Mini e Mero
Xiz, Xulio - martes, 12 de agosto de 2008
Non sei de onde ven o de Mini coido que nunca falamos deso- para identificar a Xosé Luis Rivas Cruz. O de Mero é máis doado: Baldomero Iglesias Dobarrio.
Mini e Mero non é un dúo, son unha unidade, e serían unha unión de feito desde hai corenta anos, se non fose porque eso das unións de feito na actualidade non ten nada que ver coa amizade nin coa música.
Mini e Mero naceron onde o mundo se chama Terra Chá, con tan só nove días de diferencia, nas calendas de xuño de 1951, Mini o 18 e Mero o 27.
Por chairegos ou quen sabe por que outras influencias, como quería Díaz Castro, a beleza fireunos para sempre, e quedaron desde o nacemento abducidos pola historia e a lenda, polos contos e tradicións, polos refráns e a música dunha terra na que as palabras son moito máis ca palabras; onde a choiva e o trono, o vento e o lóstrego son músicas que hai que escoitar e aprender, transcribir e cantar.
E desde 1951, e van cincuenta e sete anos, viven na Chaira aínda que residan noutros lugares, e veneran a música e a canción como elementos divinos dunha relixión natural á que ninguén pode sustraerse porque está marcada ó roxo na parte da alma que goberna as crenzas e as devocións, as querencias e o placer, a fe e o amor.
Fuxan os Ventos
Digo A Quenlla, e digo Mini e Mero. Digo Fuxan os ventos e digo Mero e Mini. Digo Galicia canta ó neno e a eles me refiro.
E diante da homenaxe a A Quenlla en Chantada, pescudo na miña memoria daquel tempo de hai catro décadas cando Popular de Lugo botou a andar, e andaba por alí Xesús Mato, cura novo e inquedo, arredor do que xiraban rapazas e rapaces contaxiados do seu entusiasmo.
E cando un poema de Mato tamén musicado por el (Fuxan os Ventos) gañou o certame de Mondoñedo, naceu o conxunto mítico por excelencia da música galega daqueles tempos en que todo era posible. Fuxan os Ventos foi o noso Viva la Gente, a nosa bandeira, a nosa casa, o noso himno
Foi patria musical, sinxela e gloriosa, rexa e inmortal. Levaban as andas deste santuario varios galegos afervoados
Pero como en todo paso procesional, por baixo das andas asomaban sempre como levadores Mini e Mero.
A Quenlla
Tan grande foi Fuxan que o seu propio peso contribuíu á crise de medrar, crise de país, crise co país, crise da que crisálida ó fin rematou por nacer unha nova criatura.
Hai xa máis de vinte anos que Mini e Mero, paxaros voandeiros no mundo galego das artes, voaron libres mesmo das ataduras de Fuxan para formar o seu grupo definitivo, con nome de peixe xigantesco, de canle de auga pura ou de gran no corazón do muíño, para simbolizar navegación en augas revoltas, para garantir traxectoria segura, para dicir que somos así, que así nos fixeron, que así sentimos, que cantando e sendo deixamos constancia de personalidade, de país, de esencia, de futuro.
Quero con afecto fraterno ás rapazas e rapaces que no grupo A Quenlla demostran amor á música e ó país, pero non poido menos que fixar o meu ollo bo, os meus dous oídos e a parte máis sensible da miña cabeza, na armonía conxunta de Mini e Mero, que logran como poucos conxugar música e voz, palabra feita poema, poemas feitos cancións, e unha amizade inquebrantable por riba do espacio e do tempo.
Mini e Mero
Remato onde empecei, porque entre as miñas fixacións galegas e galeguistas está esta dupla moito máis ca musical, que se fose política sería bipartito, que se fose económica sería sociedade limitada, que non ten antecedentes no noso panorama musical e cultural porque precisamente neste campo son as individualidades moito máis acusadas, quizáis moito máis idóneas para resistir os tsunamis sociais.
Moitos ventos levan barrido Galicia nos últimos corenta anos. Pero do mesmo xeito que os rumorosos na costa verdecente, as manuelmarianas Penas de Rodas ou a máis que milenaria muralla de Lugo resisten o embate dos elementos, así Mini e Mero son dúas penedas ergueitas, firmes, que veñen de recibir homenaxe a través da súa creación definitiva (A Quenlla), nas terras que O Faro goberna no corazón de Galicia.
Felicidades, A Quenlla. Felicidades, Mini e Mero. ¡E por moitos anos!.

Xiz, Xulio