Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Apoiar e participar

miércoles, 01 de diciembre de 2021
O venres é o día internacional das persoas con diversidade funcional e o domingo é o día internacional do voluntariado. Días antes tivemos o 25 de novembro que ogallá chegue un día que non faga falla reivindicar. Aquí estamos un ano máis agardando por datas marcadas para saír á rúa e dicir que a diversidade funcional non é máis que unha maneira distinta de vivir. Ben certo é que está provocada por un límite imposto pola natureza ou polas circunstancias pero ese límite non limita tanto como a propia sociedade. Deste punto nace a necesidade de celebrar este día, ou máis ben, de reivindicalo. Coido que a reivindicación total é que non nos limite máis a sociedade que as circunstancias irreversibles que vivimos.

A clave é convivir co límite potenciando o ilímite e nel a nosa propia identidade. Unha identidade persoal que precisa autorrealizarse á súa maneira, de xeito que a diversidade funcional é tan só un ínfimo compoñente da mesma, compartindo os máis importantes co resto da humanidade: afectos, afeccións, querencias, xeitos de ser, etc.

O mesmo que non hai seres humanos iguais, non hai diversidades funcionais iguais, isto fai máis necesaria que nunca a inclusión. Incluír é apostar polo deseño universal, por que todas as actividades que se programan procuren a participación de toda aquela persoa que queira.

Isto non significa a obriga da persoa con diversidade funcional a participar en todo pero si a obriga de apoiar por distintos medios que en todos os ambientes sociais, culturais, educativos, deportivos, relixiosos, políticos... rurais ou urbanos, se teña en conta o deseño universal. Polo tanto, que toda actividade programada poida ser adaptada dun xeito ou doutro.

A loita foi longa e aínda é longa. Non sei se algún día poderemos dala por rematada, pero si sei que se ese día chega, haberá que ficar vixilante. Como a diversidade funcional, o voluntariado tamén debe ter en conta a identidade persoal. Non creo que haxa un voluntariado para todo, senón que creo que a persoa voluntaria ten que dirixirse a aquela área da sociedade que máis lle preocupa ou coa que máis se identifica, porque nela dará o mellor de si.

Neste 3 e 5 de decembro, de modo totalmente persoal, reivindicaría ter en conta a identidade para conseguir deseñar para todas e todos. Sabendo a quen nos diriximos e sabendo, tamén, que non todos teñen que participar pero, ben seguro, que todas e todos apoiamos iniciativas de ocio que faciliten vivir á persoa con diversidade funcional as súas propias afeccións ou querencias.

En tempos solidarios apoiar quere dicir loitar para facer que todo sexa inclusivo. A partir de aquí empeza a liberdade individual de participar naquilo que máis nos guste, na medida en que o fagamos, a nosa propia diversidade (humana, non funcional) irá creando entorno inclusivos dun modo transversal que ten que empuxar á sociedade cara a unha inclusión que lle permita a cada persoa vivir en plenitude.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES