Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Purificación Mayobre, premio Sapientia

viernes, 26 de noviembre de 2021
"O tempo -escribiu Manuel Reimóndez Portela- non sempre foi mellor, pero as súas lembranzas gárdanse coma un tesouro inesquecible que se mantén no seu almacén, axudándonos a vivir mellor e a facernos máis humanos". Algo semellante experimento ao escribir estas verbas sobre Purificación Mayobre Rodríguez, profesora emérita da Universidade de Vigo, á que o sábado lle entregamos o III Premio Sapientia, na Facultade de Filosofía compostelá.

As miñas primeiras lembranzas de Puri lévanme ata o ano 1986, cando me incorporei como humilde bolseiro do Ministerio (FPI) ao vello departamento de Historia da Filosofía, dirixido por Carlos Baliñas e que tiña como secretario ao profesor Jesús Ríos Vicente. Malia ter nacido en Mancera de Abajo, provincia de Salamanca, Ríos redactaba as actas nun galego inmaculado que moitos galegos de nación quererían para si. Uns textos administrativos esculpidos coa precisión dun home de Castela, onde todo o mundo sabe se sube ou baixa os chanzos dunha escaleira.

Naquelas interminables reunións, aprobar a acta podía durar perfectamente unha hora, hora e cuarto, hora e media, ata que Xosé Antonio Fidalgo Santamariña, profesor de Antropoloxía e compañeiro de Puri no Colexio Universitario de Ourense da USC, erguía a voz para lembrar unha evidencia que non todos os residentes en Santiago de Compostela tiñan en conta: "Viaxo máis de hora e media desde Ourense para asistir a esta reunión do departamento e aínda non comezamos a tratar os temas da Orde do día".

Xosé Antonio Fidalgo, falecido a finais do 2011, non pode dar fe disto que lles estou a contar, pero si a profesora Purificación Mayobre, máis nova naqueles anos que sobreviviu a esta desagradable experiencia, froito das liortas daqueles convulsos anos nos que a transición alporizou ¡e moito! a algúns/algunhas docentes que trasladaban á vida universitaria as trafulcas da política ou do seu entravesado mundo interior.

Todo aquilo quedou atrás a partir do curso 1990/91, cando se produciu a segregación da USC para que naceran ás Universidades irmás da Coruña e Vigo e Purificación pasou a formar parte, por obra e graza do Diario Oficial de Galicia, da Universidade de Vigo -Campus de Ourense. ¡Ollo! Non digo que todas estas liortas universitarias rematasen daquela, unicamente mudaron de sitio.

¿Pódese facer unha carreira universitaria brillante partindo dun contexto universitario tan adverso? Puri é a demostración de que isto é perfectamente posible.

Dedicou a tese ao estudo dos Debates ideolóxicos na Compostela do Século XIX, publicada como libro en Edicións do Castro no ano 1985. Santiago era daquela moito máis ca unha pequena cidade de provincias. Pasaba por ser unha cidade dominada polo poder eclesiástico, fronte á Coruña, máis laica e liberal. Pero era unha visión tópica que desmontou non só o triunfo do réxime liberal senón o feito diferencial compostelán: a existencia dos dous únicos centros de ensino superior que había en Galicia, un laico (a Universidade) e outro eclesiástico (o Seminario Conciliar). Cada un destes centros irradiaba unha certa influencia ideolóxica e os debates dos intelectuais eran seguidos con grande expectación. Os temas convidaban: evolucionismo, experimentalismo, liberalismo, tradicionalismo, socialismo.

Chegaron tamén as ideas krausistas, un tema ao que Puri presta atención noutra das súas publicacións: O krausismo en Galicia e Portugal (Edicións do Castro 1994). krausismo en diversas rexións españolas grazas ós discípulos e continuadores de Sanz del Río. Máis que as ideas metafísicas ou filosóficas, os seareiros de San del Río aplican os principios do krausismo á socioloxía, dereito, psicoloxía ou, sobre todo, á pedagoxía e á educación. A súa maior preocupación é acadar unha nova concepción do home e das institucións sociais e políticas. Trátase dun espírito ao que todos os discípulos permaneceron fieis, o que leva a Puri Mayobre a falar dunha escola krausista.

Ademais dos temas relativos ao pensamento galego, Purificación Mayobre realizou un traballo pioneiro en Galicia ao tratar a cuestión feminista e de xénero. A autora mantivo ata a súa xubilación universitaria unha páxina web profesional sobre Feminismo, Xéneros e Identidades. En realidade, neste sitio podíase atopar unha gran cantidade de información sobre a súa actividade como profesora e investigadora da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, os seus libros e artigos, a actividade que desenvolveu a través da Cátedra de Estudos Feministas da Universidade de Vigo que dirixiu e unha manchea de novas e enlaces de interese sobre feminismo.

O Premio Sapientia leva aparellado a publicación dun libro homenaxe que aparecerá o vindeiro ano. Abofé que con esta obra coñeceremos a orixinalidade da contribución da profesora Purificación Mayobre para a historia do pensamento galego e para o pensamento feminista e de xénero en España e en Galicia, incorporando a perspectiva feminina á historia das ideas, sedimentadas no xogo discursivo e interpretativo, característico do filosofar.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES