Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Susana no Xardín das Delicias do Bosco

jueves, 25 de noviembre de 2021
As obras de arte, de cando en vez, conectan contigo, chámante, tiran polo teu pensamento e polo teu corpo. É como unha sorpresa que che teñen deparado, algo inesperado e incerto que non é froito do destino, senón delas mesmas, do seu egocentrismo agochado tras da obra, unhas veces por un detalle ou un fragmento que te engaiola e outras veces pola visión en conxunto da súa grandeza e magnanimidade, é tal o tirón que che fan, que te encadean e te prenden cos elos da grandeza da arte.

Sempre me acordo da primeira vez que Susana, a miña filla, foi ao museo do Prado tendo uns seis ou sete anos. Nós íamos contemplando os cadros das diferentes salas, cando despois de estar mirando cadros durante moito tempo e xa a piques de ter que saír e o momento no que lle escoito á pequena unha expresión de asombro e arroubamento, e aínda que tiñamos que saír, o cadro tirou por ela, era o Bosco co seu "Xardín das ledicias".
Susana no Xardín das Delicias do Bosco
Nunca o esquecerei, ía agarrada a min e, de socato, soltoume e quedou como enfeitizada e namorada daquelas figuras que a seducían, estaba conquistada polos personaxes, cada un deles contando un conto distinto e, desde este tiñas que ir ao seguinte e o seguinte... e pasaba o tempo real, pero o de Susana non pasaba. Estaba dentro do cadro e camiñaba por entre as figuras e os personaxes que eran coma ela; en cada lugar do lenzo había unha historia e unha levaba á outra e a súa mente estaba embelesada, pasmada diante do diálogo que o cadro lle ofertaba, e ela mesmo críase un personaxe do cadro porque a identificación foi absoluta, o cadro conquistouna, engaiolouna e non quería saír de dentro. O diálogo encarcerábaa de beleza, de ledicias que se ían presentando en cada detalle, aqueles paxaros, aqueles animais fabulosos e reais ao mesmo tempo, aqueles xogos... e ela estaba dentro xogando con eles, montaba nos cabaliños e viaxaba a outros mundos na nave espacial e especial do seu pensamento.

Meu Deus, cantos contos na lareira dos soños dos ancestros lle contou o Bosco despois de máis de cincocentos anos, e como o cadro agarrou á pequena e meteuna dentro para que xogara con todos os seus amigos, e nós que tiñamos que marchar e ela que quería seguir xogando e admirando a beleza que a arroubaba e embelesaba, e nós dicíndolle que o museo pechaba, e ela que quería manterse no xardín dos seus namoros...

Era tanta a beleza e o embruxo, que tivemos que collela pola man e arrincala de dentro do cadro, á forza, porque un ser máis forte ca nós moraba alí dentro do cadro que a levaba e quería quedarse xogando con ela para sempre.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES