Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No aniversario de Dino Pacio

martes, 23 de noviembre de 2021
O 18 de novembro, coincidindo co aniversario do homenaxeado, Dino Pacio, presentouse na Deputación de Lugo un libro que leva por título, Dino Pacio Lindín, o guía dunha vangarda cultural.

Foi escrito por antigos alumnos e amigos en honra de quen foi durante anos o seu profesor e guía. A portada é obra do excelente pintor, caricaturista e ensaísta Siro López. Nela aparece a figura de Dino, como un cabaleiro da cultura, que apoiándose nos libros convértese en faro No aniversario de Dino Pacioque ilumina a humanidade. E iso foi Dino para a nosa xeración: un verdadeiro guía, un visionario adiantado ao seu tempo. Na contraportada está unha fermosa acuarela na que o pintor Antonio Rivas Pol deu vida a ese "cabozo" que Dino axudou a facer cas súas mans e ao que garda moito agarimo. Todo un agasallo do artista.

Dino era, en efecto, un home que sempre se vía cun libro nas mans ou debaixo do sobaco, un home pegado a un libro, un lector empedernido. Chamoume a atención particularmente o que di a escritora Irene Vallejo no libro O infinito nun xunco a propósito do lector. Di que ler é como retirarse a unha habitación interior onde che falan persoas ausentes, pantasmas que so ti ves, envolto nunha especie de aura máxica da que podes saír cando che peta.

Ata o século XV non había libros porque non había imprenta. Escribíase en papiros ou en pergamiños. A lectura durante séculos fíxose en voz alta. Fala a autora de forte impresión que lle produciu a Agostiño de Hipona ver como o Bispo Ambrosio de Milán lía en voz baixa e meditaba. Nunca tal cousa vira antes. Empeza aquí o pensamento individual e independente fronte ao pensamento tutelado. Non era necesario pronunciar as verbas en voz alta. Os ollos transitan polas páxinas e entenden o que está escrito. Agostiño está preto del, pero el está ausente viaxando por outro mundo. Todo un espectáculo fascinante.

Ca imprenta increméntase a liberdade individual. Unha persoa pode formarse sen depender da escola. Ata agora dependíase dos mestres para saber. A súa autoridade era indiscutible. A partir de agora o individuo pode pecharse na súa casa e aprender por si mesmo. Afírmase así o individualismo fronte a autoridade académida.

Esa era a imaxe tamén do noso profesor, un home sempre rodeado de libros e que soubo contaxiar esa paixón por ler e saber. Sabía recomendar o libro ou o artigo que estaba ao teu alcance e podías comprender.

Dino veu por primeira vez a luz na parroquia de Ximil, como el di, nas terras verdegantes e neboentas da Pastoriza das que el sempre se gabou e así o mostrou polo mundo adiante. A humilde parroquia de Xemil -Ximil, como el di- é hoxe coñecida alén do Padornelo, en gran medida grazas a el. E en menor grao, tamén se pode dicir o mesmo da Pastoriza. Ao seu Xemil natal dedicoulle un amplo artigo dunhas 7 páxinas -Ximil comunal- onde debulla con detención a orixe sueva do nome, a súa historia e o modo de cultivar o campo. Inicialmente a propiedade privada era moi reducida. O que abondaba era unha extensión montesía duns dez quilómetros cadrados onde se cultivaban lonxe das casas nabos e nabizas. Iso supoñía un No aniversario de Dino Pacioenorme esforzo: terra costenta, con montes difíciles de labrar, que deixaría unha fonda pegada nese carácter batallador e rexo dos xemilegos.

Como el mesmo di, "a longa historia de Ximil é a historia dos seus montes comunais, da súa louseira, dos seus muiños. É unha historia de loita e de sufrimentos, traballando lonxe e costa arriba". E podíamos dicir que así veu sendo tamén a vida do noso homenaxeado, a dun estudante esforzado e brillante, que rivalizaba na Universidade de Comillas con Jesús Aguirre -o futuro Duque de Alba- por ser o número 1, a dun home que non tiña medo algún para enfrontarse aos problemas e as inxustizas e non paraba ata que os solucionaba. Un home favorecido polos deuses no que coincidían unha aguda intelixencia para analizar e comprender os problemas e unha vontade férrea, inasequible ao cansanzo que non acougaba ata atoparlles solución.

Todos sentimos unha atracción telúrica pola terra onde nacemos, por pequena e insignificante que poida parecer. Xa así o reflicte Homero na Odisea cando describe a irresistible atracción que sente Ulises pola súa pequena Ítaca a onde retorna tras superar múltiples perigos:

"A miña mansión atópase en Ítaca -di Ulises- pois nela ergue o Nérito excelso os seus bosques de trémulas follas... Aínda que abrupta, sustenta valentes mozos ; non hai ren que se mostre tan amable aos meus ollos como a miña terra" (Homero, Canto IX, 20-30).

Tampouco Dino foi unha excepción nese sentido. Ese apego á terra que fixo chorar ao aguerrido Ulises cando veu a súa pequena Ítaca, esa saudade sigue correndo na humanidade, como río interminable ao longo dos tempos.

Afastado a miles de quilómetros de Galiza, Dino sempre buscou algún oco no verán para vir a encontrarse ca súa familia, os seus veciños, os seus antigos alumnos e amigos. Precisamente foi aquí en Lugo, no ano 1986 onde nos encontramos a xantar con Dino no mesón Alberto uns 15 ou 20 alumnos.

Posteriormente atopariámonos en Santiago con el a a familia de Edelmiro Bascuas, co quen tamén acudiría en 1994 a falar na Aula Castelao de Filosofía en Pontevedra. E aínda fixo algunhas visitas máis a Santiago e a Málaga onde se hospedou na casa do seu vello amigo Ramón Díaz Guerrero.

O lazo de amizade e respecto entre profesor e alumnos nunca se rompeu. Sigue tan vivo como sempre. Esa é a razón que explica a unión de vontades e o espírito de colaboración para poder levar a cabo en moi poucos meses a obra escrita na súa honra.

Se lemos este libro atopamos nel un contido moi diverso, como a vida mesma. Hai artigos de diferente extensión. Uns máis elaborados por plumas maxistrais, mentres outros son narracións máis espontáneas e directas. Pero todos no seu conxunto, forman unha especie de florilexio no que se mostran distintas visións e diferentes aspectos do paso pola institución educativa do Seminario de Mondoñedo e, nomeadamente, no tempo que Dino Pacio estivo ao fronte. Recolle algo máis dun lustro no que este Profesor estaba pletórico, en plenas facultades mentais e físicas e que foi tan importante para a nosa formación.

Realmente podemos dicir que estamos diante dun libro de historia, non só da historia particular de Dino senón tamén da historia da educación, que nos recibimos en Lourenzá e Mondoñedo. Nos artigos recóllese o período que vai dende 1958 a 1966 e no que se poden diferenciar tres momentos: a) os dous primeiros anos en Lourenzá, caracterizados por unha disciplina férrea e dura; b) os tres seguintes anos no Seminario Menor de Mondoñedo, nun ambiente de maior tolerancia e respecto; e c) finalmente os cursos de Filosofía nos que Dino era o educador e profesor e onde se nos educou na liberdade, pero tamén en responsabilidade: era necesario responder das propias decisións e accións.

O tema medular do libro é, como é lóxico, a etapa educativa que dirixiu Dino en Mondoñedo, cando nós contabamos entre 16 a 18 anos. A etapa de mocidade. Tamén é certo que hai varios artigos (Álvarez Koki, Loli Estévez, Malleiro e Reigosa) que coñeceron a escriben sobre a súa actividade en Nova York.

O resto dos autores atémonos a eses anos mindonienses dos que fomos testemuña en primeira persoa e nos que se produciu un cambio radical na educación do internado, adiantándose deste xeito ao que viría a finais da década dos sesenta, ao que estaba por vir.

Todos temos ouvido falar do maio francés do 68. En España viviamos baixo a ditadura franquista. No Seminario de Mondoñedo, algúns anos antes, nas clases de Socioloxía, Dino falaba dos cambios culturais que había en Europa e do atraso no que se atopaba este país. Ao marxe das clases había unhas reunións de "filósofos" onde se falaba e se lía a nova literatura que aparecía en Francia, autores como, Bernanos, Paul Claudel, Jean Paul Sartre, François Sagan, François Mauriac, André Gide, Albert Camus e outros. Tamén consta que circulaba de xeito clandestino algún exemplar en francés do Manifesto comunista de Karl Marx, que estaba prohibido polo réxime.

Ese Mondoñedo esquecido no resto de España converteuse agora grazas a Dino nunha ventá aberta ao novo pensamento que despuntaba por Europa e que logo traería a revolución de maio do 68. ¿Quen podía pensar entón que aquelas ideas novas da que nos falaba o profesor xemilego levarían a eses cambios? Pero como el dicía, as novas ideas en estruturas vellas pásalles coma o viño novo en odres vellos: terminan rebentando. E así terminou sucedendo tanto en Mondoñedo como no resto de España. As cousas veríanse forzadas a cambiar radicalmente unha década máis tarde ca chegada da democracia. El adiantouse aos tempos.

Finalmente compre sinalar que o libro é unha testemuña, unha mostra de agradecemento a un educador e profesor que loitou e nos ensinou a loitar por aquilo co que soñamos para convertelo en realidade. Tamén é de xustiza mostrar o noso agradecemento á Vicepresidencia da Deputación de Lugo que nos facilitou o seu apoio para levar a cabo a edición do libro e a organización da súa presentación no Pazo de San Marcos. Moitas grazas.

(Palabras de Manuel Rivas García, coordinador do libro 'DINO PACIO LINDÍN, O GUÌA DUNHA VANGARDA CULTURAL', na Deputación Provincial de Lugo, no acto de presentación desta publicación).
Rivas García, Manuel
Rivas García, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES