Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica dun itinerario e dunha época (7)

martes, 16 de noviembre de 2021
-¿Non sería por mullerego..., tanto que ollas para esa María Manuela de San Cibrao!
Crónica dun itinerario e dunha época (7)
-¡Si, ho, que onde estea María Manuela, nin amigos nin amigas! Entre a súa facenda e mailas súas tetas, é capaz de criar dez fillos..., para repoñe-lo país, agora que tantos morreron na guerra!

-Fala baixo, que igual nos oe, que a sentaches aquí detrás, case en berlina. De propósito, vouche dicir que nese Montecubeiro moitos deberon morrer de morte matada, máis dos que din, pois, sendo unha parroquia tan grande, poucos soben ao noso coche, e a pé a Lugo non irán, que lles cae lonxe, incluso polo travesío.

-Querido Chofer, mira para adiante, que volven as curvas, e eu teño que facelo para atrás, que lle vou chiscar o ollo á María Manuela. ¡En Lugo vouna pasear polo Parque de Rosalía, que é un bo sitio para declararse! En canto á parroquia, máis ou menos a metade dela baixa á estrada de Mosteiro, que lles cae máis á man, e collen a Liña de Trigo, que acostuma parar en cinco ou seis sitios, entre Rioxoán e mailo empalme de Ludrio, pero date por satisfeito, que se máis viñesen, máis coches tería que poñer o Patrón, e por cartos que teña, o que non ten é quen llos venda; do trinque, quero dicir.

-Niso do Parque..., non te poupases, que sendo de Montecubeiro..., igual che ensina a Cara de Christus..., en lugar dos queixos pectorais!

E seguimos con bromas, que xa o temos de costume. Mal lles ten que ir aos tripulantes dunha Liña no suposto de levarse mal, que son moitas horas de aguantarse, case tanto coma un matrimonio.

De Castroverde para adiante, máis leiteiras e queixeiras, dispostas a quitárlle-la fame aos de Lugo, ¡e tamén a casar con eles, se se terza! A ducias, coma os ovos na cesta, pero desde Romeán, a que non vai a pé, cun cesto na cabeza, é que tira do ramal dunha besta! O que apuntei o outro día: A aldea traballa, e Lugo manduca. ¡Manducatorum nostrum, como adoita dicir o meu Revisor!
-.-

Con isto do San Froilán levamos uns días de Coresma, e iso que estamos no outono, pois a xente quédase nas casas, se cadra esperando pola Pascua, esperando que chegue o Domingo das Mozas, que ese día haberá que poñer en ruta o coche vello, de par deste. Os que ían vender, particularmente cousas da labranza, xugos, cestas, aguilladas, loras..., xa están de volta, queixándose de que medio as regalaron pois a xente ten necesidades, coma tódolos anos, pero as cadelas, eses leóns das moedas que lles dan nome, seica se volveron para África, cos mouros, para pagarlles a súa pensión de guerra, os réditos do seu derrame sanguiño. Os do mular son os únicos que volven ledos; cruzámonos con eles a todas horas na viaxe de vida. Despois daquel escarmento baixando da Fontaneira, agora doulle ao freo vinte varas antes, nada máis velos.
Crónica dun itinerario e dunha época (7)
En canto aos potentes, aos privilexiados da berlina, teño a impresión de que se quedaron en Lugo, de fonda, dándolle ao pulpo, que así é como lle chamamos por aquí ao polbo das rías. Tróuxenos, pero non os vin regresar; eses non o fan a pé, e con cabalo tampouco, pois en Lugo non teñen quen llelos coide. Hai algunha fonda con cortes, tal que a Ideal, na rúa de San Pedro, que é dun tal Estevo de Luaces, pero abren de mediodía, e non os queren despois da cea.

Os potentes da Capital, eses colegas dos nosos, de bos camaradas que son..., ¡vanse de Lugo, como pouco, unha semana! Cando lle comentei ao Revisor esta sospeita, díxome:

-Xa sei que se non fose porque non vales para dar leña, estarías na Policía. E agora, dime: ¿Por que se van, sendo os amos, os patrucios da festa?

-¡Ti pareces da aldea! Os patrucios teñen a obriga, tradicionalmente, de invitar aos parentes, pero..., ¡iso sáelles máis caro que colle-lo expreso de Madrid! E se algún se queda por aquí é simplemente para que seus compadres da aldea non lles traballen o horto, o monte de Venus, da querida. Ten presente que non hai ninguén máis celoso que un mouro, e mouros son eses que teñen un fato de mulleres.

Debeume entender, e iso que llo dixen en metáfora, porque calou, cousa que só fai cando me dá a razón pola tácita, que é o seu estilo.
-.-

Téñoo experimentado: Viaxe con anécdotas, ou con pensamentos ¿metafísicos?, á noite, nin na Fonsagrada, co tranquila que é! Se fose ao revés, se durmise en Lugo, seguro que me daba por soñar cos romanos, e sería peor!

Tárdame por ler algún libro que se ocupe das relacións entre lucenses e lugueses, pero non o dou atopado; na Balmes, esas solteironas tan filosóficas, tan filosóficas e tan amables, a cal máis, xa me recomendaron que o escriba eu, e que mo venden elas, pois opinan que reúno as dúas condicións: Coñezo Lugo e coñezo a aldea; a maiores –tamén din- que sei redactar. Que os de Lugo saben redactar pero non se abaixan ao rural; e os do rural, ¡meus pobres!, abondo fan con asomarse ás picardías dos escribáns e dos letrados. ¿Terán razón? ¡Adoitan tela, en canto con elas levo falado, pero isto de analizar as persoas segundo o seu estamento..., nin o Médico Vilabella, e iso que pasa por ser un dos máis listos de Galicia, que se atreveu a escribir un libro sobre a tuberculose, esta epidemia da posguerra, tan selectiva que só ataca aos pobres.

Os da muralla queren ser chamados "lucenses", e alegan para iso que son, e andan, lucidos, maiormente de garabata; pola contra, os aldeáns seguimos adorando ao deus Lug, aquel que comungaba coas landras dos carballos, séxase, antes de Cristo. ¿Terán razón? Tanto se a teñen coma se non, a min ben me fan razoar, e como os pensamentos son inimigos do sono, case me durmo cando vai cantar o galo. Vou seguir escribindo, iso si, a ver se aliñando os pensamentos..., a ver se os evaporo!

Onte collín, tamén na Balmes, un libro de Historia, onde se di que os romanos construíron a muralla de Lugo... ¡Mentira cociña! Foron os lugueses os que llela construíron, quere dicirse, os de Lug, como despensa e caixa de caudais; á forza de látego, por suposto. Matinando e matinando cheguei á conclusión de que por iso se chaman, ou fan chamar, lucenses, lucidos, porque veñen dos romanos, os máis deles, e por iso se quedaron, e seguen, de murallas para dentro.

O libro di que máis tarde, en virtude dun "foedus" pactado cos romanos, viñeron os suevos, eses das vacas teixas... Como eu, de latín, nada, ¡debo proceder dos suevos, e non dos romanos!, pregunteille ao seminarista, ao ex, que algo de latín estudou, que que era iso do "foedus". O Revisor, que se dá de listo, e ata o será, xa que desertou do arado, quedouse pensativo, pero acabou atopando a idea:

-Mira, ho, non o sei con exactitude, e os libros hai que deixalos no Seminario, para os que veñan detrás, pero iso de foedus, foedus..., sóame a fodianga! ¡Xa o teño: que os romanos foderon aos suevos, traéndoos de caseiros! ¿E onde están os caseiros? ¡Nas aldeas, nas casarías dos lucenses, que llelas alugan, sexa en cartos ou a medias! ¡Claro, son herdeiros dos romanos!

Non hai nada como ter un compañeiro culto..., e se é Revisor mellor aínda, pois eses revísano todo, incluso as verbas!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES