Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Anglicismos a carradas

lunes, 29 de noviembre de 2021
Anglicismos a carradas A carraxe, a rabia entra en min como touro bravo porque vexo que ninguén lle pon remedio ós anglicismos que nos están invadindo. Logo, para máis aquel, aparecen organizacións ou as propias administracións que lle poñen pegas e máis pegas ós nosos idiomas e, pola contra, lávanse as mans ante eses anglicismos. Por exemplo, Galicia Bilingüe dálle que dálle contra o galego, que seica está a sumir, a afundir ó castelán na miseria. Por exemplo, as propias administracións poñéndolle atrancos ó galego, ó euscaldún e, como non, ó catalán. E deixando que os medios de comunicación usen a todas as horas os anglicismos, como se usando estes se lles dera moito máis señorío á palabra, ó asunto, ó tema. Como en tempos, que había que falar o castelán na cidade para non parecer de pobo.

Resulta que o venres pasado, mellor dito, a fin de semana pasada celebrouse o famoso venres negro. Pero como queda máis fino en inglés (porque o inglés é moito inglés), escríbese e dise black friday, que é máis fácil de dicir e de escribir, moito máis, que venres negro ou viernes negro. Aquí bótolle moita culpa ou case toda ós medios de comunicación, que nós, se dicimos ou lemos tal palabra, é porque a vemos escrita. Agora mesmo colles calquera periódico (un día teño que facer a proba) e un tanto por cento moi alto está cheo de anglicismos. E non digo nada xa nesas páxinas ou artigos ou escritos dedicados á informática. Non é o mesmo dicir mail ou e-mail que correo electrónico. Vaiche boa! Test queda máis chulo que proba. Hit deixa máis finura que éxito. Marketing. Blog. Spoiler. Catering. Casting. Parking. Bluetooth. Business. Hobbie. Smartphone. E o conto de nunca acabar.

Despois, estes mesmos medios de comunicación sacan enquisas ou probas para saber a porcentaxe cultural e lingüística dos españois ou, no noso caso, dos galegos. Ó final, cando ven os resultados, axiña comentan o da pobreza lingüística e cultural. Normal, cada vez escriben máis en inglés que en castelán. Aquí xa non digo nada do galego, porque o pobre... Ó pobre este deixámosllo ós de Galicia Bilingüe, que sempre o defenderon a morte. Van ó seu favor como a miña carraxe, coma touros bravos. E, repito, as administracións non son menos. Teñen o poder e o deber de reverter a situación, pero... Pero compénsalles máis poñerlles atrancos, obstáculos, mesmo denuncias ós nosos propios idiomas. Como debe ser!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES