Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Achegas mutuas da ciencia e da metafísica

lunes, 22 de noviembre de 2021
Só unhas poucas palabras mediante as que pretendo mostrar a miña estrañeza a esas leas entre algúns científicos e metafísicos, e talvez se puidera dicir, entre o RAZOAR e RACIONALIZAR. Confésome bastante ignorante das implicacións que os indiscutibles avances científicos teñan na metafísica, pero tampouco me considero un ousado facer partícipes aos lectores das miña opinión ao respecto.

Como adoito reiterar, seguindo a Zubiri, o ser humano é un animal de realidades. Con independencia do razoamento deste metafísico, é sabido que o home/a muller sempre buscaron coñecer a realidade, desde o mesmo sentido común ata a ciencia , sen deixar de aproveitarse doutras achegas, como a filosofía, a literatura, etc. Quen renunciou, con certa capacidade, algunha vez na vida, a intentar saber algo das fermosas, e tamén arrepiantes, ofertas celestiais, e quen non cavilou nalgúns intres acerca de si mesmo?!. Creo que non é necesario ser un pensador de primeira liña para facelo así. Os pensadores especialmente formados, na actualidade, están cientificamente comprometidos co coñecemento da MICRO (e NANO) – REALIDADE, e fascinados por un coñecemento do COSMOS, pola MACRO-REALIDADE, no seo da que se me antolla o emprazamento do sentido de nosoutros mesmos.

Sen dúbida, a ciencia está maioritariamente considerada como o coñecemento da realidade por excelencia, sobre todo debido aos seus innegables acertos teóricos e a súa aplicación tecnolóxica. Verdadeiramente, algúns espazos científicos como a xenética. as neurociencias, a cosmoloxía…, están levándonos a cambios de tal magnitude no concepto do universo e do noso sentido nel, que poden considerarse como froitos catalizados polos máis recentes avances científicos nos campos desas disciplinas. E aquí hai que resaltar que isto leva consigo cuestionar os recursos aos fundamentos transcendentes e tamén á consideración tradicional do ser humano nun papel central no universo.

Desde o século XX, na investigación científica xurde a pugna epistemolóxica e metodolóxica sobre a indución e a dedución. Os investigadores que utilizan o primeiro método parten dunha concepción atómica da realidade, de feitos illados na procura dunha lei universal que permita dar razón das súas relacións; polo contrario, os que aplican a dedución fano desde unha visión global, establecendo hipóteses que deben, en todo caso, contrastar coa realidade.

Isto está recollido no FALSACIONISMO de Popper, que é un recurso epistemolóxico oposto a VERIFICACIÓN do neopositivismo, posto que para el a “falsabilidade” é unha condición esencial do enunciado hipotético, é dicir, estes enunciados deben levar consigo a posibilidade de que non sexan verdadeiros, pois, en caso contrario, pártese do presuposto de que se coñece a verdadeira natureza do que se pretende coñecer, postura que el rexeita. Sen dúbida, máis ou menos explicitamente, e segundo algúns estudosos desta temática, agáchase unha certa metafísica. E ofrece, a este respecto, o Dr. Beorlegui, profesor de Antropoloxía na Universidade de Deusto, unha cita de J. Agassasi, na que se afirma que a interacción entre física e metafísica augura progresos para o futuro desenrolo científico. Pero ao mesmo tempo hai aquí unha indicación da limitación da ciencia, posto que as teorías que se formulan nela para dar algunha razón do que transcende os seus límites son pura metafisica. Os apaixonados á redución de todo coñecemento ao científico consideran esta mutua relación entre a ciencia e a metafísica matizada dun certo teísmo.

Permítanme partir, a propósito desta asignación teísta, de que calquera teses que pretenda deducir afirmacións ateístas, teñen, necesariamente, que apoiarse na AUTOSUFICIENCIA do universo, evitando transcendelo para encontrar na inmanencia do mesmo a razón da súa orixe. É esta unha postura que pode defenderse, pero…, coidado!, porque hai que facelo metafisicamente, non cientificamente, xa que os argumentos a utilizar, ao menos por agora, son de matiz metafísico. A metafísica, amigos lectores, aínda que sexa inconscientemente, é unha asidua compañeira do ser humano en moitos espazos dos seus procesos cognitivos.

Acaso non hai NADA antes do Big Bang?. Non tratan os científicos da NADA METAFÍSICA, senón do VACÍO CUÁNTICO, ao que lle atribúen a propiedade de xerar partículas elementais da materia. É dicir, EXISTE UNHA METARREALIDADE?. Que interpretación se lle pode dar a isto?. Que cabe dicir desa “metarrealidade”?. Reflexionemos, que é metafísico.

Por suposto, reitero que tampouco hai que descartar que certos avances científicos levan a filosofía a cambiar de enfoques. Así, tanto a xenética e as neurociencias, como a astroloxía, por exemplo, empuxan ao ser humano a reconsiderar a súa ilusión de ocupar un lugar central, privilexiado, no mundo e, por conseguinte, a revisar algunhas posturas filosófica e teolóxicas, no seu caso. Penso, pois, que tamén aquí debe interesarnos, para situarnos nesta teima de coñecer a fondo o universo, dilucidar ata que punto debería de entenderse a realidade como un todo constituído por partes cada vez máis pequenas, máis MICRO (ou NANO), asumindo o risco dunha visión deformada por unha concepción ilusoria, na que intervén o observador, conceptuando as partículas como COLAPSOS DE SUPERPOSICIÓN DE ONDAS, caendo nunha INDETERMINACIÓN que non lle pasou desapercibida a Heisenberg. Certamente, de aquí derívase que o observador e o observado son meros aspectos interpretables dunha realidade total.

Neste galimatías (descúlpenme o termo) estamos nosoutros como materia consciente. Así hai que entender a realidade como non dividida. Xustamente por isto, estamos compelidos a facer ciencia e metafísica. Prescindamos do ESTADO ESTACIONARIO DO UNIVERSO e reparemos na teoría do Big Bang, como universo en EXPANSIÓN, verificada, segundo parece, na RADIACIÓN DE FONDO, as que fan alusión R.Wilson e A. Penzias. Isto lévanos a formular novas interrogantes que nos enfrontan a problemas que están sen resolver. Velaquí unha delas: Por que dunha tal explosión xurdiu a estrutura do universo?. O curioso é que os científicos dinnos que se a primeira explosión fose máis forte non sería posible a formación das concentracións de planetas, estrelas e galaxias; pero, se polo contrario, fose máis débil, o universo COLAPSARÍA e, consecuentemente, desaparecería. Houbo, polo tanto, o que denominan AXUSTE FINO, grazas ao cal existe vida intelixente.

Outras interrogantes: Hai no universo unha FORZA REPULSIVA, contraria a gravidade?. Explícase a homoxeneidade do universo, porque todas as súas partes proveñen dun mesmo punto de partida?. Seguirá o universo expandíndose para sempre ou regresará ao seu punto de partida?. É dicir, haberá unha gran implosión (Big Crunch)?. Neste caso estaríamos en presenza de fases de expansión e encollemento, segundo a teoría do universo oscilante de Hawking. E agora pregunto eu: Estamos facendo ciencia ou metafísica?. Coa modestia que debe acompañar a miña ignorancia, atrévome a afirmar que con estes espazos de reflexión abertos, polo menos, parece aconsellable dispoñerse a facer revisións pertinentes na metafísica, co que neles se suxire.

Finalmente, deixemos as teorías das CORDAS E SUPERCORDAS, e arrisquémonos a afirmar que ningunha teoría cosmolóxica nos dirá que, como ou quen orixinou o universo, porque tampouco estas teorías nos dan as trazas de fuxir do ámbito da metafísica. Incluso hai científicos que afirman facer METAFÍSICA EXPERIMENTAL. Acaso non estarán caendo nunha flagrante contradición?. Se os lectores desexan ler algo disto, eu aconsellaríalles adquirir a obra titulada ANTES DEL BIG BANG. UNA HISTORIA COMPLETA DEL UNIVERSO, de Martín Bojowald, Random Hause Mondadori, Barcelona, 2010. Como nos di J. Monserrat estamos aquí ante unha METARREALIDADE, seguramente un empeño máis, aínda que lexítimo, de demostrar a AUTOSUFICIENCIA DO UNIVERSO, que tampouco se escapa da metafísica.

Quixera achegar un apoio ben modesto, con esta colaboración, ao día da filosofía, que foi o pasado 18 deste mes de novembro; pero as circunstancias no me permitiron terminala a tempo. En todo caso, aínda que sen a filosofía académica, que tanto estorba a algúns políticos, se produce un baleiro conceptual, na vida o home e a muller seguirán facendo filosofía, e incluso eses mesmos políticos progresistas á violeta.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES