Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Arqueoloxía en Caldaloba

miércoles, 01 de diciembre de 2021
O arqueólogo Iván Álvarez coa axuda do topógrafo Javier Guerreiro acaban de facer un estudo arqueolóxico de Caldaloba e o seu entorno, e anuncian que este traballo é a base para posteriores investigacións. Era e segue sendo necesario un estudo destas características. Parabéns. E según nos din, parece que os foxos veñen xa da época castrexa, sistema defensivo este bastante diferente ao doutros castros. Agora os historiadores teñen elementos para comparar este tipo de defensa e poder saber por que este castro se fortificaba tanto. Parece pois que os nosos antepasados víronse na necesidade de defenderse dos enemigos, o que fixo de Caldaloba unha fortaleza «practicamente» inexpugnábel, que, posteriormente, erguida a torre sobre o castro, chegou con esa defensa até o alto medievo. E debido a isto, Caldaloba a finais do século xv pasou a ser de referencia obrigada para a nosa historia. Desde entón, Caldaloba é algo máis que unha fortaleza defensiva. Aquí, a finais do mes de outubro do 1483, a filla primoxénita do Mariscal Pardo de Cela, dona Constanza de Castro, unha vez que degolan ao pai e a un curmán, Xoán Núñez Pardo, en Mondoñedo, decide seguir a loita de seu pai contra as tropas do reino de Castela. Asalta e toma, xunto co seu home, Fernán Ares de Saavedra, e un puñado de criados, a torre de Caldaloba, onde curiosamente, ademais, estaban acuarteladas as tropas reais. E aquí, loita e resiste durante ao menos 13 meses non só contra as tropas dos reis de Castela senón tamén contra as dos Andrade e as de Álvaro González Ribadeneira. Aí están as pegadas dos bolaños na fachada da torre. E resistiron até o esgotamento das súas forzas, até que dona Constanza morre envelenada polas augas do pozo, Fernán Ares é ferido por un bolaño e os demais enfermaron. Por iso, arqueólogos, é moi importante saber onde se atopaba o pozo, que parece que nesta primeira prospección xa se localizou. Abastecíase de augas subterráneas? Como puido secarse nos meses de decembro ou xaneiro ou como o secaron? Como envelenaron as augas? A todas estas cuestións hai que darlles unhas respostas. E aínda máis, é moi probábel que dona Constanza estexa soterrada no entorno da torre, poderían localizarse os seus restos? Sería todo un achádego para pórlle unha estatua enriba deles. Parece tamén que xa se sabe por onde ía a muralla. Pórlle unha referencia de pedra non estaría mal. E por onde ía o batacán? E a ponte elevadiza onde se sustentaba? E ver ben a estructura dos foxos. Coñecer todas estas cuestións e deixalas ben sinalizadas é dar resposta a todo ese tempo que estiveron dentro ese feixe de galegos defendéndose contra a pacificación da nosa terra. Aquí, Constanza e os seus deixaron escritas unha das páxinas máis importantes da nosa historia. Por iso, arqueólogos, alcaldes de Cospeito e concellos implicados, a torre de Caldaloba debe reconstruirse porque con iso estamos defendendo o que defendeu dona Constanza: a unha Galiza que non se rendeu ante unhas tropas que viñan do reino de Castela e a unha Galiza que loitou até que non puido máis. A torre debe reconstruirse como símbolo desa Galiza insumisa, que loita e que non se rende xamais, e para que as futuras xerazóns non esquezan que neste Coto do Mato a dona Constanza de Castro fixéronlle morrer por rebelde e loitadora. E que non se diga que os canteiros de hoxe son piores que os do século Xlll. Non hai desculpa, alcaldes, Deputación e Xunta de Galiza, para levar a cabo unha digna restauración do patrimonio histórico de Caldaloba e o seu entorno.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES