Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (8)

martes, 23 de noviembre de 2021
Igrexa de A Lastra, na estrada de Fonsagrada.

Hoxe subiu na Lastra un matrimonio de bo ver, aínda mozos, e preguntáronlle ao Revisor se sabía dalgún médico que entendese de mulleres... ¡De mulleres, todos, pois aos maricas fusilounos Franco! -Mire, -abríronse-, imos dicirlle a verdade: Trátase de que a miña dona, aquí presente, leva algún tempo sen a regra, e con dores de ventre; quérese consultar para saber se se lle quitou, se é embarazo, ou..., incluso un tumor, que seica os hai!

O consello do meu compañeiro foi rotundo: - Para médicos, nestes días, non vaian a Lugo, que todos predican co exemplo, ¡tranquilidade!, e vanse de permiso para vivir as feiras ao lonxe, en sitio tranquilo. Eu, de min para vostedes, baixaríame no Cádavo, que aí teñen un médico noviño pero moi bo, un tal José Antonio Rielo Valcarce. Como aquí non hai para escoller, entende de todo, e practica de todo.

Anuloulles o billete de Lugo, devolvéndolles a diferenza, cousa que non adoitan facer nas outras Liñas.

Para o sitio que deixaron libre, pasaron dous patrucios, que non debían ser aló moi ricos xa que vestían de pana. Coñecíanse, e se cadra por iso falaron pouco, que xa o terían dito. Despois de mete-lo coche, aquí na Ronda, no garaxe, díxenlle ao Revisor:

- Eses patrucios deben ter familia en Lugo, e véñenos ver co mellor que tivesen nas súas casas, que estou escandalizado do que pesan eses sacos que lles axudaches a baixar; despois buscaron un mozo de corda, deses do carriño...

- Familia téñena, pero..., no cuartel! Os sacos cheiraban que daba gloria cargar con eles. Ademais de queixos, notábase polos saíntes que levan xamóns, ¡varios! Apóstoche un ollo a que traen todo iso para os comandantes, para os recomendantes, pero son uns burros!

- ¿En que, en buscar remedio para os fillos? ¡Lémbrate que estamos en Lugo, e aquí rézase moito iso do, "venga a nós"!

- Son uns burros porque aí na Porta da Estación non se libran de pagar fielato; eu, que son máis listo cá eles, deixaríalles os sacos aos consumeiros, en depósito, instruíndoos para que llelos entreguen, cando os manden buscar, aos respectivos conseguidores, vulgo, caciques!

- ¿Sabes que che digo? ¡Que na terra dos cegos, o que ten un ollo é un rei! Ti librácheste do Servicio Militar por revirollo, pero iso foi un camelo, unha recomendación, outra, pois está claro que as ves do mellor, ás leguas..., polos dous!

¡Que sorte teño con este compañeiro; canto aprendo del! E mais non debe ser tan listo como se fai, que xa leva anos comigo, ao meu redor, e canto sabe da mecánica é axudarme a cambia-las rodas! Se cadra sabe algo máis, pero é tan galego que igual disimula para non verse en compromisos.
-.-


¡Que bo cargo ten este Revisor! Hoxe, Domingo das Mozas, que non houbo parada na que non subise algunha, fartouse de apalpar nelas co pretexto de que lles axudaba a entrar no asento, e tamén de pé, por entre eles, coma quen coloca sardiñas nunha lata, e menos mal que hoxe non veu a María Manuela de San Cibrao!

Primeiro os vellos fixeron a feira, e coa feira, os cartiños, por poucos que fosen; seguidamente metéronllelos na faldriqueira ás rapazas para a súa perdición, para ir a Lugo, onde acabarán perdendo a vergoña, polo menos a vergoña! Así se explica esa ansia das máis delas por casar na capital, con calquera, co primeiro que se achegue, se non queda libre un Caravel, un empregado de Banca! A este paso, con tantas mozas e poucos mozos, as nosas aldeíñas vanse parecer a ese paraíso que din os curas, onde hai cen mil virxes. Iso din, pero non teño claro que o crean, pois de Ama collen das do país, e non esperan a irse ao Ceo!

En Lugo, que me invitou un pasaxeiro que me dixo que sabía dun sitio onde recibían café de Portugal, pasado polos montes da fronteira, tiven ocasión de comprobar que é certo iso que dixo aquí o Generalísimo, que en España houbo unha guerra da que os ricos saíron máis ricos. O que silenciou, precavido, como bo galego, ¡nisto si que o foi!, é que os pobres saímos máis pobres. Para face-lo censo da riqueza de Lugo nada como afeccionarse á hostalería de luxo. ¡De luxo, en Lugo, e logo din que é unha provincia pobre...! ¿Unha provincia pobre, capaz de encherlles o bandullo a centos de parasitos? ¡Non o creo, así mo xuren! Aquí o único pobre debe ser o bispo, que seica lle deu Franco, de esmola, un Mercedes, deses do paquete, que llos mandou Hitler polo Nadal. ¡Non lle chegaría coa criada...! ¿Pero, que dixen, que estou pecando, pecando de imaxinación? ¡Tamén se peca con ela, tamén, e non só coa criada! Confiteor Deo omnipotenti... Vou ter que casarme para que non me veñan os malos pensamentos. Por estes retrovisores do coche só vexo o que está fóra... Terei que pedirlle ao Revisor que sente diante ás mellores que vaian subindo, pois estou farto dos notables, desta xente insípida da berlina.
-.-


Onte, en Lugo, fixen de Axente da Propiedade Inmobiliaria..., sen carné! E máis o Fulano non é cliente da nosa Liña, que é de Valonga, e cáelle máis axeitado coller os coches de Trigo, alí mesmo, en Rioxoán, e non subir ao Cádavo, pero o que si é dos Veigas é o vendedor dos pisos, un..., creo que lles chaman Promotores, de aló de Montecubeiro. ¡Montecubeiro é tan grande, tan grande e tan variado, que alí dáse de todo, desde flores a ortigas! Coñecín ao Cubano no Metropol, un día aí atrás, que estaba pedindo un whisky, e eu, que nunca tal oíra, e que teño a lingua bastante solta, pregunteille que era iso. Invitoume a probar desa cousa e, rompemos a falar! Desde aquela coincidimos varias veces, pero xa estaba facendo por ir pouco, que nunca me deixa pagar, e iso dábame apuro.

Comenteino co Revisor, que tamén o coñece, e díxome:

- Mereces levar unha canga no pescozo: déixalle pagar, que seica ten cen fulanas traballando para el, aló en Cuba, en dez hoteis, e cando se cansa delas, fai unha viaxe..., para traerlles cartos as sobriñas, pero elas, miñas pobres, están tan felices que ata presumen diso. ¡Polo que sei, aínda ninguén lles dixo que a mina de seu tío non é de cobre, senón de carne!

Onte, xa digo, que tiven que levarlles aos do Metropol un paquete que me encomendaran en Castroverde, alí estaba o whisqueiro! Agarroume dun brazo:

-Agarda un pouco, que hoxe téñeno Wat 66, etiqueta negra...

- Non podo; nin quero, nin debo, nin bebo, que veño sen cartos, e ti xa pagaches o outro día.
- ¡Alternar con un cubano deses, non é católico!

Insistiu, así que aceptei, e a continuación faloume do que menos esperaba oír:

- Ti, que ves tódolos días a Lugo, coñecerás ben a cidade..., a cidade e mailos arredores! ¿Á que non sabes dalgunha casa nova, ben feita, elegante, e con ascensor, onde vendan pisos? Ando en busca dun dobre, ou de dous que se podan comunicar, pero a maior parte das casas que fan agora son de miseria; ¡feitas por miserables, para vendérllelas aos pobres; todo miseria!

Non tiven que pensar nada, pois casualmente sabía dunha, dese promotor de Montecubeiro, que non a dá vendido precisamente por iso, porque non lle chegan cubanos!

- ¡Xa que logo, paga, e imos aló!

Non estaba na obra o dono, pero como sei onde vive, ofrecinme para ilo buscar, e que o Cubano agardase no mesmo portal, que me dixo que se cansaba ao andar moito. Falei co Promotor, e díxenlle que apurase, por se cansaba de esperar aquel ricacho. Entón díxome o prezo:

- Pero ao Fulano ímoslle dicir metade máis, que, se cerramos o trato, cando eu cobre, dese exceso faremos dúas partes, unha para ti e a outra para min. ¡Xa que é un puteiro, fagámoslle unha putada!

Eu, de momento, non dixen que si nin que non, pero camiño da obra a miña conciencia deu en traballar, e de presentados, aleguei que tiña que ir de inmediato á Administración dos Veigas, así que deixei solos aos dous lobos. Non sei en que quedou a cousa, nin penso volver polo Metropol. ¡Os gaños, todos, para o Promotor, que eu quero durmir tranquilo, hoxe, mañá, e sempre!
-.-

O Revisor, que coñece medio mundo, coñéceo, pero non quixen preguntarlle quen era pois aos meus efectos chégame coa anécdota do que oín e vin. En todo caso se agora non é Alcalde das Grandas de Salime, foino; ou iso, ou Xuíz; algo así. Ao que vou:

Nada máis subir inclinouse por diante miña para dicirlle ao Revisor:

-Ese rapaz, ese da gabardina..., pásao para diante, aquí, neste asento, que teño que falarlle...

O Revisor saltou para atrás por riba do seu respaldo, como fai sempre para non molestarme, e ao momento xa tiñamos ao "da gabardina" no outro asento. Isto foi o que oín con claridade, pois o resto falárono máis baixo, e co ruxido do motor algo escapóuseme, e iso que teño as orellas tan grandes, ou máis, cás de meu pai, ¡e non precisamente de burro, modestia á parte, que se di!

-Pero, home, ¿como non te viñas comigo, co amigos que fomos daquela, na miña casa, que tamén é a túa!

-¡Che, non tanto, que daquela non comiades cos criados! ¿Agora, si?

-Esquécete diso, que eran simplemente costumes...; costumes que viñan dos vellos! Xa me dixeran que andabas por aquí, e que volves para a túa Arxentina... Pero aínda estás a tempo de cambiar de opinión..., se é que segues solteiro!

-¡Si, pola graza de Deus!

-Daquela... Mira, ho, vou ao gran, pois á nosa idade, e ti, feito un home de mundo, que aprenderías a valora-lo tempo dispoñible... O caso é que me dixeron de ti dúas cousas, e as dúas meritorias: Que traballabas nun ultramarinos en Bos Aires, e que alí foras á escola, pola noite, recibíndote de non sei que, Mestre, ou algo así.

-¡Certo! Vexo que os da Casa Grande seguen tendo informadores...

-¡Xa sabes: Darío foi grande porque tiña sátrapas, que eran os ollos e mailas orellas do Rei! Pero non divaguemos. O caso é que tamén me dixeron que segues solteiro, e miña irmá, a máis nova, Toña, aquela que che metía chourizos no peto para que non comeses o pan só cando saías coas ovellas...; pois iso, que está feita unha monxa, unha monxa casadeira!

-¡Parabéns; déalle os meus saúdos, e dígalle que lle desexo acerto na súa elección, que non se lle ocorra irse a un convento, salvo que sexa por pura vocación!

-A elección tena feita, que me falou de ti, e coido que lle gustaría verte de novo..., se vés con boas intencións! Eu podo colocarte aí en Lugo, nun cargo deses do Goberno, e con miña irmá, tan boa cociñeira que é, podedes ser a envexa de todo Grandas.

O rapaz, aquel arxentino en vacacións, nin se parou a pensalo. Respondeulle:

-A única grandeza que me gusta é a de ter nado en Grandas, e iso é polo moito que lles debo aos grandes de Grandas: Que me espertaron cos seus desprezos, e diso tirei forzas, non para superalos pero si para igualarme con eles, así que nos lles admito máis esmolas, que non son ningún can para aproveitar o que sobre das súas mesas!

-Baixa a voz, que esta proposta é moi persoal, persoal e moi cordial!

Nada máis oín, que deron en murmurar, pero, por algunha palabra solta, tirei a conclusión de que a dignidade do rapaz non lle permitiu aceptar "as sobras" que lle estaban ofrecendo. O caso intrigoume, así que acudín ao meu…, ao meu sátrapa, este Revisor, que non ten prezo como espía:

-¿En que quedamos: ese cacique é de Grandas, ou da Fonsagrada?

-Teñen un casarío aí no Padrón, e cando vén aos seus asuntos, deixa o cabalo, e aproveita a Liña para ir a Lugo. O Arxentino é fillo dos caseiros, e de rapaz tivérono de criado, en Grandas. O resto, por agora, é un segredo, que aínda non se lle nota á Toña, polo que me contaron, pero..., todo se me fai que lle querían encomendar ao indiano a súa honra!

-Oes, compañeiro, que en suspensivos só se lles fala aos listos! –E chisqueille un ollo para animalo a desembuchar.

-Comezan a dicir que, ao non saírlle noivo, valeuse dun casado para as súas..., non sei se dicirche necesidades ou apetencias, así que agora o irmán trata de casala a toda présa; o de irse de monxa seica é un conto..., para disimular!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania