Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que quere Asturias?

miércoles, 24 de noviembre de 2021
Dende hai tempo, abondo xa, tento descubrir que quere Asturias. O primeiro que tiven que descartar é que Asturias, entidade, queira algo: sinxelamente, non pode. Poden querer os Asturianos, mais de primeiras reduciría a querencia ós mandatarios asturianos.

Coido que o anterior é un paso previo para tentar comprender que pasa co nome da ría de Ribadeo. E aquí fago unha digresión: o nome da ría que separa o que hoxe son territorios de dúas administracións diferentes tenta disputarse precisamente por iso, porque son dúas administracións. Alguén dubida que se houbera unha única administración, poñamos 'Autonomía Asturgalaica', desaparecía o 'problema' do nome da ría? Coas probas contundentes que conducen ó nome de ría de Ribadeo, recoñecidas no informe da Comisión de Nomes de 2008, con aportacións da 'Real Sociedad Geográfica', a Comisión de Toponimia da Xunta e -nótese a diferenza de nomes e funcións do organismo- a Dirección General de Promoción Cultural y Política Lingüística' de Asturias, e, en xeral a diferenza histórica entre os nomes que resalta en diferentes lugares, como no "INFORME QUE REMITE LA ASOCIACIÓN VECINAL CULTURAL Y ECOLOGISTA 'PLATAFORMA POR LA DEFENSA DE LA RÍA DE RIBADEO' A LA DIRECCIÓN GENERAL DEL INSTITUTO GEOGRÁFICO NACIONAL ANTE LA PROPUESTA DE LA DIRECCIÓN GENERAL DE POLÍTICA LLINGUÍSTICA DEL PRINCIPADO DE ASTURIAS SOBRE LA DENOMINACIÓN DE LA RÍA DE RIBADEO", non se entende o ditame (este de 2021 non é informe, senón comunicación de decisión) de hai poucos días da Comisión do Instituto Geográfico Nacional. Non se entende se se considera que debe cinguirse ós feitos. Se se considera que se poden aplicar criterios políticos, imos aclarando a decisión.

Antes de volver ás querencias, e aparte das moitas apostillas de reforzo que se lle pode facer ó predominio obxectivo do nome 'ría de Ribadeo', unha constatación: na oficialidade asturiana pasouse completamente da obviedade do informe de 2008, usando o nome que querían impoñer en vez do oficial. Entre os numerosos exemplos que se poden poñer, destacaría a edición do libro 'A ría de Ribadeo. Natureza entre dúas augas', na súa versión galega, que na castelá mantivo 'La ría del Eo. Naturaleza entre dos aguas'. O libro, de 2009, recente aínda o informe sobre o nom, deixa claro tanto po paso polo forro das autoridades asturianas como consentimento das galegas con motivo dun libro realizado con cartos de entidades constituídas basicamente por concellos da zona. E tamén é un adianto do que viría despois.

Volvendo ás querencias dos poderes asturianos, coido que é doado comprender que en Vega de Ribadeo, aló polo 1916, quixeran e conseguiran por unha Real Orden cambiar o nome por Vegadeo. Tanto por acougar mellor de xeito interno a identidade do concello despois de nacer en 1836 como Vega de Ribadeo e cambiar a capitalidade dende Piantón, como por reivindicarse a si mesmo recoñecendo no nome o feito de non dependencia ningunha de Ribadeo. Ese cambio de nome, ademais, estimo que tivo un efecto secundario que agora se trata de potenciar: a desaparición de influenza/ascendencia de Ribadeo sobre esas antigas 'Terras de Ribadeo' eonaviegas, recoñecidas como tales ao menos tan lonxe no tempo como no 1154, nun conflito entre bispos, no que foron concedidas ó bispo ovetense con esa denominación.

Ou sexa, estamos ante unha potenciación da estrutura interna asturiana, aglutinando o sentimento 'asturianista' para o que se aproveita unha inventada confrontación 'externa'. Así, virían 'os de Uvieu' en defensa da identidade dunha zona, máis dun terzo de Asturias, que teñen apartada na súa propia consideración e condición de asturianeidade mentres dura a asimilación centralista -do centro da comunidade-. Algo no que todos os partidos políticos asturianos vense na necesidade de participar, unha vez comezado. E participar apoiando a Asturias, unha vez definido que o comerlle terreo ó nome de Ribadeo é en interese de Asturias. Tal vez a consideración sería diferente se o 'occidente' tivera algo semellante ó que representa Covadonga, como ocorre no oriente da comunidade...

E si, cada vez se di máis 'ría del Eo', pois esa é unha teima, levada a modo de cruzada, dende hai moito tempo. Cada vez se di máis, pero tendo claro que as lembranzas na rúa, o 'sempre se dixo...' poden ter tanta fiabilidade como as que indican que 'en tempos de Franco vivíase mellor'.

Pola outra parte, en Galicia, para interpretar o tema, coido que para mostra abonda un botón, o botón do libro citado. Interese en manter 'ría de Ribadeo'? Só cando se manifesta, a remolque do 'nacionalismo' asturiano, un 'nacionalismo' galego, comeza a haber unha resposta clara... alguén dirá que ao menos cun século de atraso.

E a ría? E a quen lle está a importar a ría máis que como obxecto que se pode lanzar a quen se lle define como contrario e do que se pode facer un pandeiro?
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania