Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Catro cartas de D. Ramón Otero Pedrayo a dous xesuítas galegos (1)

martes, 23 de noviembre de 2021
A primeira carta (1962), dirixida a Evaristo Rivera Vázquez está redactada en castelán, mentres que das tres posteriores (1969, 1970 e 1971), dirixidas a Vicente Lousa Rodríguez, dúas están redactadas en galego e unha en castelán.

Fago seguidamente algunhas indicacións sobre o primeiro dos destinatarios, Evaristo Rivera Vázquez, das cartas de Otero Pedrayo.

Nacera o 7 de xaneiro de 1929 en Santa Cruz de Arrabaldo, parroquia do concello de Ourense, lindando case co pazo do chamado patriarca das letras galegas, D. Ramón Otero Pedrayo, de quen foi amigo, co que fixo a súa tese de licenciatura en Historia en Santiago con premio extraordinario e do que recibiu a idea e os impulsos de facer a súa tese de doutoramento sobre o influxo, especialmente educativo, dos xesuítas en Galicia desde os tempos de Santo Ignacio ata a expulsión por Carlos III a mediados do século XVIII. Esta magna pescuda está recollida sobre todo na súa obra sobre Galicia e os xesuítas, que logo mencionarei.

Rivera ingresará na Compañía de Xesús o 7 de decembro de 1946. O seu pasamento ocorrería en Salamanca o 22 de xaneiro de 2017. Os seus primeiros estudos realízaos no Colexio Apóstolo Santiago dos xesuítas (na súa sede de Mondariz e despois en Vigo). Concluídos estes estudos e aprobada a reválida, inicia os seus estudos na universidade de Santiago, Facultade de Filosofía e Letras, Sección de Historia, aprobando tódalas materias deste seu primeiro curso de carreira (1945/46). Ingresa seguidamente no Noviciado da Compañía de Xesús en Salamanca. Tralos dous anos de Noviciado realiza a súa formación normal xesuítica ata rematar os estudos filosóficos na Universidade de Comillas (Santander), onde se licenciará en Filosofía. Retoma seguidamente en Santiago co curso 1954/55 os seus estudos universitarios de licenciatura en Historia, que quedaran interrompidos coa súa entrada no Noviciado xesuítico, ata obter o 25 de outubro de 1958 o grado de licenciado coa cualificación de sobresaliente e Premio Extraordinario trala presentación do seu traballo de licenciatura co título “O Colexio da Compañía de Santiago de Compostela”, dirixido precisamente por D. Ramón Otero Pedrayo. Nos anos posteriores continuará cos seus estudos de teoloxía na Universidade Comillas. Concluídos estes estudos e tras unha breve estancia en Italia para realizar alí a xesuítica “Terceira Probación” intentará iniciar en Santiago a preparación da súa tese de doutoramento sobre o labor educativo da Compañía de Xesús en Galicia. Porén, tal tarefa investigadora verase non pouco dificultada ó se ter que se dedicar sucesivamente durante varios anos a diversas funcións de goberno, como a de Reitor nos colexios xesuíticos de León e Vigo. Cómpre sinalar isto, porque non se poden considerar sen máis como normais as diversas e repetidas interrupcións ás que estivo sometido nas súas pescudas e estudos universitarios por máis que estivese tamén dotado de sobranceiras dotes de goberno e de empatía coas persoas para realizar outras tarefas. Efectivamente, pouco despois de rematar a súa formación xesuítica, exerceu aínda durante un ano (1964-65) de Socio do Provincial; é Reitor seguidamente (1965-69) no Colexio de León, volvendo despois ó Colexio de Vigo dos seus primeiros estudos xuvenís, agora como profesor e director de COU (1969-73). Un pequeno respiro dun ano se lle permitiu agora para se poder dedicar á preparación da súa tese de doutoramento. Mais este curto acougo remata e de novo torna a Vigo para exercer agora durante sete anos como Reitor do colexio (1974-81). Cando, tras todas estas intensas dedicacións que non lle permitían atender a súa inquietude investigadora, pode por fin chegar a concluír o seu traballo, non é nada estraño que o día 12 de xullo de 1986, na “defensa” da súa tese, manifestase ó seu tribunal de doutoramento que máis dunha vez estivera tentado a abandonala. Faltábanlle só un par de anos para cumprir os sesenta anos. A súa tese de doutoramento (que abarca catro volumes dun total de 1.980 páxinas) na Sección de Historia da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, dirixida polo catedrático Manuel Lucas Álvarez, publicaríase logo co título de Galicia y los jesuitas. Sus colegios y enseñanza en los siglos XVI al XVIII (A Coruña, Pedro Barrié da Maza, 1989). Trala publicación desta obra sería nomeado membro Correspondente da Real Academia da Historia o 26 de xuño de 1992.

Entre outros libros de menor envergadura non se pode esquecer o seu volume Colegio Apóstol Santiago. Historia de una larga peregrinación (Vigo, Colegio Apóstol Santiago, 1993) ou o outro, xa menos voluminoso, que leva como título El sorprendente colegio de Monterrei (Madrid, ed. Provincia de Castilla de la Compañía de Jesús, 2006). Froito e acompañamento ó tempo destas e outras pescudas súas será xustamente o “Arquivo Histórico da Compañía de Xesús en Galicia”, creado por el, que se atopa no Colexio Apóstolo Santiago de Vigo e no que se conservan precisamente (na Caixa “Fondo Otero Pedrayo”) os orixinais destas cartas de Otero Pedrayo ós seus destinatarios xesuítas.

Cómpre, neste contexto, poñer suficientemente de relevo algo importante no seu proceso biográfico e investigador. E. Rivera foi paseniñamente decatándose, a través dos seus estudos universitarios, da súa investigación histórica e tamén das súas estancias fóra do territorio galego, de que había algo no labor educativo dos xesuítas en Galicia que non se axeitaba ó que en principio se podería esperar. Pois Galicia, a súa cultura e os modos de ser e de se comportar das súas xentes eran algo diferente do que el podía observar noutros territorios hispanos. A el preocupáballe e doíalle que non se tomase boa nota desta circunstancia e que non se actuase polo tanto en consecuencia, dada a importancia que alomenos en principio a Compañía de Xesús lle daba oficialmente á chamada “inculturación”. Neste sentido, na súa conferencia de finais do ano 1997 co gallo da inauguración do 125 aniversario do colexio “Apóstolo Santiago” de Vigo, dicía:

“A teima desta data de xúbilo do Colexio é a de 125 anos servindo a Galicia. E está moi ben [...] Pero cómpre non esquecer que a Galicia hai que servila como ela quere e necesita. Para servir a Galicia parece preciso ‘inculturizarse’ nela, é dicir, coñecer e asumir seriamente a súa cultura, as súas tradicións, os seus costumes, a súa historia e tamén o seu idioma, que é o cerne de toda cultura. Se estas cousas lle deberían tocar a calquera persoa ou institución que viva e traballe en Galicia, moito máis atinxe a un Colexio coma este que é, por definición, un espazo cultural e ten a responsabilidade de educar e formar mozas e mozos galegos chamados a seren os que han pilotar o porvir desta terra”. (1)

A modo de complemento, indico seguidamente outros escritos seus:

A) Achegas en obras colectivas:
- Monterrey, un proyecto de universidad en la Galicia del siglo XVI. En Jubilatio. Homenaje de la Facultad de Geografía e Historia a los profesores D. Manuel Lucas Álvarez y D. Ángel Rodríguez González. Tomo I (Universidade de Santiago de Compostela – Servicio de Publicacións e Intercambio Científico, 1987), p. 273-284.
- Los jesuitas de Galicia y su presencia en la América española. En: Galicia y la evangelización de América. Las Órdenes religiosas (Varios). Santiago de Compostela, Presidencia da Xunta de Galicia – Secretaría Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas, 1991, p. 193-244.
- Padre Baltasar Merino (1845-1917). En: Baltasar Merino. Un grande naturalista do Baixo Miño (no 150 aniversario do seu nacemento). Monografías da Asociación Naturalista “Baixo Miño”, nº 5 (ANABAM, A Guarda - Pontevedra), 1995, p. 5-16.
- O irmán xesuíta do Padre Sarmiento. En: O Padre Sarmiento e o seu tempo. Actas do Congreso Internacional do Tricentenario de Fr. Martín Sarmiento (1695-1995). Santiago de Compostela, 29 de maio – 3 de xuño de 1995. Consello da Cultura Galega / Universidade de Santiago de Compostela, 1997, p. 469-472.
- La Compañía de Jesús y sus colegios en Galicia, en tiempos de Felipe II. En: El Reino de Galicia en la monarquía de Felipe II (Coord. Antonio Eiras Roel) (Santiago de Compostela, Xunta de Galicia – Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo – Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, 1998), p. 635-649.
- Breve memoria de Xaime. En: O padre Xaime Seixas Subirá. Pregoeiro da irmandade. Homenaxe no centenario do seu nacemento (1915-2015). Edición de Quico Domínguez, Manuel Cabada, Silvestre G. Xurxo (Vigo, Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos, SEPT, 2015), 101-102.

B) Artigos en revistas:
- La “Ratio Studiorum” de los jesuitas del año 1586 y los colegios de la Compañía en Galicia en el siglo XVI: “Compostellanum”, vol. XXXI, números 1-2 (1986), p. 259-269.
- Los jesuitas de Mondoñedo, del siglo XVI al XVIII: “Estudios Mindonienses” (1987) nº 3, p. 453-460.
- A aventura relixiosa e social dos xesuítas en Galicia. Unha reflexión histórico-crítica: “Encrucillada”. Revista Galega de Pensamento Cristián, nº 68 (maio-xuño 1990), p. 233/33/244/44.
- Faustino Boado, un cristián para a lembranza: “Encrucillada”. Revista Galega de Pensamento Cristián, nº 75 (novembro-decembro 1991), p. 496/56 - 503/63.
- De como a Universidade de Comillas xurdiu a carón do río Miño: “Encrucillada”. Revista Galega de Pensamento Cristián, nº 88 (maio-xuño 1994), p. 242/30-252/40.
- Introducción: Amoedo y sus circunstancias. En Carmen patrium sive Pontevedra de Hermenegildo Amoedo: “Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais”, nº 11/1995, p. 210-214.
- Lembrando a Asemblea de bispos e cregos: “Encrucillada”. Revista galega de pensamento cristián, vol. 20, nº. 100, 1996, p. 127-133.
- En el IV Centenario de la Escuela Pública de Santiago: “Compostellanum” vol. XLII, números 3-4 (1997) p. 371-380.
- El P. Conde, gran misionero jesuita, enterrado en Quindimil, Lugo: “Lucensia” (Miscelánea de Cultura e Investigación), nº 20 (vol. X), 2000, Lugo, p. 151-162.

N. B.: Para unha información máis ampla sobre vida e escritos (tamén inéditos) de Evaristo Rivera Vázquez, remito á miña Introdución á edición (2018) na "Biblioteca Virtual" de Galicia Dixital do manuscrito, ata entón inédito, de Evaristo Rivera, Diario de un novicio.

NOTAS:
1. Remito a Manuel Cabada Castro, Evaristo Rivera Vázquez, un xesuíta sabio e fiel (7. I. 1929 - 22. I. 2017): dixital infosj, 6 de febreiro de 2017.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES