en ritual floral. Porque os máis dos galegos gustan do autoflaxelo de guindaren pedras contra o seu propio tellado facendo alarde de escasa autoestima.

Podemos imaxinar sen dificultades os variopintos protagonistas e escenarios nos que que se repiten tales cerimonias confusas. Editores e escritores presentando novidades editoriais demandando do público máis lectores; sindicalistas participando en convocatorias reivindicativas co esixente apelo de "postos de traballo na Terra"; partidos políticos co marchamo soberanista ou progresista, denunciando os desequilibrios territorias pola falta dunha planificación axeitada; actores e actrices do teatro e audiovisual galegos pedindo asistencia aos seus espectáculos; agrupacións musicais de todo tipo instando ás comisións de festas que os contraten; milleiros de delegados sindicais reivindicando melloras salariais e laborais; moitos centos de profesores de lingua galega transmitíndolles aos alumnos a defensa da nosa gran tradición literaria; e dirixentes veciñais e culturais demandando máis apoios económicos das institucións públicas para o desenvolvemento das súas actividades. Nunca tivera a nosa lingua tantos medios económicos, persoais e valedores, e tan enxoitos resultados para a súa normalización. Paradoxos de dificil xustificación.

Teño participado como convidado en moitos destes actos convocado polos anteditos axentes sociais e institucións académicas. Despois de feitas as proclamas de rigor, os "pinchos e viños" que se ofrecen a continuación son a expresión contraditoria do galeguismo que din profesar, excluíndo dos menús marcas comerciais que utilizan nas etiquetas a lingua galega. As incongruencias que observamos a cotío son preocupantes por teren raíces ben chantadas nas mentes das nosas xentes.

Este conglomerado plural de activistas de todo tipo, en tanto consumidores non asumen o criterio da discriminación positiva nas súas compras cotiás para afortalaren o noso tecido produtivo e o máis preclaro sinal de identidade galega, a lingua. Repetiranse xantares e ceas arredor de mesas compartidas por familias que foron desprazándose das aldeas ás cidades na procura de novas oportunidades co insolidario comportamento , dun e máis doutros, dos que están e os que chegan,de deixaren ao pairo aos que nelas quedaron, familiares e amigos que manteñen no rural pequenas explotacións e industrias de elaboración de produtos excelentes malvivindo, cando non pechándoas por falta de consumidores.

O Foro E. Peinador- Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros volve facer por estas datas o chamamento á solidariedade interterritorial para artellarmos un pensamento innovador e eficaz que dinamice a galeguización da economía ao tempo que a reforce. Cómprenos tecer unha rede de complicidades para espallar esta mensaxe facendo copartícipes desta acción a todos os galegos. A mellor maneira é a implicación nunha pedagoxía socrática compartida na que todos teñamos parte activa na regaleguización transversal do país. A lingua precisa ampliar os usos na actividade económica para garantirmos a súa plena normalización. Os consumidores, sobre todo aqueles que deliberadamente manifestan galeguismo, teñen moitas responsabilidades na consecución deste obxectivo. A Terra pide pobo conscientemente galeguizado.

Xosé González Martínez, Presidente do Foro E. Peinador.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES