Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (9)

martes, 30 de noviembre de 2021
¡Isto dos fillos bravos...; outro caso que me deu a noite! Cando teña ocasión, se me atrevo, voulle preguntar ao Cura da Fonsagrada de quen adoita ser a culpa, deles, ou delas!

Pero teño que pensar a forma de dicirllo, de preguntarlle, sen que se me enfade, que teño a experiencia de cando lle preguntei con quen casaran os fillos de Adán, e o Crego, todo sulfurado, respondeume:

- ¿Con quen ía ser, con súas irmás!

- Pero, señor Cura, iso é incesto!

- Daquela non había outras; e Deus ordenáralles: Creced y multiplicaos. Contéstoche porque estamos a soas, que se hai outra xente, connosco, ou cerca, non te tente Xuncras...!

Se é culpa das mulleres, que utilicen o fuso; e se é dos homes, que furen nas paredes, que neste país non hai finca sen elas! Bromas á parte, o caso é serio, e non vexo que vaia a menos. Póñome no caso do de Grandas: ¿Con unha irmá nese estado, que se fai? ¡Arrimarlle unha boa dote, e ofrecela, coma quen vende unha vaca de cría! O problema, a vergoña, é delas, pero aos pobres nenos, sexan varón ou femia, espéralles gorda, que sempre os sinalarán co dedo. E niso de utilizar a ruda...; non quero nin pensalo, pois iso é matar; matar unha vida, xa que tal é desde que houbo embarazo. ¡Por algo se valoran tanto as virxes!
-.-

Se digo o pouco que falo co meu compañeiro vai resultar incrible con todo ser verdade; e non é que nos levemos mal, en absoluto, pero precisamente por iso, porque ningún dos dous quere importunar para que nos concentremos e nos afanemos no traballo que temos asignado. Algún día, se melloran as estradas, se lles levantan aos paisanos do recorrido isto de face-las grandes reparacións por "prestación personal" en vez de pagarlles aos contratistas, e se fabrican autos máis fiables, retirando esta chatarra actual, este oficio noso pode cambiar, moito e para mellor, pero ao de hoxe temos que poñer os cinco sentidos nas responsabilidades respectivas, ¡e todo é pouco!

Con toda sinceridade creo que, antes cos nosos asuntos manda no noso pensamento a profesionalidade, a responsabilidade, por cantas persoas se nos encomendan en cada unha destas viaxes tan perigosas e complexas. Hoxe precisamente o Revisor, xa antes de darnos e desexarnos os bos días, advertiume:

- Por se despois non me lembro, ou vou ocupado...: desde que cheguemos a Paderne fai o favor de baixar na máis curta posible, para ver se damos coa bufanda...

- ¿Unha bufanda, outra? ¿Non che chega coa que levas ao pescozo?

- ¿Non cho dixeron...? Onte, subindo de Romeán a Paderne, un dos rapaces que viña na baca non se agachou a tempo, e daquela a póla dun castiñeiro, á vez que lle deu unha xostrada, quedóuselle coa bufanda.

- ¿E non o rabuñaron os ourizos? ¿Que non? ¡Pois que se dea por satisfeito, que lle puideron quedar as meixelas coma aquela bandeira da que tanto presumían aos cataláns..., ata que don Hermenegildo llela puxo de gravata!

- Como te oian os meus, os da camisa azul...! Xa sei que o dis de broma pois ti e mais eu ben levamos falado dos perigos de viaxar aí arriba, na baca, que ata deberan ir debaixo da lona, e atados, como facemos coas maletas e cos sacos...

- Perigos, si, pero non lle vexo solución. Os viaxeiros precisan desprazarse, e case sempre o fan por necesidades imperiosas; o noso patrón puxo eses bancos, como na maioría das liñas deste país, porque non lle cabe a xente aquí abaixo; outro coche, aínda que teña parné para compralo, seguro que non atopa quen llo venda, de escasos que andan.

- Máis, máis aínda, que tamén está que os donos das fincas plantan por xunto das paredes para aproveitar o pouco terreo dispoñible; iso que chaman o minifundio galego. Se non fose polas castañas, ¿que temos para comer polo inverno arriba? E logo está a ceba, que só é posible con verzas, patacas, nabos, landras e castañas. Tan cabreado estou, que che anticipo que non contes comigo para regresar se antes non me oíron en Lugo, en Obras Públicas. ¡Terás que facer de revisor e de chofer, asemade!

- ¡Si, ho, que che farán caso...!

- Voulles dicir que ordenen e manden, que é como agora se fai, que os peóns camiñeiros paren por un día de botar nas estradas o barro das cunetas, e que collan unha escada, unha bros e unha fouce, ou unha serra, para repolar as canas baixas..., salvo que prefiran ser os causantes dun enterro!

De chegados ao souto mingüei a velocidade, canto puiden, que xa o tiña que facer de todas todas por culpa da humidade e das follas, que empezaban a caer, converténdose nunha pista de patinaxe para estes pneumáticos tan velliños. ¡Coas gomas que se estragaron neses vehículos da fronte, chegaba e sobraba para recauchutar as dos autobuses de toda España, pero daquela corría présa mata-los homes...!

Da bufanda, nin rastro; alguén pasou por alí despois de nós, ¡e gustoulle! Gustáselle ou non, co frío que comeza a facer o afortunado gozou do achado. Nestes tempos de miseria atopar unha bufanda é tanto ou máis cá chegada dos Reis Magos. Algún día falarase destas miserias que nos trouxo esa maldita guerra, pero ao de hoxe nin os mendigos se atreven a queixarse.

Cando comezou o "Glorioso Movimiento", ¡o movemento inmóbil!, ese invento que merece o premio Nóbel de Física pola súa orixinalidade, que non por outra cousa, este inseparable compañeiro de viaxe, queixoso de que a esquerda fose, segundo el, un tanto parsimoniosa na elevación do mundo obreiro, puxo as súas esperanzas nas frechas da Falanxe, baseándose máis ben nas súas conversas cun veciño que lle porfiaba que o fillo de Primo de Rivera ía levar España á prosperidade entrevista naqueles anos de seu pai, pero non ponderaron que a relativa prosperidade anterior fora unha simple e mera coincidencia coas necesidades que tivo Europa polos anos vinte, dimanadas da guerra europea. Aquilo fora o chocolate do loro, para os pobres moito aroma e pouco líquido!

Deuse o casual de que non tivemos persoeiros para entronizalos na dianteira, así que hoxe só escoitei ao Revisor. Por certo, tamén nos escoitaron en Obras Públicas, pero..., ¿farannos caso?
-.-

Veño da Balmes, que fun buscar un mazo de follas... Ben me levo aproveitado do papel que teñen aquí na Administración, e non é cousa de seguir abusando, que me expoño, ¡e con razón!, a que me dean unha patada..., que é como lles chaman aquí en Lugo aos despedimentos das empresas. Estes Veigas espléndidos son, que mo veñen demostrando, pero, como dixo o xitano, cadaquén con cadansúa. Máis é, que o outro día pregunteille ao Xefe se molestaba coa máquina de escribir, e díxome algo que non esquecerei, pero, por se o esquezo, vouno escribir: - ¿Con esta máquina calmas os nervios, non si? Daquela, nós, encantados, que mellor é que os soltes nesta e non no coche, que levas a responsabilidade, acotío, de ducias de persoas..., por delegación nosa, así que, se os transportas sans e salvos, a Empresa seguirá sendo empresa, pois crebas tivemos abondas con esa maldita guerra.

Pola miña parte digo, e dígoo por escrito, a tódolos efectos: Que Deus lle-lo pague!

Na Balmes tamén tiven sorte, que me regalaron un libro, titulado "Miguel Strogoff, el Correo del Zar". Díxome dona Concha que mo daba "gratis datis", porque lle estorbaba, en vista de que, por ser obra dun ruso, ninguén se atrevía a compralo. Explicoume que está escrito por un francés, un tal JulesVerne, pero como o título alude a Rusia, estes franquistas –díxomo ao calado, na trastenda-, son tan brutos e tan incultos que cambian as orellas polo rabo, así que do título tiran a conclusión de que se trata dun libro ruso, séxase, comunista. Eu agradecinllo dobremente: polo libro e pola confianza.

Como non teño segredos co compañeiro, con Revisor, conteille o caso, polo que, ao meu criterio, ten de divertido, aínda que agora éntranme dúbidas se non será tráxico máis que divertido, en vista do que tamén el me contou: Que aí en Montecubeiro, nun rexistro, un dos gardas franquistas viu un libro que tiña as tapas coloradas, o que se di, roxas; colleuno, todo escandalizado, ¡que ata o faría con luvas!, e de inmediato deulle a novidade ao sarxento: -Mi Sargento, un libro rojo! ¿Que hago? A resposta seica foi típica daquela situación e daquela época: -¿Y lo preguntas? ¡Quémalo; de inmediato! Queimar queimárono, pero, coa vehemencia, nin se decataron de que estaban tirando ao lume da lareira ¡unha estampa do Sagrado Corazón de Xesús!, porque aquel libro, coas tapas coloradas, era..., o devocionario da señora da casa! ¡Vivir para ver, para ver o invisible!

O título do meu libro tamén me fixo pensar: Tantas sacas de Correos, que van e volven, de Lugo para Castroverde, Valeira e Fonsagrada, con retorno á mañá seguinte, que cantidade de segredos levarán! ¡Malditas, que polo seu peso seguro que portan máis dramas que ledicias! Aínda que antonte o Correos de aquí de Lugo deume unha boa sorpresa; non sei se boa, pero grande, si, e xa que estou falando de correspondencia, vouno teclear:

A carta chegoume de milagre, que moi listos deben ser os carteiros para interpretar certos aderezos. O sobre poñía, pon, que o gardo na miña maleta, aí na fonda: "Para entregar en Lugo, España, al chofer de los coches de la Línea de Fonsagrada". O que tiña fácil era o refuse, o retorno, pois o remite está claro, claro e ben explicado: Mandábaa, desde La Habana, aquel puteiro dos hoteis da fornicación, aquel a quen presentei ao promotor dos pisos de lujo, por non dicir, de Lugo.

¿Que me di? ¡Pois tamén merece quedar asentado nestes papeis de miña, persoal, historia! Aprema con chufas para que me decida a emigrar, con el, que me reclamará desde o Consulado para que me dean pasaporte. Que me quere de chofer seu; el di, "...de mi carro, que es un Plymouth con motor de ocho cilindros en V, y carrocería blindada..." ¡Carajo co "carro", que non o teremos igual en todo Lugo...; se acaso, en Coruña! Engade que me pagará en pesos, o dobre, ou máis, do que me dan aquí. Tamén explica que o chofer que ten agora é un "cinturón" non sei que, de judo, que lle fai, á vez, de chofer e de "garda espaldas", pero que o quere retirar do volante para que funcione no outro cargo "a plena dedicación", di. Tamén me explica que se volveu para Cuba despois de escriturar os pisos a nome das sobriñas, porque os gringos non se cansan de acudir a La Habana para "...para hacer sus necesidades".

¿Necesidades, dos gringos? ¡Que distinta debe ser Cuba, pois aquí, na nosa terra, por necesidades enténdese acudir ao horto..., cando no se ten water! Basta que fale de necesidades para que non me decida a coller o barco: Seguirei facendo as miñas onde cadre, que tampouco teño problemas, pois, pola estrada, sempre paramos diante dunha taberna, e xa teñen servizos, con billa ou con xerra!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES