Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Personaxes medievais (VIII)

martes, 12 de agosto de 2008
D. Álvaro de Taboada

Don Álvaro de Taboada, señor de San Pedro de Bembibre e de Taboada, era fillo de don Lopo Pérez de Taboada e de dona Maior Méndez, e neto de don Ares Pérez de Taboada, descendentes dos fundadores da abadía de Ferreira de Pallares. Casado con dona Constanza, morreu sen descendencia.

O día 21 de setembro de 1462, na parroquia chantadina de Santa Baia de Pedrafita fai testamento dos seus bens (O texto foi publicado por Antonio Taboada Roca no Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo, vol. VII, páxs. 99-105).

Posuidor dun inxente legado de bens e inmobles, herdárono os seus sobriños Hernán e Lopo de Camba, fillos da súa irmá Leonor, coa condición de que levasen o apelido Taboada- pois o seu pai, Alonso de Camba, xa tiña morto nesas datas-, así como o seu primo Pedro Garza, un importante cabaleiro e fidalgo dos condes de Lemos, pertencente á familia do pazo de Tor (Monforte).

Ademais de deixar numerosas doazóns a diversas igrexas da comarca, á Catedral de Lugo e aos conventos de San Domingos e San Francisco, ambos tamén de Lugo, foi un importante benfeitor do mosteiro de Ferreira, xa que a el débeselle a construción da Capela dos Taboada, no século XV, nun lateral da igrexa da abadía, e que desde hai anos se emprega como sancristía.

Efectivamente, nas súas disposicións testamentarias manda que o seu corpo sexa sepultado na súa capela- nesas datas aínda sen rematar- do Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pallares, na segunda sepultura, e que na primeira, situada preto do altar, coloquen os ósos dos seus pais e dos seus avós, que estaban fóra.

A tal condición, doa a dita capela o seu pazo de Relás (San Tomé do Carballo) e distintas herdades situadas en Santa María do Carballo, no Amedo, Carude, Moreda, Fradé, Ramil, Gondulfe, Deilás, Arxiz, Bosende, San Paio, Paderne (Muradelle) e San Xián de Insua.

Como contrapartida, o abade do convento debe elixir dous capeláns, a ser posible monxes do mesmo cenobio, para que perpetuamente sexan obrigados a dicir diariamente unha misa rezada na súa capela e outra semanalmente cantada, polas almas de Lope de Taboada, de Maior Méndez, da do propio Álvaro e da dos demais familiares descendentes desa liñaxe. Así mesmo, manda que nas súas honras fúnebres e enterro haxa o maior número posible de clérigos e freires.

Deixa como cumpridores desa manda aos arriba citados, Hernán e Lopo de Camba, e Pedro Garza, para que fagan acabar dita capela, co seu altar e ornamentos, cun par de boas vestimentas para o culto divino, un crucifixo e as dúas sepulturas.
Vázquez García, Carlos
Vázquez García, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES