Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O gusto por manter unha cultura (4)

jueves, 25 de noviembre de 2021
A lingua na que mamamos

Si, agora mesmo a lingua materna xa non é, en moitos casos, o galego.

Deturpouse a sociedade de forma que os que vivían na cidade e nas vilas conseguiron impoñer a outra lingua. Esa outra lingua que tamén é nosa, coa que nos identificamos cando estamos fóra da casa e á que defendemos cando imos polo mundo e pretenden impornos outra máis imperialista. Porque si, hai quen é de lingua do imperio, do poder; hai quen é nacionalista de metrópole e hai quen o é de colonia. Quen se sitúa do lado vencedor e pode incluso negarse a si mesmo, para ir cambiando de uniforme conforme a batalla se vai definindo por un ou outro exército. Por exemplo, non podemos negar que moitos dos chamados nacionalistas españois que van atacando as outras linguas (galego, catalán, euskera) ao final están dispostos a que a súa rapazada reciba as clases de diferentes materias en inglés aínda sen ser tan torpes como para pensar que así aprenden a materia e o inglés. Non se pode estar tan alienado como para non darse conta de que está ben aprender idiomas pero non ten maior sentido aprender o vocabulario dunha área nese idioma cando non sabemos por onde vai ir a súa carreira, calquera entende que a base dun idioma é a vida normal e, logo, cando precisamos a linguaxe técnica da profesión facemos unha inmersión e estudamos o vocabulario. Pois si, español contra o galego pero seguramente inglés contra o español, porque canto máis poder se vente máis horas deste idioma queremos no ensino.

No ano 75 do século pasado houbo unha folga de profesorado, creáronse as asembleas de zona, discutiuse unha táboa reivindicativa e á hora de introducir ou non a introdución do galego no ensino había dúas argumentacións: a pedagóxica, que xiraba arredor das preguntas... como podemos falarlle nun idioma diferente ao da casa? Como podemos defender principios que falan de proximidade, de partir do seu entorno, de utilizar o método indutivo (dende o máis achegado ao máis afastado) se non falamos na lingua que eles falan? e a patrimonial, porque aínda que non o falaran (que non era o caso agás nunhas circunstancias moi especiais) como imos permitir que se perda unha lingua que forma parte do acervo cultural do mundo? como negaremos a evidencia dun idioma propio cando os estudos científicos o teñen demostrado? como deixaremos que se derrube unha catedral diante dos nosos ollos?

E seguimos nas mesmas. Agora, asistimos a unha rotura da cadea cos avós e moitas veces os pais falándoa e a rapazada utilizando outra lingua para comunicarse entre eles e incluso con eles. Xa semella normal, cando alguén fala galego ha de estar acostumado a ter un diálogo en dúas linguas, mentres que se fala castelán farao nun só canal; é dicir o bilingüismo existe cando alguén fala galego, do contrario o país é monolingüe, o que quere dicir que se alguén considera que o bilingüismo é un problema, o estorbo é o galego; polo tanto todos os que defenden o bilingüismo e plurilingüismo, estarían dispostos a apuntarse ao monolingüismo da lingua máis poderosa.

Cómo lle imos dicir ás familias que levan pagando clases particulares de inglés a manchea e facéndolle de taxista á rapazada para ir e vir que foi un engano, que non é tanto o nivel que conseguiron cos centros plurilingües e que posiblemente perdemos máis do que ganamos. Pois hai que ser valentes, porque o máis cedo pode ser algo tarde pero nunca o será tanto como se seguimos enganándonos. Hai estudos que nos deberían facer pensar. Hai experiencias que falan de que para plurilingües non valen todos. Hai hemeroteca que fala da entrega do profesorado a unha falacia a cambio das moedas de Xudas cando noutros lugares os descendentes de Miró donaron cadros para apoiar ao profesorado consciente. Somos un país de entreguistas dispostos ao que sexa para que nos poñan unha P. Xentes que damos o que temos para que nos miren como se anda a facer con fundacións de bancos e demais ás que o profesorado cede o seu saber práctico, a súa creatividade a cambio dun papel para o currículo, unha entrada nun blog... saberes dos que a organización coñece moi ben o seu valor e acabará vendendo ás grandes corporacións de ensino privado para que o seu avance sexa máis doado e así podan educar ás clases escollidas.

Vivimos sen vivir en nós.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES