De novo, preocupa o paro
Editorial - martes, 12 de agosto de 2008
O tema do paro deixara de estar entre as nosas máis importantes preocupacións, pola melloría que viñan experimentando as estatísticas, e mesmo pola melloría que se viña notando na evolución económica.
Pero volve estar de actualidad, porque as cifras do paro son das máis ostensibles en canto á repercusión da situación social. A calquera vento que sople por lugar desusado da rosa ventoeira, nas cifras do paro recóllese a primeira incidencia ou repercusión. E a situación non pinta ben, se ó paro facemos caso.
Segundo se desprende das cifras facilitadas pola Enquisa de poboación activa do segundo trimestre do presente ano, resulta que o 3,57 por cento dos fogares galegos teñen a todos os seus membros en idade de traballar en situación de parados. Son máis de trinta e catro mil familias galegas as que están nesta situación, cun incremento de arredor dun vinte por cento no último ano. E máis de cen mil familias galegas teñen alomenos a metade dos seus membros en paro, o que representa arredor dun once por cento do total de familias.
Se cada parado nunha familia é un problema, velaquí centos de miles de problemas, de dramas persoais e familiares, que xeneran situacións moitas veces límite entre os que precisan traballar para poder subsistir e manter as súas familias.
O paro preocupa ós afectados e ós que poden chegar a estalo. E, en definitiva, ó conxunto da sociedade porque a sociedade toda rexistra e reflicte o problema e, en última instancia, é a chamada a soportalo.
De novo, o paro preocupa e moito. E será punto esencial de referencia de pensamento e executoria social durante moito tempo.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora