Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A vulnerabilidade da ancianidade na nosa Galiza de hoxe

jueves, 25 de noviembre de 2021
Fonte da Cruz, Narón. 17-11-2021.

Unha das virtudes que aprendín na filosofía escolástica foi a "explicatio terminorum": Antes de pórenos a falar ou discutir sobre algo, debemos definir ben o que cada quen entendemos en cada concepto e como imos usar cada palabra, e o sentido e significados. Iso evita perdermos tempo e axuda a podermos chegar a algunha conclusión. Aínda que todos dicimos coñecermos moi ben o que é a vulnerabilidade, xa sería de utilidade detérmonos antes en precisarmos ese concepto e a súa familia de palabras. Que quere dicir vulnerar? E vulnerabilidade? Quen son vulnerábeis?

Vulnerar: violar, transgredir, infrinxir, desobedecer, contravir, incumprir, quebrantar, danar, prexudicar, ferir, lesionar, lacerar, inferir, asestar, lisiar, lastimar, mancar, conculcar. Vulnerabilidade: debilidade, fraqueza, susceptibilidade, risco, ameaza. E, entón, que é ser vulnerábel? Implica fraxilidade, situación de ameaza, posibilidade de sufrir un dano. Ser susceptíbel de recibir ou sufrir algo malo ou doloroso: unha enfermidade, a posibilidade de ser ferido física ou emocionalmente, etc. As persoas vulnerábeis caracterízanse por ser fráxiles e incapaces de soportar ningún acto. Nun primeiro momento pensamos nos nenos, nas mulleres e nas persoas maiores, xa que presentan unha maior fraxilidade con respecto a outros grupos de persoas. Son vulnerábeis ao maltrato por indefensión. Etc.

En síntese: A vulnerabilidade é, pois, o risco de que unha persoa, sistema ou obxecto poida sufrir perigos inminentes, desastres naturais, desigualdades económicas, políticas, sociais ou culturais. Unha persoa pode converterse ou pasar a ser vulnerábel debido a determinadas circunstancias polas que está pasando na súa vida: unha crise emocional, a morte dun ser querido, a ruptura da relación amorosa, etc. A persoa, ao debilitarse, pasa facilmente a poder ser ferida ou abusada...

Unha cita literal: "Practicamente todos os días podemos ver nos medios de comunicación casos de persoas maiores que tiveron que ser rescatadas polos bombeiros ou os servizos de emerxencia por ter sufrido caídas ou enfermidades nas súas casas. Reflexo desta situación de vulnerabilidade é que cada vez saen á luz máis casos de persoas que aparecen mortas na soidade das súas casas, días ou semanas despois de finaren, incluso comidas polos seus animais por falta de alimento. A semana pasada unha muller que vivía soa foi atopada morta na súa casa de Narón á que os cans lle comeran a cara e o brazo e esta mesma semana o cadáver dunha veciña de Ramirás (Ourense) foi achado desfigurado por alimañas" (1). Isto é vulnerbilidade.

Duro, non si? Por iso imos achegarnos algo máis a esta problemática que nos pilla de cheo e a cotío a todas e todos: A VULNERABILIDADE DA ANCIANIDADE NA NOSA GALIZA DE HOXE.

Un mínimo de datos estatísticos que co COVID 19 agraváronse. (2): A Galiza é unha das comunidades autónomas máis avelloadas de España. Na Galiza 122.000 persoas maiores de 65 anos viven soas ou con persoas de idade similar. O 23% da poboación ten máis de 65 anos e estímase que alcanzará case o 30% no ano 2029.

En 2014 a esperanza de vida ao nacer era de 86,2 anos para as mulleres e de 79,8 anos para os homes. Hai un progresivo avellamento e un aumento da esperanza de vida. O 50% das defuncións corresponden a persoas de 85 e máis anos. A análise da distribución das defuncións en cada un dos sexos permite comprobar que nas mulleres as defuncións se producen a idades máis avanzadas do que no caso dos homes. A maior parte das defuncións danse en idades cada vez máis tardías; o 55,5% dos homes que faleceron tiñan 80 e máis anos e no caso das mulleres a porcentaxe que pertencía a ese grupo de idade era do 77,3%. O avellentamento foi "moi acusado en todo o territorio galego", pero sobresae Ourense, con case un terzo da súa poboación por riba dos 65 anos. Agora, este "forte avellamento actual", sumado á "marcha de parte dos efectivos novos dentro deste grupo cara á emigración", fan que se estea "reducindo a súa proporción de maneira acusada e que isto repercuta fundamentalmente no de persoas máis maiores" (3).

Octoxenarios.- O incremento é máis notábel a partir dos 85 anos. Na actualidade hai un total de 77.500 persoas que superan esa idade, un 30 por cento máis do que hai oito anos. Chegar aos 100 anos xa no é unha excepción. Segundo as cifras facilitadas polo Instituto Galego de Estatística, extraídas do Instituto Nacional (INE), en 2006 vivían en Pontevedra 276 centenarios, en A Coruña 254, en Ourense 144 y en Lugo 116. A suma dos 790 maiores de cen años, é moi superior aos 214 contabilizados polo Instituto Galego de Estatística en 1996. O incremento meirande produciuse en Pontevedra -onde se multiplicou por cinco o número de centenarios-, seguido de Ourense con case catro veces máis maiores de cen anos. Estes datos concretos xa son de hai máis de seis anos. Hoxe esas cifras son superiores.

A lonxevidade non é sinónimo de calidade de vida. Tampouco é garantía dun soporte sanitario e social adecuados. Dispersión xeográfica. Illamento. Predominio do rural. Hai un elevado número de persoas maiores con distintos graos de dependencia. Dúas frases antigas: "Nos se trata de encher a vida de anos , senón de encher os anos de vida". "Unha nai é quen de criar once fillos. Once fillos non son quen de atender unha nai".

Dependencia: No ano 2017 o 4,5% da poboación galega de 65 a 74 anos presentaba algún tipo de dependencia. A partir dos 75 xa era o 22,9%. De 117.875 persoas con algún grao de dependencia case dous terzos (77.458) superaban os 75 anos, maioritariamente mulleres. O 42,5% dos dependentes vive en municipios de menos de 10.000 habitantes e só o 24,5% en municipios de máis de 50. 000 habitantes. Confirmase así a dispersión, o illamento e o carácter rural das contornas de Galicia. Un número indeterminado de persoas maiores dependentes son atendidas polos seus achegados, en moitos casos de idade similar ou superior á súa. Este dato vai en aumento.

Economía: A redución de pensións contributivas. En 2016 a pensión media en ambos sexos foi de 1.009 euros en persoas de 65 a 74 anos, 813 euros en persoas de 75 a 84 anos, e 754 euros nas de 85 anos ou máis. A provincia de Ourense é a que presenta menores pensións, sendo as das mulleres inferior ás dos homes. O aumento na idade vai acompañado da redución na pensión contributiva. Coa crise do 2008 esas pensións pasaron a soster familias enteiras. Os nosos vellos socializaron a súa precariedade e fixéronse solidarios. Moitos deles foron "rescatados" dos centros nos que foran "colocados" anteriormente. E logo o trato foi daquela maneira.

A vulnerabilidade da persoa coidadora. Aumenta cando no proceso de envellecer o ancián se fai dependente e xa precisa de coidados que lle proporcionen unha axuda que cubra as súas necesidades físicas, sociais e afectivas. Aparece esa figura imprescindíbel no contexto de vulnerabilidade da persoa anciá: o coidador ou a coidadora. Coidadores e coidadoras profesionais. Persoas que, nos seus postos de traballo, tanto no ámbito social como no sanitario, prestan coidados para os que están formadas.

A figura do coidador informal é esencial. Alguén da contorna familiar da persoa anciá que coidada de maneira altruísta. Habitualmente é unha muller, preferentemente a filla ou a parella da persoa coidada. Ela asume en maior grao esta responsabilidade cunhas expectativas sociais, non escritas, de quen debe coidar.

Os coidadores. Que é o que lles pasa agora a eles? O 72,5% dos coidadores viron reducidas as súas actividades de lecer ou relacións sociais. Un 55,8% reduciu a súa vida familiar. Un 38,3% diminuíu o seu traballo doméstico. Un 25,8% reduciu ou deixou o seu traballo remunerado ou os estudos. Gran parte dos coidadores de persoas con demencia sofren unha significativa sobrecarga física, psicolóxica e emocional, especialmente cando non encontran os apoios axeitados (familiares, económicos ou institucionais) para desenvolveren adecuadamente o labor de coidados nunhas condicións favorábeis que permitan coidar e coidarse. E esta tarefa cae, case exclusivamente, sobre as mulleres. Non. 'Sobre unha muller'.

Quen coida do coidador? Un vello de noventa anos coidando doutro de noventa e tres. Vellos extraviados que morren fóra da casa, perdidos nas contornas ao non souberen volver. Suicidios. Mortes por piedade ou compaixón ou por sobrecarga desequilíbrante no coidador queimado. Realidade cotiá e moi habitual.

O síndrome de sobrecarga do coidador ou o coidador "queimado". É un estado de esgotamento emocional, estres e cansazo no que os coidadores acusan falta de sono, de tempo para si mesmos, falta de liberdade, abandono de relacións sociais e descoido da propia familia nuclear, que provoca ademais conflitos con cónxuxes, fillos e outros familiares directos. Hai un estres desbordante que leva ao burnout ou o síndrome do "queimado" que fai perder a cabeza e leva ao desespero e, daquela, á falta de control por incapacidade de respostas adecuadas sempre dolorosas. Por aí chegase ao maltrato e aos malos tratos. Incluso á morte por piedade ou compaixón na mesma familia. É fácil meter logo todo na violencia de xénero para escapar de responsabilidades políticas, sociais e mesmo familiares. E así facémoslle un pésimo favor a ámbalas dúas problemáticas, porque non son o mesmo. Pero, con ese diagnóstico facilón, ficamos nós da parte de fóra, como espectadores, incluso "facemos xustiza" verbalizando publicamente condenas altosoantes diante das noticias da prensa e así non temos de irmos ás verdadeiras causas nas que todos estariamos inmersos dalgún xeito. Cargamos todo nun chivo expiatorio. Individualizamos todo no 'malo malísimos' que é o culpábel e nós, políticos, sociedade, familia, etc., ficamos fóra sen responsabilidade. Sei do que falo, fun enfermeiro trinta anos nos medios populares. Os causantes non son só os "coidadores desapiadados". Pensemos, p. ex., cando as axudas sociais de extrema necesidade, solicitadas de hai tres anos, se comunica a súa concesión dous anos despois de morreren os dous beneficiarios. Seguramente iso explica moitas perdas de xuízo e mesmo de paciencia no caso de que non chegasen á desesperación. Pero iso solucionámolo logo entre todos pechando "debidamente" un expediente aberto e comentando o "desastroso abandono daquela familia ou persoa concreta que 'mal coidaba'. Consecuencias de tipo emocional e afectivo produto da impotencia diante do progreso dexenerativo da enfermidade do familiar, da imposibilidade de modificar os seus comportamentos desfuncionais, da sobrecarga de traballo, da sensación de illamento e abandono por parte da contorna familiar, do posíbel desentendemento dos outros familiares.

E aparece o sentimento de culpabilidade, que tanto estigmatiza á persoa que etá a facer máis do que pode ao pensar que non se está coidando á persoa como se debera e que non se están facendo ben as cousas. Isto faranllo ver, incluso como acusación, os outros familiares que veñen de visita, pero sen botaren a cotío unha man para axudaren en nada.

E os servizos sociais? E a veciñanza? Os vellos nas aldeas, sós, son obxectivo de especuladores e de atracos, ameazas, e mesmo de bandas organizadas. Tamén os dos andares altos ou pisos sen elevador, con outra soidade distinta, pero máis isolados aínda. Hai un grande aumento de persoas necesitadas de coidados pola súa contorna

O avó "andoriña" ou "maleta". Son coma os nenos de pais separados. Cada fin de semana. "Veña!... arranca pistón!": "Papá, mamá, cando deixaremos de sermos nós uns títeres de guiñol sen sabermos nunca quen move as nosas vidas?", dín os nenos, cansos de que nunca teñan un mínimo control para programaren algo, que tamén son persoas con dereito aos seus proxectos. Eses cambios continuos desestruturan ao máis equilibrado. No caso dos anciáns/anciás aínda é peor. Eles xa foron señores dos seus tempos. Ningunha autonomía. Ningunha capacidade de opinión: "Mamá, papá,e non estás a gusto, pilla porta. Nós, abondo sacrificio estamos a facer". E tamén é verdade. O número de maiores de 65 años que viven sós medrou un 16% só en cinco anos, multiplicando risco de ficaren desamparados. E moitas veces escollen a soidade.

Ata aquí esta xeira. Seguiremos, por entregas, afondando nesta problemática que é de todas e todos.

NOTAS:
1. https://www.fundacionamigosdegalicia.org
2. ADVERTENCIA: Co COVID 19, estes estatísticos que van aquí empeoraron, entre eles: os das mortes por abandono; a degradación acelerada, a peor, da Atención Primaria de Saúde; a falta de claridade e control na xestión dos Centros Xeriátricos; as persoas que viven soias das que non hai datos fiábeis; etc. Optouse por utilizar datos anteriores a pandemia para ver que a situación xa viña sendo problemática. Esperemos que na nova situación se empecen a facer axiña análises realistas con dados fidedignos e; oxalá, sexan para empezar a mellorar.
3. El declive de la población en Galicia. Hacia el vacío demográfico? Galicia Confidencial, 30-07-2019.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES