O exército nos montes galegos
Editorial - jueves, 07 de agosto de 2008
O Exército español, en tempos, era temido polos propios españois. Era a herdanza, na postguerra, duns feitos e dun tempo que compre non esquecer.
Hoxe, o Exército español é un exército para a paz e non para a guerra, aínda que soe raro dicir algo así. Pero a fin de contas ven responder ó vello aforismo de "si vis pacem, para bellum".
O Exército en Galicia leva un tempo dedicando importantes efectivos a que non se produzan lumes no monte, e sexa por esta ou por outras causas estamos tendo un verán do máis pacífico no que a lumes nos nosos montes se refire.
Tanto é así que a ministra Chacón xa manifestou a súa convicción de que o modelo da loita galega contra do lume, Exército incluído, valla para outras comunidades hispanas, polos seus excelentes resultados e a tranquilidade que a situación desperta entre todos nós.
Non ocorre o mesmo en Italia onde a controversia sobre o despregue do exército para colaborar no mantemento da orde pública coas forzas de seguridade desperta todo tipo de reaccións, case ningunha favorable.
Para os máis "duros", que o exército se empregue en accións humanitarias e mesmo en prevención de incendios pode parecerlles fóra de lugar e ata que desvirtúa o seu papel de forza de ataque.
Pois para a inmensa maioría, na que nos atopamos, nunca máis xustifica o Exército español o seu papel como cando contribúe á paz e á tranquilidade, ó progreso e ó mantemento dos nosos bens colectivos, como está a acontecer en Galicia.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora