Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Darío Xohán Cabana

viernes, 19 de noviembre de 2021
Esta mañá, ó abrir un xornal dixital, vin en primeira plana o titular "Falece Darío Xohán Cabana aos 69 anos". A inesperada noticia produciume un forte impacto e unha tristura inmensa.

Cando, en 1990, faleceu o meu pai Manuel Rodríguez López, moitos dos seus amigos estenderon a súa amistade coa a nosa familia. Darío foi un deles, desde o principio. Os dous poetas, Darío e Manolo, compartían moitas cousas en común, entre elas, bonhomía, amor a Galicia, estilo poético... Os versos de Darío eran fondamente gabados polo meu pai. Así o deixou escrito nun artigo publicado en 1989, apenas seis meses antes de falecer:

"O Darío é o maior artífice galego do modelo itálico de versificar. O verso heroico, longo ou endecasílabo empregado por Petrarca, que el verqueu maxistralmente ó galego, tratado en tódalas variantes posibles, acada no noso poeta os máis altos cumes de perfección. E non só o modelo italián, tamén o alexandrino, ou francés, verso de arte maior dividido en emistiquios de sete ou seis sílabas, e incluso os octasílabos de tradición castelá son elaborados polo autor de PATRIA DO MAR ó xeito de sonetos. O soneto é logo, o principal elemento que lle dá unidade, unha unidade que non se fai monótona, precisamente, pola variedade rítmica que impoñen as diferentes métricas (...) PATRIA DO MAR, no eido da lírica galega actual, pensamos que non é doado de superar, incluso nin polo propio Darío. Pola súa mestría, polo seu dominio da palabra, pola súa capacidade creativa demostrada en varios dos seus poemas, Darío Xohán Cabana é o chamado a ser o gran épico de Galicia. Só neste eido poderá superar a súa última creación".

Con este escrito en mente, explícase perfectamente que, cando no ano 1995 Isaac Díaz Pardo ofreceuse a publicar "Onte e hoxe vivencial" (o derradeiro poemario do poeta de Paradela), a miña maior ilusión fora que Darío prologase o libro. Cunha xenerosidade fonda, el aceptou encantado e escribiu un conmovedor limiar, con sinceras gabanzas que nos enchen de orgullo:

Nun fragmento do Limiar de "Onte e hoxe vivencial", Darío escribe: "Manuel Rodríguez foi, si, un poeta do suburbio e da fábrica, e tamén un poeta da nostalxia campesiña, un poeta patriótico e civil, un bardo na gran tradición nosa que informan Manuel Curros e Cabanillas, cos que tanto ten que ver, mesmo na música do verso. Dentro desa relixión viviu a súa vida enteira, curta de máis, tronzada no medio da madurez. Entendeu tamén este Manuel de agora a poesía á maneira dos grandes vates populares da era que inaugurou a Revolución Francesa, aqueles coma Rouget de Lisle ou Eugène Pottier, que compuxeron as cancións máis cantadas polos pobos do mundo, polos damnés de la terre".

A partir dese intre, foise agrandando aínda máis a nosa amistade, cimentada arredor da poesía do meu pai en primeira instancia, pero tamén produto de longas e frecuentes conversas nas que compartimos as nosas propias vivencias personais. E cando digo nosas, inclúo tamén á miña mai Irene López. Os dous se profesaban unha entrañable amistade mutua. Foron innumerables as ocasións ó longo dos anos nas que a miña mai e máis eu visitamos a Darío na Casa do Concello e, cando llo permitía o traballo, conversabamos con el nun café da Praza Maior ou por Batitales...

A Poesía Completa de Manuel Rodríguez López, editada e prologada por Darío Xohán Cabana e publicada en 2010 en Espiral Maior, é un dos importantes fitos do esforzo colectivo que se está a facer para dar a coñecer o legado literario do meu pai. Escribe Darío no seu prólogo: "O seu fillo Santiago mándamo facer; e eu obedezo dando as grazas, porque o Manolo e mais eu camiñamos de par a par polos camiños da poesía desde os nosos principios publicados, aló polo setenta". Darío conxugou dedicación, esforzo e unha autoridade académica e literaria incuestionables, coas que unificou a obra poética do meu pai nun libro necesario e fundamental. Ademais, gracias a esta obra, o Poeta de Paradela e o Poeta de Roás vivirán por sempre unidos na historia literatura galega.

Tantos intres compartidos co Darío deron para moito, todo bon. A miña admiración por el foi sempre fonda e pública. En 2015, escribín un artigo en Opinión de GaliciaDixital titulado "A Divina Comedia traducida por Darío Xohán Cabana" no que falaba do Darío tradutor. Mencionaba tamén á súa querida "Edicións da curuxa", da que tanto temos falado. Tantas e tantas conversas amistosas "que nunca máis ha de haber".

Quédannos o recordo de vivencias pasadas, e sobre todo, o seu espírito encarnado nun importante legado que o sitúa entre os mellores dos nosos escritores. Venme á memoria un dos seus poemas, publicado no libro "Manuel Rodríguez López 25 anos despois", que o Darío nos regalou con agarimo.

Pasan os anos voando,
e poñen cara de risa,
mais todo vai acabando.

Manuel Rodríguez, amigo,
cando vou por Batitales
vou conversando contigo.

Pero ben sei que te soño
cando te vexo ó meu lado
co teu semblante risoño.

Compañeiriño de outrora,
o tempo vainos mancando
mentres que non nos devora.

Non hai memoria bastante,
por moitos anos que dure,
pra compensar un instante:

un instante de lecer
falando por Batitales,
que nunca máis ha de haber.

Darío Xohán Cabana
Setembro 2016

A inmensa pesadume que nos produce a morte do amigo Darío vese reconfortada en parte cando leo este poema. A imaxinación permíteme escoitar a súa voz recitando os seus versos. O meu pai, seino de certo, estaría encantado de reemplazar momentaneamente o nome "Manuel Rodríguez" da segunda estrofa co de "Darío Xohán Cabana" para que se poidera crear un novo poema. Cando leo o novo poema resultante, adicado esta vez a Darío, vexo perfectamente reflexado nel o meu sentimento actual. Sen embargo, a súa lectura non pode sandar a fonda tristura producida ó saber que a negra sombra arrebatounos ó amigo Darío Xohán Cabana para sempre. O novo poema na súa honra reescribe memorias de ausencia e deixa constancia que hoxe, coa súa morte, desapareceu para sempre o meu futuro compartido co amigo Darío, e todo "instante de lecer falando por Batitales, que nunca máis ha de haber".
Rodríguez López, Santiago
Rodríguez López, Santiago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES