Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aprendendo das nobres bestas do monte

martes, 16 de noviembre de 2021
A natureza é sempre sorprendente e admirábel. Nela se sitúan tamén a existencia e mailos comportamentos das greas de bestas dos nosos montes galegos.

Farei aquí, de xeito case anecdótico, algúns comentarios sobre elas desde a sempre limitada propia experiencia tendo en conta desde o principio que, segundo nos indican os entendidos, as nosas bestas do monte non son estritamente "cabalos" (Equus ferus caballus) senón garranos (Equus ferus atlanticus), dispoñéndomos así nos nosos montes dun verdadeiro e inapreciábel tesouro natural ambulante.

Como orixinario que son do Sabucedo da "Rapa das bestas" onde se celebra esta coñecida festa, declarada de interese turístico internacional, cómpre indicar que no pasado ano 2020, debido á pandemia, non foi posíbel a súa celebración, mentres que este ano só puido celebrarse, aínda que con determinadas restricións, con dous meses de retraso.

Pois ben, dado que as escenas de enfrontamento entre os griñóns "xefes" das diversas greas montesías son no curro, como é sabido, esperado momento emocional de cantos a el acceden, cómpre indicar que tales escenas non son porén en realidade máis ca regrados ou rituais intentos de os griñóns separaren as bestas da propia grea das pertencentes a outras da mesma eguada.

Puiden comprobalo, de maneira indirecta e ostentosa, hai xa anos cando os aloitadores, no aínda daquela utilizado curro antigo (á beira mesma da igrexa parroquial) e co fin de apazugar perigosos movementos das bestas no interior do mesmo, desviaron os alí presentes griñóns das diversas greas á estreita estrada inmediata ó curro. Non me era case posíbel crer desde a miña deformada ollada humana o que alí estaba a ocorrer ante os meus propios ollos, mais alí estaban ben á vista os tres ou catro griñóns en inmediata e mutua proximidade, calmos e apracíbeis -case en amigábel, mutua e secreta conversa- sen a máis mínima mostra da previa -mutua e recente- suposta agresividade. Sorte a de eles non seren humanos... e, xa que logo, de estaren dotados dunha agresividade naturalmente regrada.

Pode dicirse, alén disto, que as bestas teñen sentimentos ou como tal modo de comportamento se queira denominar? Non me refiro aquí só á rechamante e dilatada proximidade desde o nacemento da nova cría á nai durante anos ou ós especiais rinchos de mutua chamada pra elas se atoparen ou aproximaren. Rememoro seguidamente ó respecto unha escena vivida no mesmo lugar de Sabucedo hai agora xa tamén ben de anos e que conservo nidia na conciencia. Vexamos concretamente.

Como é sabido, e especialmente en tempos anteriores, no último día (o luns) de permanencia das bestas na localidade os veciños adoitan ou adoitaban conducir as súas bestas particulares xunto coas súas crías ("bichos") ás cortes ou eiras das propias casas, realizándose así nelas as operacións de rapa, marcaxe etc. Estas non podían ser realizadas no curro, pois aquí só se aloitan ou rapan, en seguimento da herdada tradición, as "do santo", é dicir, as bestas que constitúen -por así dicilo- o núcleo simbólico da eguada, as pertencentes á igrexa. Será logo cara ó mediodía cando as bestas particulares volverán xuntarse coas "do santo", sendo conducidas todas cara ó monte para se dirixiren xa logo elas mesmas directamente e a paso lixeiro cara ás propias e diversas zonas montesías.

Pois ben, foi na mañá do día seguinte á marcha das bestas ó monte (trala celebración da festa da Rapa) cando puiden, moi sorprendido, presenciar directamente como unha das bestas particulares se achegaba -ela soa e sen ostensíbeis precaucións, tal como se podería en principio supoñer, ante a presenza humana (a miña e a doutros)- á cancela da eira da casa particular na que no día anterior quedara a súa cría, previamente adquirida en venda por algún tratante nela interesado. Non resultou en absoluto cousa doada convencer a nai de que a súa cría non estaba xa alí e de que debería iniciar polo tanto a volta cara á súa propia grea de Montouto...

Dito isto, cómpre engadir finalmente que semella estaren porén as bestas de Sabucedo ben ó tanto da seguridade que lles poden ofrecer os veciños e mailas casas da aldea que unha vez ó ano visitan, pois algunha vez ten xa ocorrido elas se introduciren, perseguidas polos lobos, na propia aldea coa consecuente sorpresa e satisfacción por parte da veciñanza. Saben ben que son alí máis ben os lobos os que corren perigo, non elas.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES