Medio século de Bágoas da Terra
Xiz, Xulio - viernes, 08 de agosto de 2008
Viveiro é testemuña do miragre que se chama Bágoas da terra. Leva cincuenta anos disfrutando del, presumindo del, axudando á súa consumación permanente e á consolidación dun grupo que se naceu dentro dunha organización, conseguiu logo a independencia e marchou firme polos camiños de todo o mundo levando o nome de Viveiro ata os confíns máis lonxanos.
Bágoas da terra é un miragre que se retroalimenta. Posto que naceu, camiñou. Posto que se independizou, trazou novos vieiros. E seguiu camiñando e marcando novas metas que conseguir, cada vez máis difíciles, cada vez máis lonxanas, cada vez a máis alto nivel.
Bágoas xa tiña formado miles de viveirenses, xa tiña feito de Viveiro unha cidade cultural, xa tiña paseado por Europa os sons e as cores do folclore viveirense, cando xurdiu un desafío definitivo. Era a Mostra Folclórica Internacional que cada ano enchería Viveiro de aires doutras terras, precisamente das terras invadidas antes ou despois polas cores, as voces e as xentes de Viveiro.
E pasan os anos e medran os grupos e o seu nivel, e aumentan os días, e faise máis complexo o programa. A Mostra alcanza consideración e respecto, e axudan institucións gobernadas por persoas de todas as cores políticas. E os viveirenses senten como súa esta anual celebración que ateiga a praza Pastor Díaz e todas as rúas do contorno.
Nos case trinta anos que levo colaborando con Bágoas da Terra puiden comprobar a irmandade desta xente, o seu temple e traballo, a fe no que fan, as gañas de facer, a forza que os anima. E sempre Maricarmen, Maricarmen Chipe, marcando o rumbo, inspirando todo, animando todo.
Este 2008, a Mostra Folclórica Internacional de Viveiro cumpre trinta anos; Bágoas da Terra, cumpre medio cento. E hai que celebralo. E celébrano, celebrámolo, con traballo entusiasta, cunha Mostra aínda máis grande, cun libro que é unha xoia e será perfecta tarxeta de presentación a cada lugar onde chegue.
Bágoas, con estas celebracións, acredita veteranía e mocidade, experiencia e ilusión, responsabilidade e ledicia. Son trinta anos de Mostra e medio século de existencia como agrupación cultural ó servizo de Viveiro.
¿Como se pode ter cincuenta anos e á vez ser rapaza na flor da idade?. Con entusiasmo, traballo, convicción; con ideais, forza, unión; sendo de Viveiro, e chamándose Bágoas da Terra.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora